Pasos cara o decrecemento económico

Pasos cara o decrecemento económico

A crise económica na que vivimos e da que tanto oímos falar semella escurecer diariamente a nosa existencia. Crise significa cambio e polo tanto reflicte a existencia de novas oportunidades, sen embargo as esperadas reformas sobre usos e abusos financieiros e a imposición de novas regras de xogo aos mercados está nestes momentos totalmente esquecida. Semella que imos reproducir o anterior esquema de crecemento económico para saír da crise. En contraposición gana forza día a día, e sobre todo, definición concreta a Teoría do Decrecimento Económico.

O modelo de crecemento económico capitalista convencional promove o crecemento da riqueza das nacións medida en base ao incremento anual do P.I.B (Produto Interior Bruto) que mide a renta dispoñible derivada da suma das múltiples transaccións económicas que existen dentro dun país.

A maioría dos políticos mal informados asumen que un crecemento do PIB superior ao 2% anual produce emprego en cantidade suficiente para facer descender a taxa de paro dun momento dado. Mais esta afirmación é simple de máis para poder ser certa en realidade.

Na realidade o PIB e o seu crecemento teñen múltiples problemas para ser un indicador fiable do nível de vida dunha poboación. Só miden intercambios económicos polo que numerosos aspectos beneficiosos para aumentar a calidade de vida quedan fóra da súa medición, como por exemplo ter un medio ambiente escasamente contaminado, ou as actividades que inciden na mellora da conservación da natureza que, simplemente non contan. Os servizos públicos destinados á atención sanitaria son contemplados como gastos aínda que repercuten de xeito fundamental no benestar e tamén melloran a capacidade de crecemento económico. Por último accidentes como o do Prestige incrementan o PIB a pesar de constituir un revés na economía debido aos artificios contables da descontaminación e das axudas percibidas polos afectados.

Existen outros indicadores que si integran outras variables necesarias para medir a calidade de vida, como por exemplo o Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) elaborado pola ONU, ou a Pegada Ecolóxica que mide o impacto dos seres humanos dun territorio en base ao número de hectáreas de terreo necesarias para a súa supervivencia.

Non existe até o momento ningún indicador coñecido que integre todas as variabeis medioambientais, educativas, sanitarias, económicas, etc, ponderadas según a súa importancia relativa, e que sirva para estimar a calidade de vida total.

A ineficiencia do PIB para medir o nível de vida resulta evidente, pero sen embargo segue a ser utilizado polos gobernantes para estimar o éxito ou fracaso do seu goberno e son parámetro fundamental para decidir o voto "democrático" que designará aos novos gobernantes. Desmontar esta falacia é fundamental para que o sistema económico evolucione cara erradicar a pobreza, aumentar a calidade de vida dos cidadáns, e asimesmo sexamos capaces de facer isto destruindo o menos posible o medio ambiente.

A limitación que impón o medio ambiente é un aspecto clave a ter en conta na planificación económica. Non semellaba moi importante para os economistas clásicos. Sen embargo a finais do século XX evidénciase a imposibilidade do crecemento económico ilimitado debido simplemente a que vivimos nun planeta finito e cuns recursos naturais finitos. Un bó punto de partido é o Informe do Clube de Roma de 1972 titulado "Os límites do Crecemento".

Se non podemos crecer ilimitadamente e pretendemos extender o nível de vida dos países desenvoltos cara os máis pobres non podemos seguir consumindo recursos naturais a este ritmo porque non existe cantidade suficiente para chegar a este propósito.

O Decrecemento económico organizado nos países de maior PIB per capita, máis a transferencia de renta cara os países subdesenvoltos é quizais a única maneira de evolucionar cara un futuro aceptable no que se reduzan as diferencias de renta e de calidade de vida entre uns e outros. O actual sistema económico de consumo, ao que se está a incorporar o continente aisático, está ocasionando graves problemas medioambientais (cambio climático, deforestación, perda de biodiversidade...). Ademais albícase a próxima chegada do cénit da principal fonte de enerxía que alimenta a este sistema de producción económica, o petróleo. O Ouro Negro e os seus derivados fornecen unha multitude de productos distintos, que teñen como principal expoñente o combustible líquido da maioría dos vehículos de transporte.

O Decrecemento económico empeza sendo considerado como unha opción individual dos consumidores preocupados por reducir a súa pegada ecolóxica e existen moitas variantes que promoven un estilo de vida máis sinxelo e un menor consumo. Esta crise económica sen embargo é o momento axeitado para comezar a debuxar iniciativas colectivas que incidan nun cambio de modelo económico na producción de enerxía, nas empresas e finalmente nos organismos públicos e privados encargados da planificación económica futura.

Neste sentido, se somos capaces de ler entre liñas, podemos atopar numerosas noticias de actualidade que abordan o momento económico actual e que enfocadas dende o punto de vista que aporta a Teoría do Decrecemento cobran novo sentido e no futuro poden enxendrar un modelo económico distinto.