Panorama (sen orquestra, ou si...)

Panorama (sen orquestra, ou si...)

Quen vai gañar será Pedro Sánchez (coido que ese é o seu nome), para secretario xeral do PSOE. Porque é o máis guapo e como di toda a parafernalia montada polo PP, tamén o máis dialogante, agradábel e iso, guapo. Ah, como se lle poñían os ollos á Esperanza en canto lle falaban del. E se nestas novas aperturas e xeitos de facer política os do PP chegan a poder votar o secretario do contrincantes (é un dicir), e viceversa, pois imaxinade o próximo panorama: teremos os que nestes longos anos nos deixaron sen dereitos e sen cartos e sen casas, etc., etc., polo menos polo menos outros insoportábeis 40 anos “a la franca”.

Pola mesma razón propagandística de beleza e preparación entronizouse ao novo rei Filipe. Ben, a diferenza neste caso está en que non foi votado por ninguén. En realidade si, polos deputados e deputadas do PP e mais do PSOE. A nós, milleiros e millóns de persoas non se nos permitiu mostrar a nosa opinión. Aceleradamente, os de sempre que veñen gobernando este Estado das Autonomías, abdicaron ao anterior, Juan Carlos (falo familiarmente para que non se me tache de rancoroso e antisistema, a ver se cola) e agradecéronlle os seus traballos (ían incluídos o de cazador de elefantes e o de protector de tantas anomalías e negocios da casa real, e até se di que cun suposto fillo non declarado que pode ter dereitos de aceso real tamén) cun aforamento especial que blindará por soleares calquera outra real ocorrencia que o poida inspirar.

Os do bipartidismo, en base a que teñen que arranxar os graves problemas do Estado que curiosamente eles mesmos criaron, e tamén pola pleitesía que lle deben á dona Anguela, sen ternos en conta de novo, mudaron varios artigos da sagrada Constitución para que o roubo quedase tamén aforado e non puidésemos nunca xamais gobernar os noso cartos. España como sagrada colonia de Alemania, vaia polas ánimas! E daquela para que aturar intermediarios con Europa? Mellor facelo directamente, é dicir, de nación a nación: de Galiza a Europa e en directo.

Os dous de sempre (non confundir cos personaxes da novela de Castelao), foron aprobando unha lexislación a distintos niveis institucionais que por si mesma axuda e apoia a corrupción, como a que protexe as Deputacións ou pon en mans dun só partido os gobernos locais (Xuntas de Goberno) sen que os outros elixidos popularmente poidan controlar o desgoberno ou a trampa e o negocio continuado, até tal punto que mesmo poden facer concelleiros e concelleiras aos amigos sen que estes fosen votados. Os adalides da democracia, xa xa. Para exemplo o que está a pasar no concello de Compostela ou de Lugo.

En fin, os do serio, competente, operativo e tan loado bipartidismo están a crear neste momento as leis máis retrógradas de toda a democracia (con algunha diferenza no campo social e nengunha no económico), nas que todo se adapta aos intereses exclusivos de cada un, illando ou obviando as distintas representacións que non sexan eles mesmos. O que andan a planear no aspecto electoral pon os pelos dereitos a quen os teña, e aos outros, coma mín, a pel de galiña (no aspecto máis favorábel).

Se as regras de xogo, no canto de enriquecer o plural, se van contraendo para proveito dese sector poderoso rexido polo capital transnacional (pura ditadura que non podemos controlar), non son iguais para todos, a democracia non existe. Sí para os que nos asoballan, pero non para nós, porque toda actuación favorábel ao pobo, aos pobos, nunca poderá chegar ao fin que persigue. A corrupción, os abusos, a persecución de quen protesta, a miseria á que se somete á maioría, a escandalosa privatización da riqueza colectiva, a terca negativa a aceptar a soberanía das nacións... son produto destes anos posfranquistas e fundamentalmente deses dous partidos.

É obvio que estamos a vivir a segunda transición da chamada democracia. Glorificaron a primeira despois dun longo intercambio de intereses que deixou as cousas sometidas ao bipartidismo, cunha democracia tan feble que foi estoupando na realidade destes últimos anos. Pero agora xa non hai tan sequera debate ou intercambio de alternativas; agora, postos de acordo no fondo dos conflitos os dous partidos, van introducindo pola práctica as leis e normas que por si mesmas aseguren a monarquía, o control da nosa riqueza e soberanía polos de sempre, o retroceso dos dereitos sociais e un novo e perigoso paso atrás na distribución territorial recentralizada. Temos o dereito a defendernos dos abusos e imposicións. Mais, é posíbel neste momento de confusión e control exhaustivo sobre a maioría da poboación, conseguir tan só que respecten un debate aberto no que participen todas as organización en igualdade de condicións?