Partidos políticos, congresos e democracia

Partidos políticos, congresos e democracia

Xa vai alá máis dun século desde que Lenin escribiu o seu "Que facer?" (1902), libro que se converteu en manual, en guía de referencia para a organización, a estratexia e as tácticas de tódolos partidos políticos posteriores, con independencia das ideoloxías. Precisamente, pola importancia que chegou a acadar o libro, fixéronlle dicir cantidade de cousas que non figuran nel, e moitas das ideas esenciais do mesmo foron terxiversadas. Por citar só unha, pensemos no papel que Lenin concedía aos intelectuais dentro do partido, pois chegouse a afirmar, e aínda se fai, que para el a intelectualidade debería ocupar o lugar máis relevante do aparato, máis ou menos como se estivésemos a falar de Platón e o papel dos filósofos no goberno da polis. O propio autor protestou repetidas veces contra o que os demais quixeron ver na súa obra e insistiu en que, cando escribiu que o partido debería ter unha estrutura autoritaria controlada por unha cúpula, había que ter en consideración as circunstancias políticas que motivaron o texto, así como a clandestinidade na que tería que se desenvolver o partido.

Pero Lenin combateu sempre o poder dos intelectuais no movemento socialista, na liña que xa principiaran Marx e Engels, cando facían notar que había que estar sobre aviso con respecto á burguesía intelectual dentro do partido. O anterior non impedía que Lenin sinalase, como nos lembra Gilles Martinet en "El marxismo de nuestro tiempo", que sen o aporte dos intelectuais, o movemento obreiro nunca tería pasado do nivel trade-unionista. Valora Martinet o papel dos intelectuais, cando o movemento se atasca ou se afunde nunha vía morta, papel que "só podían negalo os escritores domesticados do período staliniano"; pero, engade, "Dito isto, é indudable que toda corrente política que permanece confinada no medio da intelligentsia se converte rapidamente en secta". O que si defendeu sempre Lenin foi que un partido tiña que ter programa e estatutos únicos, así como un órgano con tódolos poderes. Este órgano sería o Congreso do partido e nos períodos entre congresos sería un Comité Central quen desempeñase o papel de aquel. O que ten que haber sempre no partido, dicía el, é unha disciplina única, e a unidade debe estar por riba de todo, custe o que custe.

Vemos isto no congreso de 1903, no que gañou o grupo de Lenin co apoio de dirixente marxista Plejanov. A minoría, os menxeviques, decidiron escindirse e Plejanov, en aras da unidade, pediu a Lenin que se entregase aos perdedores o control de Iskra, o órgano de comunicación. Pretendíase así que, para permaneceren unidos, quedasen co poder os perdedores, a minoría, ao que Lenin se opuxo, argumentando que os que gañan teñen dereito a facer as súas propias políticas, e que aos perdedores o que lles toca e facer por gañar no seguinte congreso; pero que nese intre, democraticamente, deben aceptar os resultados. Cando Lenin falaba de disciplina única, insistía en que a minoría debe de estar sometida á maioría, pois, para el, centralismo e democracia eran dúas partes inseparables dun todo.

Precisamente, por mor desta defección dos menxeviques, escribiu Lenin aquela outra obra titulada "Un paso adiante e dous pasos atrás" (1904) coa intención de superar a crise bolxeviques-menxeviques, crise mesmo estatutaria, xa que ata se discutía quen era e quen non era membro do partido. As teses menxeviques encaixarían ben na participación que o PSOE, seguindo o modelo francés, quere dar aos simpatizantes na elección de candidatos; Lenín non aceptaría tal cousa; pero esta é outra historia.

Vimos de asistir aos Congresos do BNG e do PSOE, e tanto os resultados dun como os doutro, así como as reaccións dos respectivos menxeviques (no senso literal de minoría) trouxéronme á cabeza aqueles intres de inicios do século pasado nos que as cousas e as situacións, sendo tan diferentes, levaron a respostas similares. A Lenin non lle tremeu o pulso, negándose a facer concesións aos perdedores e estes non tiveron empacho ningún en demostrar que a democracia non debería de rexer, cando eran eles os prexudicados. É incrible que, hoxe, incluso membros da intelligentsia retiren a careta e non acepten as regras democráticas establecidas con anterioridade á emisión dos votos. Por que non relén a Lenin e asumen que o que perde o avión, aínda que sexa por un segundo, non pode voar? Que conseguen protestando publicamente e dicindo que a derrota foi pola mínima máis que ficar como individuos de democracia feble e darlle azos e argumentos ao PP?

Certamente, no PP, partido que, por moito que lles proa, ten tamén unha estrutura debedora de Lenin, solucionan isto dun xeito que lembra os sistemas políticos dos pobos bárbaros, ou, se prefiren, xermánicos: monarquía electiva e clientelismo absoluto con relacións feudovasaláticas que levan a recoñecer ao xefe do grupo como máxima autoridade e a apoialo unanimemente, xa sexa para a secretaría xeral ou para presidente da deputación de Ourense, mesmo lembrando aqueles tempos de simonía, nos que a un individuo se lle daban tódalas ordes sagradas xuntas nun día, entrando laico e saíndo cardeal e ata papa.. O mesmo que sucedía entre os godos, hoxe o xefe regala prebendas e postos de traballo e o cliente débese a el en corpo, alma e voto.

Os partidos políticos ou bloques de partidos, aos que Gramsci, profundamente leninista na concepción dos mesmos, chamaba "o novo Príncipe", teñen que respectar e facer respectar a todos e a cada un dos afiliados, con independencia do lugar que ocupen no organigrama, os seus propios estatutos e as normas de funcionamento que democraticamente se deron. Falar de integración, como andan a facer os perdedores no BNG ou no PSOE, significa non querer aceptar as propias normas, e amagar con largarse é desplante de mal xogador que, cando non lle saen as cartas doadas, rompe a baralla. Hai dous meses, escribín neste mesmo xornal dixital algo sobre o asunto, polo que agora tan só quero rematar insinuando aos gañadores que, ata por ben das formas democráticas, pensen en Lenin e obren en consecuencia. Como vexo que algúns non saben pertencer a un partido, mesmo ocupando postos relevantes no mesmo, lémbrolles que Pascual Madoz, ben coñecido polos historiadores, dicía que el acataba os mandatos do seu grupo ata nos seus extravíos (a cursiva é miña). É o mínimo esixible, e se non, irse.