Para o PP o fútbol é de interese público, a sanidade e a educación de interese privada
A Deputación de Pontevedra, presidida Popular Rafael Louzán, gastou ao longo do ano pasado máis de 4.000.000 de euros na construción e remodelación de campos de fútbol en toda a provincia de Pontevedra.
Estes son os números fríos e demoledores de cales son as prioridades do ente provincial presidido polo Partido Popular, que, se fixeramos unha investigación máis polo miúdo, habería que engadir o gasto en eventos deportivos varios como a volta ciclista ao Estado Español, a promoción da selección española de fútbol ou o mantemento deste tipo de infraestruturas que no ano 2012 ascendeu a máis de 300.000 euros.
É evidente que ten que haber instalacións deportivas para a práctica do deporte e en concreto as institucións públicas teñen que apoiar e incentivar o deporte base; porén, tamén ten que haber unha certa racionalización das instalacións deportivas, sobre todo en tempos de crise económica como os actuais, cousa que polo que se ve non está no ADN do Partido Popular.
No concello da Estrada por exemplo a Deputación de Pontevedra en colaboración co concello construirá un novo campo de fútbol valorado en 1.233.000 €, dos cales pouco máis de 606.000 € saen dos “fondos reservados de libre disposición do presidente da Deputación” (páxina 3 do convenio). Cando digo novo digo ben, porque xa hai un campo de fútbol municipal, que sufriu unha serie de melloras hai un par de anos, que coa nova instalación acabarán seguramente amoreados no punto limpo do concello.
Todo é cuestión de prioridades! O concello da Estrada e a Deputación gastarán esa cantidade millonaria nun concello onde o 90% das súas 52 parroquias non contan con saneamento, tampouco ten solo industrial público e conta cuns sectores produtivos, o agro-gandeiro e o sector do móbel, en estado anémico perante a pasividade das institucións públicas. Pero vaia, teremos un novo campo de fútbol!
Por outra parte, no veciño concello de Cuntis, a Deputación de Pontevedra está a construír outro campo de fútbol valorado en 999.000 €, a escasos 500 metros doutra instalación deportiva de características semellantes e recente construción. Este novo campo de fútbol está situado ao lado do polígono industrial da Ran, que se atopa practicamente deserto, e a poucos metros da empresa Cedonosa pechada en 2010, botando á rúa a máis de 70 traballadores e traballadoras.
E en Moraña, noutro concello limítrofe coa Estrada e con Cuntis, máis do mesmo; a Deputación gastará 848 mil euros na construción doutro campo de fútbol. Resumindo: que a Deputación de Pontevedra gastará tres millóns de euros en campos de fútbol, convertendo así a estes tres concellos no triángulo máxico do fútbol galego do que, abofé, terá que saír algún Messi ou Cristiano Ronaldo logo dos investimentos multimillonarios da institución provincial.
Unha cousa é que o fútbol sexa o deporte rei, que ocupa a meirande parte do tempo das noticias deportivas e a meirande parte dos xornais deportivos, algún deles, en concreto o Marca, ten o record de lectores diarios por enriba dos xornais de información xeral; e outra moi distinta é que o PP, e en concreto a Deputación de Pontevedra, gaste inxentes cantidades de diñeiro público mentres deixa esmorecer os nosos sectores produtivos, mentres se inviste cada vez menos cartos en educación e sanidade e cada vez menos en cultura, e en concreto, na nosa cultura.
Isto é unha mostra máis do inútiles que son as deputacións provinciais para xerar riqueza e emprego. Pola contra, e tendo en conta os fondos ilimitados de libre disposición dos seus presidentes, polo menos do presidente da Deputación de Pontevedra, son moi útiles para o control caciquil, que tan rendíbel electoralmente falando lle resulta ao Partido Popular.
Por outra parte, se noutros tempos o opio do pobo era a relixión, hoxe en día é o fútbol. Tanto é así que mentres o PP privatiza servizos públicos esenciais, non ten o máis mínimo rubor en “salvar da quebra” desde a Generalitat Valencia ao Valencia FC. Xa se sabe, o fútbol é de interese público, a sanidade é de interese privada.