Parabéns irmás e irmáns!
A tarde do día 22 de novembro tiña unha sorpresa longamente agardada. Desde entón non podo evitar lembrar os anos 2009 e 2010, a creación da Plataforma Queremos Galego, as mobilizacións. Lembro especialmente unha, a do trinta de decembro de 2009. Ao día seguinte escribía na miña xanela virtual:
Mollámonos, con convencemento e decisión.
Fomos miles de voces reclamando os nosos dereitos.
Alí estabamos, convocados dous días antes, sen autobuses, sen grandes anuncios, sen medios que nos apoien..., faltaban os griposos, os que estaban a traballar, os que estaban fóra... porque escolleron a data para apagar a reacción, cambiaron de lugar o Consello (da Xunta) para que os seus oídos non sentisen a voz colectiva que reclamaba o que en xustiza corresponde... E nós fomos quen de ser miles e miles, fomos quen de achegarnos a San Caetano, nin frío, nin auga. Unha calor inmensa moveunos e moveranos no futuro.
Parabéns irmáns e irmás. Temos a forza dos nosos corazóns.
Eran os sentimentos dunha tarde tristeleda, triste pola decisión do Consello da Xunta, leda pola capacidade de reacción de todas e todos os que amamos a nosa lingua. A anotación remataba dando os parabéns ás irmás e aos irmáns que naquela data e malia o mal tempo deran levado a súa voz a Compostela, atravesando o país desde todos os extremos. Tamén facendo un chamamento á folga do 21 de xaneiro de 2010, unha folga que encheu o Obradoiro e mobilizou a moitas persoas por primeira vez, pois a sensación de agresión que sentimos foi ciclópea, incuantificábel.
Aquel 30 de xaneiro estabamos convocados a concentrarnos no Obradoiro porque no Pazo de Raxoi ía ter lugar o Consello da Xunta en que se presentaría o borrador do logo malchamado Decreto de Plurilingüismo. Aos poucos fomos comprobando que eramos moitas e moitos os que alí estabamos e decidimos saír en dirección a San Caetano, a onde se trasladara no último momento o Consello nun intento de apartalo dos berros de "queremos galego!". Fuxiron do pobo, mais o pobo foi por eles, e mentres avanzabamos eramos cada vez máis, máis e máis, aínda que a chuvia caía intensamente.
,A mala conciencia do Goberno da Xunta fixo que agardaran ao remate do ano para presentar o borrador do Decreto, e fixérono de noite, agachados nos baixos de San Caetano. Agardaron ao 30 de decembro pensando que nesas datas as galegas e os galegos non seriamos quen de nos mobilizar, e demostrámoslles que si.
Despois veu a folga do 21 de xaneiro e unha mobilización que desbordou a Praza do Obradoiro, algo que só sucedera noutro momento crítico para o país: o 1 de decembro de 2002. Dous momentos en que nos sentimos fortemente agredidos e demos unha lección de dignidade colectiva esixindo responsabilidade aos nosos gobernantes, reclamando a dimisión de quen non ten ningún reparo en deixar que o país afunda e que así desapareza a nosa identidade, asfixiando a nosa lingua baixo o chapapote do plurilingüismo.
Mentres o pobo berraba tupiron os oídos e coas orelleiras postas seguiron avanzando contra a nosa lingua. Pensarían que todo quedaría naquelas mobilizacións (eles din de centos, para negar os miles que eramos realmente) "exaltad@s radicais" que facían desaparecer dos controlados medios de comunicación e denigraban desde os portais informativos da Xunta de Galiza. E non foi así, porque logo veu o informe negativo do Consello Consultivo e despois aínda o voto negativo do Consello Escolar de Galiza, posicionamentos de Concellos, chamamentos diversos a manter o consenso, os obxectivos e as estratexias fixadas polo Plan Xeral de Normalización.
No derradeiro goberno de Manuel Fraga, o Conselleiro de Educación, Celso Currás, recoñecía que o dominio lingüístico do alumnado non era o que se establecía na Lei de Normalización Lingüística e por iso tomaban a decisión de levar ao Parlamento un Plan Xeral de Normalización que fixaba que un mínimo do 50% das materias deberían ser impartidas en galego. Era o ano 2004 e Núñez Feijoo xa era o Vicepresidente primeiro da Xunta. Aquel Plan Xeral, elaborado ao longo de meses, era finalmente aprobado por unanimidade no Parlamento, nun xesto histórico de consenso para a nosa lingua.
Por iso hoxe que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza avala dúas das reclamacións fundamentais que se realizaron en tres dos recursos presentados no seu día (os da Plataforma Queremos Galego, a CIG-Ensino e a A Mesa pola Normalización Lingüística) reclamamos a derrogación dun Decreto que liquidou o consenso do Plan Xeral e volver a esta ferramenta da que nos dotamos porque "Cómpre aumentar esta presenza (a da lingua), facela normal e útil, ou o que é o mesmo, estender o uso da lingua propia de Galicia a todos os niveis da sociedade. Para este labor, a mellor ferramenta é, sen dúbida, a aplicación deste PNL"
A sentenza do TSXG é outra gota para colmar o vaso, unha gota pesada e sonora da que o Goberno da Xunta debe tomar nota e actuar en consecuencia.
E remato como rematei tantas veces artigos e anotacións naqueles meses de intensa mobilización. Parabéns irmás e irmáns, temos tres sentenzas xa, sentenzas que aceptan unha parte importante das nosas demandas, sentenzas que derruban os alicerces en que se sustenta a oposición ao noso idioma. Sentenzas que prenden as almenaras e iluminan este longo camiño que non deixamos de percorrer.
A nosa defensa inquebrantábel dos nosos dereitos, a nosa resistencia ao desalento fai avanzar esta pesada pedra que é o futuro. Continuemos!