“Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua”
Acabamos de celebrar un 25 de novembro mais, no que os recortes dos orzamentos adicatos a atención ás mulleres son cada ano maiores e por riva, a crise, fai que baixen o número de denuncias, que non da violencia. Este é o lado máis duro da violencia contra as mulleres, a morte dunha muller no espazo no que debería estar máis segura, a súa casa.
Mais hai outros tipos de violencia, que non podemos esquecer. “Para, contra a violencia, recuperarmos a lingua” foi o lema escollido polo SNL da UDC, xunto co SNL do Concello da Coruña e a Área de Normalización da Deputación da Coruña para conmemorar o 25 de novembro, van xa cinco anos. Daquela, en plena campaña do españolismo contra o galego, aínda podedes botar unhas risas mirando en Youtube programas da caverna española, nos que opinou da campaña até Iturgaiz. Recoméndovos ler máis sobre esta campaña, capitaneada pola profesora Goretti Sanmartín desde o SNL da UDC, neste enlace . Tamén sobre este tema, presentarase na Coruña o vindeiro 16 de decembro a curta “Mulheres e lingua” dirixida por Mariola Mourelo e Adelaida Vidal. Unha oportunidade para reflexionar sobre un xeito máis de violencia sobre as mulleres.
Vivimos nun sistema que trata de nos educar de xeito diferente segundo sexamos homes ou mulleres.
Só temos que follear un catálogo de xoguetes, dos que estes días chegan ás nosas caixas de correo, para decatármonos de que, xa desde ben novos, temos que adestrar naqueles oficios ou labores domésticos, para os que parecemos predestinados e predestinadas. Sempre as nenas protagonistas do ámbito privado: coidado de crianzas, doentes ou cociñeiras. Preocupadísimas polo seu aspecto físico, pola beleza e a estética persoal. Podemos atopar nun catálogo de xoguetes até unha ducia de toucadores, maletíns de beleza ou bonecas que lles ensinan ás nenas o oficio da técnica de peitar.
As mulleres, sempre ideais de beleza, temos que estar e aparentar estar perfectas. Mentres os nenos constrúen barcos, pilotan avións, viaxan ao espazo ou se pelexan contra o maligno, as nenas deben aprender a estar belas ou a ser futuras nais responsábeis. Esta predisposición tamén marca como temos que falar as mulleres. En contextos monolingües, as mulleres sempre fan un uso do idioma máis coidado e deixan os palabróns para o sexo masculino.
No caso galego, en que existen dúas linguas, unha de prestixio e outra, que durante anos foi a lingua á que o poder consideraba lingua dos pobres e incultos, non fai falta que expliquemos cal foi a lingua que se procurou para as mulleres. Para que unha muller subise máis doadamente algúns chanzos na escala social, cumpría abandonar o galego e cambialo polo idioma do imperio.
Temos que reivindicar que existen moitos tipos de violencia e que todos deben ser desterrados.
Temos que cambiar a sociedade patriarcal en que vivimos, que educa as nenas para que manteñan unhas regras de xogo inxustas e discriminatorias e que condena as mulleres ao traballo invisíbel para as cifras macroeconómicas.
Temos que cambiar un sistema que condena a millóns de mulleres á pobreza extrema e que segue condenando, ás galegas que queren ser ben tratadas polos poderes establecidos, a mudar de idioma, deixar de usar a súa lingua materna e educar os seus fillos e fillas en español en nome do progreso social.