Para cando un Snowden que desvele o SITEL español?

Para cando un Snowden que desvele o SITEL español?

NSA, FBI, CIA, PRISM, OSEMINTI, CNI, Edward Snowden… son siglas e un nome que, nestes últimos tempos, proliferan nos medios de comunicación como mostras do labor de espionaxe que realizan determinados gobernos sobre outros e da intromisión ilexítima na privacidade de centos de millóns de cidadáns de todo o mundo.

Mais, alguén fala de SITEL? SITEL (Sistema Integral de Interceptación das Telecomunicacións) consiste nun mecanismo de gravación do Ministerio de Interior español utilizado pola Policía Nacional, a Garda Civil e o Centro Nacional de Intelixencia. Este sofisticado medio de control foi creado en 2001, cando o daquela ministro de Interior Mariano Rajoy anunciou para a súa creación unha primeira dotación económica. Posteriormente, en 2007, o Goberno de Zapatero concedeulle un contrato a Fujitsu España para xestionar o centro SITEL, situado no complexo policial de Canillas, en Madrid. O desenvol­vemento do sistema foi encargado definitivamente á compañía dinamarquesa ETI A/S, especializada en solucións informáticas e de telecomunicacións para o control policial.

En que consiste SITEL? A resposta ofrecíanola inocentemente e con transparencia o diario La Razón, o día 23 de xaneiro de 2004, pouco tempo antes de que o goberno de Aznar perdese as eleccións xerais. O titular e o corpo de texto do publicado por este xornal constitúen a mellor descrición do funcionamento deste sistema de espionaxe.

Interior crea en segredo o programa SITEL para acceder en tempo real aos mesmos datos que as compañías.


O Ministerio do Interior investiu arredor de 36 millóns de euros nun potente programa informático que vai permitir a partir de agora ao Corpo Nacional de Policía e á Garda Civil «pinchar» directamente os teléfonos sen ter que contar coas compañías, tal e como se viña facendo até agora. Con este software, desenvolvido tras un concurso declarado segredo en outubro de 2001, os axentes non só terán acceso á conversación do pinchado. Tamén, á identidade do seu comunicante e ao lugar desde onde fala cada un. Todo iso en tempo real, a través do ordenador.


O programa SITEL entrará en funcionamento nas próximas semanas e permitirá ao Corpo Nacional de Policía e á Garda Civil intervir as conversas telefónicas sen necesidade de acudir co mandamento xudicial ás compañías de teléfonos, como viñan facendo até agora. Os axentes disporán en tempo real, e a través do ordenador, de toda a información dixital que procesa unha chamada por teléfono. Deste xeito, terán acceso á conversa mentres na pantalla aparece o número e a identidade do comunicante co que fala o pinchado, así como o lugar case exacto desde onde ambos están falando, a compañía da que son usuarios e o tipo de contrato que posúen, segundo informaron á La Razón fontes de ambos corpos. O programa dispón de dous «centros de monitorización», que xa foron instalados, un na Dirección Xeral da Garda Civil e outro na sede central do Corpo Nacional de Policía, na antiga estrada de Canillas. Será aquí onde se interveña fisicamente a liña telefónica para daquela ser derivada no seu caso aos centros remotos, situados nas xefaturas de policía e comandancias de todo o país. Igualmente poderase acceder ao «pinchazo» desde un ordenador portátil se nese momento a unidade de investigación así o require. Todo o proceso quedará rexistrado no disco duro, que será o elemento que agora solicite o xuíz. Até agora, os investigadores dun asunto criminal en mans xudiciais só tiñan acceso ás conversas que mantiña o titular dun teléfono pinchado. A través dun vello reprodutor de cassetes, os axentes escoitaban horas e horas as cintas gravadas nas propias instalacións policiais a través dunha liña clónica derivada pola operadora, previo mandamento xudicial. O son nunca era perfecto e ás veces os técnicos das compañías tiñan até que acudir aos domicilios dos afectados e efectuar a intervención nos arredores. Se os axentes necesitaban coñecer o teléfono ou a identidade do comunicante co que falaba a persoa pinchada, debían solicitalo á compañía encargada de custodiar estes datos. O proceso para obter esta información, en ocasións crucial para unha detención, podíase ás veces demorar varios días. As operadoras aducían «problemas técnicos». Cando chegou o «boom» dos móbiles, este procedemento volveuse moito máis dificultoso, pois os axentes querían coñecer tamén os dous puntos desde onde se realizaba a conversa. Así que os problemas coas operadoras multiplicáronse. Para acabar con esta situación correosa para axentes e empregados das operadoras, o Ministerio do Interior abriu en agosto de 2001 un concurso declarado segredo para elaborar un sistema informático moderno e avanzado que, ademais de permitir aos axentes obter en tempo real toda a información das escoitas, fose capaz de obter gravacións de son fiábeis como probas perante o xuíz. En outubro foi adxudicado o concurso con total discreción por un valor aproximado duns 36 millóns de euros, uns seis mil millóns das antigas pesetas. A empresa, cuxa identidade permanece tamén en segredo, tardou un ano e medio en entregar os equipos e ultimar o software, que nestes días se está terminando de instalar nos cuarteis e comisarías. Tanto a Garda Civil como a Policía crearon grupos específicos para levar a cabo este cometido. A empresa adxudicataria xa levou a cabo cursos de formación para o uso do software, que tanto nun como noutro corpo terá o acceso restrinxido
.

O diario La Razón esquece algúns datos: o sistema SITEL pode controlar absolutamente todas as comunicacións que se realizan vía internet e o CNI tamén ten acceso directo a el.

O Goberno do Partido Popular ideou este sistema, o do PSOE executouno. Tanto para un como para o outro, SITEL non atenta contra o dereito fundamental ao segredo das comunicacións.