Para non esquecer


Subitamente, con fulminante violencia, como os raios, que desaban sobre os cumes do Monte Faro ou Pico Sacro, nunha tarde quente de verao. Baten, ás tontas, sobre os nosos corpos duras varas, din que de goma. Manexadas con pericia, pola experiencia que teñen na materia, os señores uniformados. Outros corpos tremeron e abanearonse, ao petar contra eles, as negras pelotas, que brotaban a grande velocidade de infernais aparellos. Choutos, balbordos. Empurros, raiba; mozos e mulleres, homes e nenos; todos tombados ao chan. Tombados na friaxe das pedras, que no encontro cos corpos, esfolan peles e mancan; sangue saída dos corpos mallados pola teima impositiva de producir un estrago permanente na Patria Galega. Acontecía isto, cando o dia corría cara a noite, o ano 1983, no dia da Patria Galega. Así esnaquizamos os resistentes arames farpados e abrímonos paso para volver a ser agarimados polas voces que brotan das graníticas rochas da Quintana, que cada ano son cinceladas polas arengas nacionalistas. Xa teñen esculpidos moitos discursos pincelados de patriotismo, Castelao, Bóveda, Bautista... Oxalá, que prontamente a praza da Quintana recolla nunha placa estes e outros nomes de ilustres patriotas.

Agora, que festexaremos e cantaremos, forte e alto, briosamente, non é para menos, que a nosa nación, Galiza, e o tren da liberdade para todos os galegos. Agora que os nosos corpos, arrimadiños e animosos ateigarán a Quintana. Agora, e bon, non esquecer o dia en que o nacionalismo galego foi obrigado a confrontarse nunha durísima liorta, para gañar un dereito democrático: o dereito a entrar na praza da Quintana. Fechada e custodiada con tódalas forzas polo goberno español, comandado polo PSOE. As acometidas que naquela época tiñamos que aturar, foron dunha grande consideración. O fin, que se perseguia, era ver si se podía arrincoar ao nacionalismo, e para iso comezouse con prohibirnos manifestarnos na Quintana. Querían pornos a proba, comprobar o noso arraigo social, a nosa fortaleza. ¡Fracasaron! Hoxe, tentano co idioma, cos nosos símbolos, coa nosa economía. Ben, nos ilustra, Iria Aboi, sobre o que acocha a demanda da Señora Lago contra Galiza Nova. Hai brochas consagradas a emborranchar toda a obra do nacionalismo. Para impedirlle, mesmamente, que pinte o colorido cadro da liberdade galega. Que esperen, como espantallos, os que albiscan algunha esperanza, para que non exerzamos do que somos: de nacionalistas.

Así que a memoria, cando me estou aviando para o 25, deste ano, teimou comigo. A todos nos bulía o corpo. Inquedos e preocupados, por resolver favorablemente cara o nacionalismo aquela situación. Como iamos tolerar, ser separado da Quintana? O que estaba clarísimo e que a renuncia a Quintana, seria funesto para o nacionalismo. Así que eleximos batallar. Preparámonos para iso.

Nos carros particulares, nos autobuses, que parten de todos os puntos xeográficos da nosa terra, camiño a Compostela, persíguenos o mesmo problema. O encontro na alameda santiaguesa, con patriotas vidos de toda Galiza, afirmanos a todos no mesmo. Así que a manifestación ponse en marcha, como é usual, na Alameda. Marcha cara a Quintana e na porta Faxeira os uniformados, ben pertrechados, impiden que marchemos cara a Quintana. Entón, alí nos chantamos, na praza de Galiza.

Logo de ter teimado cos uniformados do noso dereito a marchar cara a Quintana, e manténdose estes nunha actitude de cerrazón extrema. Desde o centro da praza e subidos a un aparello en forma de mesa. Os compañeiros Francisco Carballo e Francisco Rodríguez, nunhas intervencións cargadas de grande rigorosidade e emotividade. Dan conta da situación. Confirman que a manifestación permanecerá na praza de Galiza o tempo que faga falta. A praza, que no pasado, albergou aquel magnífico edificio do Castromil, mostra dunha arquitectura linda e sabia, modernista e galega. Hoxe, fea e desperdiciada para a cidade. Acolleunos por horas e horas. O día neboento, ameazaba con auga, mais esta non chegou a escorregar polos nosos corpos, aguantou, como aguantamos as persoas que alí permaneciamos. Alí comemos. Alí o nacionalismo tornouse protagonista da súa patria, coa necesaria perseverancia e paciencia; pero, ao tempo, doente pola inxustiza. Pero, coa certeza de que iamos ter éxito. Así foi, a loucura partiu dos manda mais dos uniformados, que non soportaron a nosa tranquila actitude e fixeron estourar a praza ateigada de persoas. Tal foi a investida, que para o outro dia, a noticia chegou a toda Europa, e o goberno español quedaba nunca situación de fraqueza democrática ao permitir tal acometida contra os manifestante. Así que, para o seguinte ano, volvemos a glorificar a Quintana coa simboloxía nacionalista. Este 25, volveremos. Nunca nos fomos. Xamais.