Pardo de Cela á luz da Historia

Pardo de Cela á luz da Historia

Ignoro se o mariscal Pardo de Cela foi boa ou mala persoa. Nin o sei, nin como historiador me interesa, pois é algo que para a Historia carece da máis mínima relevancia. Seica Franco era un avó cariñoso, e non se pode negar que Hitler acabou portándose con Eva Braun como un auténtico cabaleiro. Mais, certo ou non, a significación histórica deses personaxes non se altera un miligramo. Os caracteres individuais trátanse noutra sección, a da biografía...

O valor político de Pardo de Cela na Historia de Galicia debe ser calibrado no contexto das circunstancias en que se moveu, do seu comportamento na dialéctica que daquela se estaba a desenvolver.

Na segunda metade do século XV Europa atravesaba unha conxuntura clave no proceso de configuración social e política da modernidade. Mentres a burguesía aspiraba a conquistar espazos de poder autónomo urbano, a oligarquía aristocrática (en Galicia maiormente o episcopado) procuraba ampliar a súa hexemonía mediante a organización dun Estado á súa medida; potente, centralizado e ao servizo dos privilexios feudais. Será o chamado Estado Moderno, portentoso instrumento de dominio interno e de agresión exterior, chamado a repartir polo mundo guerras e xenocidios seculares, como antes non se viran, consolidando a hexemonía imperial de Europa en xeral, pero moi particularmente a de certas nacións. Galicia non foi das chamadas a dominar; ao contrario, tocoulle se dominada. (Que cada quen valore a proporción da sorte e da desgraza).

O episodio máis trascendente desa fase histórica de gran alcance, foi aquí a Revolución Irmandiña. Entre 1466 e 1469 unha emerxente (pero fráxil) burguesía comercial urbana foi quen de aglutinar a amplos sectores, desde os máis populares ata a membros da nobreza, en contra da alta aristocracia. E facíao aproveitando a cobertura legal que lle brindou a sublevación xeralizada desa aristocracia contra o rei Henrique IV, por pretender este establecer un mínimo control sobre os poderes privados feudais, que desde o século anterior (cando se abriu a profunda crise do séc. XIV) se lanzaran ao saqueo desaforado dos recursos e ámbitos colectivos. Poñían o maio empeño en apropiárense das xurisdicións municipais burguesas, que defendían a súa permanencia no dominio público da Monarquía.

Concretamente en Viveiro, en 1447 fixérase co control da vila o cabaleiro Afonso Pérez de Viveiro. En 1465, en vísperas da revolución irmandiña, detentábao o seu fillo, Xoán de Viveiro, en contra da vontade dos veciños. O Concello estaba de parte do rei (Henrique IV) e consecuentemente Xoán de Viveiro aliñábase cos que se sublevaran contra el, ese mesmo ano.

Dede 1464 Pardo de Cela era alcalde no Concello de Viveiro e o ano seguinte a propia institución municipal o reelexía, «nomeándoo alcalde do dito Conçello polo dito señor rei», segundo consta na acta correspondente, ao tempo que o rei agregaba a vila á Coroa e desposuía do señorío a Xoán de Viveiro.

Desta forma, no conflito en curso Pardo de Cela colocábase, xunto cos veciños, da parte do rei, enfrontándose non só ao dito Xoán de Viveiro, senón tamén á condesa Tareixa de Zúñiga, que señoreaba a vila e fortaleza de Ortigueira, e ao propio bispo, ao ser nomeado comendeiro do bispado de Mondoñedo.

Tal vez sexa moi rotundo catalogar a Pardo de Cela como irmandiño, pois non nos consta a súa expresa afiliación á Irmandade, mais do que non pode caber dúbida é de que a súa belixerancia foi en favor dos obxectivos perseguidos por esta e, ao igual que ela, contra o señorío anti-lexitimista.

A célebre frase debida a unha testemuña do Pleito Tabera-Fonseca, sesenta anos despois dos acontecementos, segundo a cal o mariscal recomendaba ao seu sogro, o conde de Lemos, que «enchese os carballos de vasalos», procede dunha fonte oral e, de ser certo, ten un valor meramente circunstancial. De todas as maneiras, é innegable que Pardo de Cela pertencía á nobreza e os seus particulares intereses de clase débense dar por descontados, pois no campo das Irmandades non todos eran do mesmo parecer. Mais o verdadeiramente relevante é o rol político que o mariscal adoptou no momento decisivo, cousa que seguramente non faría por simple idealismo, senón por propio interese.

Pasada a maré municipalista das Irmandades, Xoán de Viveiro militou no bando de Isabel a Católica, personaxe escollido pola oligarquía aristocrática para encabezar o modelo de Estado que se vai impoñer. Con esa parcialidade contaba recuperar o señorío sobre Viveiro. A súa muller, María de Acuña, foi nada menos que madriña na voda de Isabel con Fernando, e no palacio que tiña a familia en Valladolid foron acollidos os recén casados mentres durou a guerra coa que Isabel lle arrebataou o trono a Xoana, filla de Henrique IV.Como se ve, pertencía a esa caste de políticos que fan carreira contra o país servindo poderes alleos. E obtivo a súa recompensa: en 1476 os Reis Católicos, unha vez no poder, retiráronlle a Pardo de Cela a súa autoridade en Viveiro e entregaron o señorío da vila ao vizconde Xoán de Viveiro.

Mais, como todo o mundo sabe, a cousa non rematou aí. ¡O que son as cousas! A tal María de Acuña (esposa de Xoán de Viveiro) resultaba ser irmá de mesmísimo Fernando de Acuña, precisamente quen ordenou, na súa calidade de Xustiza Maior ou Virrei enviado polos Reis Católicos a Galicia, a execución de Pardo de Cela en 1483.

Concluíndo: o fracaso e morte de Pardo de Cela constitúe un episodio (relevante pola súa resistencia e dramatismo) na refeudalización de finais da Idade Media e no establecemento dun modelo político oligárquico e reaccionario. Na fase histórica que entón se inauguraba, a Galicia correspondeulle -cunha burguesía quebrantada e unha aristocracia decapitada- o lugar da dependencia colonial, condenada a séculos de escuridade.