Para atacar ás comunidades de montes, vale un argumento e todo o contrario
A existencia dos montes veciñais en man común, como sinais de identidade da nosa nación, como titularidades comunitarias, nin públicas, nin privadas, non son aceptados. Non son aceptados polos intereses económicos especulativos e urbanísticos porque están fora do tráfico co comercio e xa que logo, non poden facer negocio con eles. De aí , que leven moitos anos clamando pola súa privatización.
Lamentabelmente, hai outros sectores da sociedade que, obxectivamente, tiñan que ser aliados da veciñanza comuneira pero que, se cadra por falta de información, tamén claman contra os montes veciñais. Neste caso para pedir a súa usurpación a favor das administracións públicas. Ao mellor, cómpre lembrarlles que isto xa o fixo o franquismo e que os montes públicos se poden vender e os montes veciñais non. Estes inimigos do monte veciñal (non todos de xeito consciente), tampouco entenden que o funcionamento das comunidades de montes é claramente democrático. Mesmos algúns atrévense (a ignorancia é sempre atrevida), a falar de que, per sé, o funcionamento das comunidades de montes é caciquil, confundindo xestión co sistema. Confunden o mal funcionamento de unha/s comunidade/s de montes, que as hai co sistema do funcionamento democrático das comunidades de montes.
O funcionamento das comunidades de montes, sen entrar en casos particulares, é totalmente democrático. A única competencia que teñen as xuntas reitoras é a de levar adiante os acordos asemblearios. Existe o dereito de revocación de cargos. Cando eliximos a un/unha alcalde, a un presidente/a dun goberno, elixímolo para todo o tempo de duración do mandato, aínda que incumpra o programa electoral. No caso das comunidades de montes, o 25% da veciñanza comuneira pode autoconvocar unha asemblea xeral e revocar o mandato do presidente/a da xunta rectora. En poucos países do mundo existe este dereito de revocación de mandatos. Que eu saiba, só existe na Constitución Bolivariana de Venezuela.,A veciñanza comuneira ten democraticamente, todo o dereito a decidir sobor as súas terras, e mesmo a equivocarse nesa toma de decisión. Esta capacidade de decisión soamente debe estar condicionada pola defensa da integridade do monte veciñal e a ordenación do territorio e de usos das terras que beneficien aos intereses das maiorías sociais da nosa nación.
O proxecto Porto Cabral, que se quer levar adiante no monte veciñal da parroquia de Cabral, no concello de Vigo, reflexa claramente que para atacar as comunidades de montes, vale todo. Vale un argumento e o argumento todo contrario. Vaia por diante, que a organización que eu represento, a Organización Galega de Comunidades de Montes, non concorda co prantexado pola xunta rectora da comunidade de montes de Cabral. Non concorda porque o proxecto Porto Cabral significa a eliminación física para sempre do monte veciñal. Por certo, prantexan unha expropiación pactada (na realidade é unha venda), figura xurídica que non existe e xa que logo é ilegal. As comunidades de montes soamente poderán ser expropiadas por causas de interese xeral. O proxecto Porto Cabral non é de interese xeral xa que é un negocio privado. Ademais, o centro comercial e de ocio, non posibilita o logro de un monte veciñal multifuncional e sustentábel, que é o monte veciñal de futuro. Proxectos como o de Porto Cabral significa a desaparición do monte veciñal como titularidade comunitaria. Os comuneiros/as pasan s ser meros rendistas, sen implicarse na posta en valor do seu monte veciñal.
Papel destacado neste ataque as comunidades de montes, ten a prensa local de Vigo (non toda, afortunadamente). Resulta curioso comprobar como esta mesma prensa que botaba lume pola boca contra a xunta rectora da comunidade de montes de Cabral , cando esta loitou e logrou recuperar parte do monte veciñal usurpado a favor do Estado (onde están as instalacións do aeroporto de Peinador), agora, bótalle flores a esa mesma xunta rectora cando vai entregar monte veciñal a intereses privados. Agora ben, estes inimigos do monte veciñal non esquecen o seu obxecivo. Que non é outro que pregoar os catro ventos que a solución definitiva e usurparlle os montes veciñais á veciñanza comuneira , xa sexa a favor de intereses privados, como a favor de calquera administración .
E o mesmo podemos dicir no caso das comunidades de montes das parroquias de Salcedo e Bertola no concello de Pontevedra e da parroquia de Vilaboa. A veciñanza comuneira destas parroquias está a soportar unha tremenda presión mediática, porque, unha vez recuperado o seu monte veciñal, usurpado máis de 60 anos polo Estado Español para o servizo da Brilat , piden un aluguer polo uso alleo de súas terras comunitarias.
A veciñanza comuneira destas parroquias está sendo insulta. Estanlle chamando peseteiros (agora tería que dicirse eureiros), por pedir 5000 euros /ha/ano polo aluguer das súas terras e non aceptar a oferta do Exercito Español de 400eu/ha/ano. 5000 eu/ha/ano e unha media da produción dun monte multifuncional ( forestal, agro-gandeiro, patrimonial...) 400eu/ha/ano e a produción mínima dun monte. Dun monte dedicado á produción de eucaliptus para fornecer as Celulosas. Resulta curioso que este prezo do aluguer do monte (o de 400 euros/ha /ano), foi o facilitado polos dirixentes da Consellería do Medio Rural e Mar. Demostrando unha vez mais, para estes inimigos do monte veciñal, que o monte veciñal non ten valor.
Curiosamente ninguén fala da perda económica que significou para a veciñanza comuneira das parroquias de Salcedo, Bertola e Vilaboa, ao ter o seu monte usurpado por mais de 60 anos polo Estado Español. Non falan os antigos usurpadores porque non lles interesa. Non fala a veciñanza comuneira porque, ademais de ser defensores das súas terras comunitarias, son xenerosos.