Partidos políticos ou empresas?

Partidos políticos ou empresas?

-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------


Hai partidos políticos que naceron nunha especie de contubernio de intereses sociais e económicos comúns coa única finalidade de manter e acrecentar o status dos seus membros, servíndose do poder e da burocracia e utilizando as canles e a maquinaria política. Todos coñecemos exemplos a nivel do estado, pero poderiamos citar algún sen precisar saír de Galicia. Outros partidos, con independencia da súa xénese e dos seus presupostos ideolóxicos iniciais, convertéronse, así como chegaron a un elevado grao de crecemento e de poder, en verdadeiras organizacións empresariais que basean a súa actividade na xestión do público. Os seus medios de produción non son barcos nin fábricas, senón despachos e cuños oficiais, e o clímax dialéctico entre o que poderiamos chamar forzas produtivas e relacións de produción ten lugar durante as, cada vez máis longas, campañas electorais.

Nestes partidos-empresa, os militantes de base son os empregados, os obreiros, os que fan os traballos a pé de rúa e mesmo físicos, pero imprescindibles, como portar e axitar bandeiras nas manifestacións, mitins e demais actos públicos (para agarrarse á pancarta hai que ascender moito no organigrama), pegar carteis a golpe de caldeiro e vasoira, repartir propaganda, vender talonarios de lotería, etc. Entre estes militantes, hai unha maioría –e nela basean e manteñen o seu poder os xefes- que non aspiran máis que a poder presumir de formar parte do persoal da empresa-partido. Outros ambicionan escalar postos e ascenden na escala, xa sexa de xeito leal ou empregando toda caste de artimañas máis ou menos limpas. Así se configuran os cadros de mando, baronías, círculos de poder, “pepitos-grilo” e, xa que de empresas falamos, fontaneiros. Hai partidos que nacen (e insisto no do nacemento, pois o posterior desenvolvemento, como o ambiente nas células, pode dexenerar unha boa xenética), máis que dunha conxunción de intereses, sexan eles egoístas ou altruístas cun grao maior ou menor de utopía, dunha suma de sentimentos, de amor. Estoume a referir aos partidos nacionalistas, xa que estes, con independencia da súa ideoloxía ou tendencias e criterios no reparto da riqueza, teñen como fin último, se realmente son tales, a terra, o pobo, a nación. Se, ideoloxicamente, amais de nacionalista, este partido é marxista, a súa actividade política irá encamiñada a prol da liberación e engrandecemento da propia terra e, solidariamente, da de tódolos pobos asoballados do mundo. Ningunha terra que sufra é allea ao sentimento destes nacionalistas. Como moi ben saben os homes e mulleres da UPG, isto, que semella ser tan obvio e sinxelo, non hai xeito de llo facer entender aos bos marxistas (dos outros non falo) alleos ao nacionalismo. Ficaron confusos coa letra da Internacional e nin se pararon a pensar no que sucedeu coa participación dos obreiros, dos “escravos da terra”, nos distintos bandos da Grande Guerra.

,Os partidos que naceron para conxugar intereses económicos individuais ou os que o fixeron coa dignísima intención de loitar a prol dos máis desfavorecidos, procurando cotas de poder que lles permitisen un equitativo e xusto reparto da riqueza, pero que, pasados os anos e pisada moqueta, esqueceron a súa razón existencial e se transformaron en empresa teñen agora como única finalidade a consecución do poder polo poder para continuar a manter todo o enorme aparato que xeraron. Os militantes de base seguen no seu sitio, pero os miles de afiliados que chegaron a ser alguén na inxente cantidade de despachos de todo rango teñen que loitar, a costa do que sexa, para non perder o seu medio, exclusivo ou non, de supervivencia e, en moitos casos, de poder, o que a miúdo vén sendo o mesmo.

Non vou caer no obvio de explicar en Terra e Tempo que é e por que loita a UPG (aínda que tal vez, lendo o que ignoran por escrito algúns francotiradores anónimos, non estivese de máis). Este partido, como toda obra humana, avanza e realiza a súa peripecia con acertos e con erros; pero o que teño eu moi claro é que ten e mantén unha ideoloxía perfectamente nidia e definida, uns presupostos inmutables, mais sen relación ningunha co que certos compañeiros de viaxe, para xustificar a súa defección, queren asimilar a un dogmatismo irracional de tipo relixioso. O amor á Terra e, por extensión, a tódalas terras que sofren non é un sentimento irracional, senón algo magnificamente nobre e digno de gabanza. Como partido político que é ten necesidade de tocar poder para acadar os instrumentos que lle permitan a transformación da sociedade galega; pero non a calquera prezo. Pasou o que pasou co bipartito e algúns, en tan pouco tempo, senten desacougo fóra dos despachos. Outros son incapaces de pasar unhas horas lonxe dos micrófonos da prensa, pois a segunda ou terceira liña failles sufrir e aplicárense con arrepío o conto do “¿Que se fizo el rey don Juan? / los infantes de Aragón / ¿que se fizieron? / ¿que fue de tanto galán? / ¿que fue de tanta invención / como trujieron?”. Pois que vaian acougando, que aínda non se inventou ninguén imprescindible e moita xente, hoxe, nin sabe quen eran os tales infantes, nin se lles perde moito.

A sangría que está a padecer o BNG, xusto nun intre tan delicado para o PP, sangría que resulta sospeitosamente intermitente e que vén sendo transmitida polos medios cunha enorme compracencia, é obvio que está a facer dano ao nacionalismo galego; pero coido que, a curto prazo, resultará moi beneficiosa, pois poñerá a cada quen no seu sitio e os estrategos do novo partido que disque se anda a xerar van teren que andar coma toliños, sen saberen moi ben que votos poden repañar dos seareiros do PSOE e do PP. Que lles van dicir? Que son coma eles, pero a maiores un pouquiño galeguistas? Aínda fican no BNG indecisos, uns porque non teñen moi claro o futuro, non saben que posto poderían ocupar no organigrama dese novo partido e dubidan se talvez non fose mellor tentar un currunchiño con algo de xeito no PSOE ou, xa postos, no PP. Non hai máis que ver o que está a pasar con certos concelleiros, que, despois de dicir que marchaban ou que andaban a matinar se seguían ou non o camiño da súa corrente, decidiron que, polo de agora, era mellor seguir no posto, que sempre se cobra algo, que perder o soldo, se deixan o partido e caen da poltrona á nada.

É duro, pero así coma para unha dor de cabeza pode funcionar a aspirina, un tumor maligno localizado require cirurxía e outros tratamentos moi ben máis agresivos. Despois deles, sandarase ou non; pero a base de aspirinas non hai nada que facer, pois para chegar ao Sábado de Gloria hai que pasar a Paixón.