Para Franco, España era un enorme cuartel, para o PP, a súa finca particular

Para Franco, España era un enorme cuartel, para o PP, a súa finca particular

Xa van alá 37 anos dende a morte do ditador, mais a sombra do seu réxime é, con permiso do mestre Miguel Delibes, máis alongada ca do ciprés. A súa negrura manifestouse durante o goberno do PSOE nunha variedade de accións, das que unicamente farei notar os atrancos e desvíos de balón a fóra de xogo nos casos concretos que ían xurdindo na aplicación da Lei de Memoria Histórica, de 2007. Non ignoro que, por moito que un encha a boca proclamándose socialista, ten que ser moi duro para un fillo con mando revisar e condenar sentenzas e mesmo crimes de seu pai. Isto acentúase, se consideramos que moitos afiliados ao partido dos Isidoro, Andrés, Juan e Chiqui, triunfante en Suresnes, en 1974, non eran outra cousa que mozos rebeldes “de boa familia” aos que lles gustaba xogar a “épater les bourgeois” e a seren “gauche divine”. Por iso Isidoro e Andrés, cando xa eran Felipe González e Alfonso Guerra, non tiveron maiores dificultades, agás un teatral amago, para convencer á tribo das avantaxes de se votar fóra, ideoloxicamente, do marxismo e poder así chegar ámbolos dous a se converter en cónsules. A correspondencia, en latín, que Alonso del Real me cursou baixo os primeiros gobernos do PSOE, principiaba sempre, seguindo o cómputo romano, cun ablativo absoluto cesariano: “Philippo Gundisalvo et Adefonso Guerra consulibus”.

Podería continuar o artigo sen saír das filas do PSOE, considerando que a súa longa historia está repleta de luces e de sombras e, sobre todo, que os seus gobernos en democracia foron nefastos para Galicia. Pero, hoxe, quen está no poleiro é o PP e os sete meses que leva asinando no BOE fan que as decisións anteriores do PSOE semellen xogos de cativos sen maior gravidade.

Ao longo do Antigo Réxime, os monarcas eran tales e tiñan poder absoluto pola graza de Deus. A situación era así por designio divino e, se as masas populares, o terceiro estado, se sentían explotadas e vexadas, tiñan que sufrilo con paciencia, posto que esa era a vontade de Deus. Viñeron as revolucións liberais do S. XIX, nas que camadas populares e burgueses loitaron xuntos contra esta situación e saíron triunfantes, pero o beneficio do éxito foi exclusivamente para os burgueses. O pobo chan nunca máis loitará xunto con eles, pasando a organizarse en sucesivas “Internacionais” que disputaran parcelas de poder aos antigos aliados. Reforzaranse estes, constituíndose na oligarquía financeira e terratenente, nos propietarios de terras, fábricas e postos clave nas burocracias gobernamentais. Agora, o poder político e económico, con independencia de que o réxime sexa república, monarquía constitucional ou ditadura, estará nas mans desta nova clase e, deste xeito, con este statu quo, entraremos no século XX e no XXI.

,O PP non é unicamente, como tan a miúdo se escoita, o herdeiro ideolóxico do franquismo. Non, a cousa vén de atrás. Eles son os herdeiros daquela burguesía triunfante nos mediados do século XIX e, conseguintemente, considéranse os donos lexítimos deste territorio que chamamos España. Durante o franquismo, ao que apoiaron e ao que Mayor Oreja chamou “etapa de placidez”, seguiron exercendo o poder e conservando fortunas e patrimonios ben protexidos pola forza pública que custodiaba o inmenso cuartel no que Franco convertera a España. Por iso os desconcertaron os dous pequenos parénteses que significaron os gobernos do PSOE e, durante ese tempo, sentíronse inxustamente espoliados: uns alleos usurparon o seu dereito exclusivo a gobernar e mandar no país. En resume, a cousa é así de sinxela. E así se explica tamén o que o actual goberno, coa desculpa da crise –polos capitalistas xerada e esaxerada- leva facendo a golpe de venres de paixón, ao longo destes case oito meses de mandato: recuperar a finca que era súa e pretender organizala e axeitala ao que nunca debeu de deixar de ser. Como na miña finca mando eu, poño, con todo dereito, as normas que me conveñen. É aquí onde aflora toda a ideoloxía do propietario, do señor, fronte ao obreiro, ao braceiro, que para el traballa na súa fábrica ou na súa finca. Esta é a ideoloxía da extrema dereita, do propietario en estado puro, actuando sobre unha grande masa á que o PSOE de Felipe González deixou desarmada ao desposuíla da única ideoloxía que no XIX lles fixo fronte. Indigna oír que o marxismo está demodé, mentres o capitalismo que o suscitou está máis fresco ca unha leituga. Outro tanto podería dicir, cando escoito aos bispos pre-tridentinos que o anticlericalismo decimonónico (300 anos posterior, como pouco) está anticuado. E os parvos aplauden as dúas parvadas con sorriso estúpido e, mentres tanto, eles felices e o pobo sufrindo. Vexamos unha cita de don Carlos Marx, do ano 1852, e xulguemos se está anticuada ou en plena vixencia. Dixo o mestre: “Tamén os ‘tories’ en Inglaterra mantiveron durante moito tempo a ilusión de que suspiraban pola monarquía, a igrexa e as beldades da vella constitución inglesa, ata que o día do perigo lles arrancou a confesión de que só suspiraban pola renda da terra”.

Nun manifesto que o xeneral Prim -nacionalista catalán do que teño falado neste xornal e sobre o que volverei- asinou en Lisboa, en 1866, lemos que a política dos gobernos reaccionarios “se reducía a manter o despotismo no alto, no medio a corrupción e embaixo a escravitude”. Que cada quen pense o queira sobre a situación actual, baixo o goberno de Mariano Rajoy, a quen, por certo, penso que se lle podería aplicar o que Louis Philippe I (e derradeiro, xa que con el rematou a monarquía en Francia) dixo do xeneral Espartero –tan oposto a Prim e que case esnaquiza Barcelona desde o alto de Montjuïc-, pola súa intermitente e longa permanencia no goberno: que, se sabía manterse no poder, era porque sempre camiñaba no sentido no que o empuxaban.

Hai quen di que Rajoy é resistente, no senso de Cela, e que está sempre a velas vir. Certamente, pasou por moitos postos: concelleiro, presidente da deputación, vicepresidente da xunta, ministro de varias carteiras e agora presidente de España. Por máis esforzos que fago, dos cargos anteriores ao actual non son quen de lembrar nada positivo, pero, agás algún artigo periodístico –arroutada compartida con Aznar- e a negativa a falar galego, tampouco lembro aspectos escuros dignos de mención. Máis ben non lembro case nada e conste que teño moi boa memoria, polo que deduzo que pouco debeu de facer. Como presidente do estado tamén tentou pasar desapercibido, pero o que os seus ministros asinan no BOE vai todo na súa conta. Agora non lle vale a táctica de estar a velas vir, agora, como Espartero, camiña no sentido no que o empuxen desde Europa, e nomeou un equipo ministerial coa misión de, aproveitando a conxuntura da crise que os seus crearon, arranxar a finca patrimonial ao gusto dos que, desde hai case 200 anos, se consideran os seus lexítimos propietarios.