Palabras gastadas como unidade, coherencia...
Coido que a ira e os fantasmas que construímos para valorarnos a nós mesmos por riba dos outros, constatan o afastamento dun ideario, no caso, nacionalista. Despois de esgazar conscientemente a unidade choca que se teime en construíla con eses outros que predican nun espazo estatal e non nacional, e dígoo no aspecto político ideolóxico e estratéxico. Pódome unir de xeitos moi diversos cun contrincante ou con alguén co que teño unha parte do campo político común, pero non entregándome a el baixo criterios, tamén no caso, que debiliten ou esfarelen o campo propio.
Desde o glorioso esgazamento da Casa Común comezaron as forzadas e interesadas afirmacións de que estabamos máis ou menos nunha etapa parecida á vivida pola Fronte Popular da República. O problema para coincidir nesa estridente teoría é que non vemos perigo de guerra civil por nengún lado. O que vemos é un momento político caótico e confuso no que o texto da Constitución a respecto de moitos problemas do Estado xa non vale e necesita de cambios profundos. Afinar moito no papel que se lles deu ás distintas nacións do Estado, e poñerse a debater sobre as saídas posíbeis. Esta si que non é forzada e atende á realidade obxectiva do momento.
Coido que Catalunya e Euzkadi están fortalecidas para asegurar posicións favorábeis ao seu estatus político, e terán unha voz forte para conseguilo. Non é o caso de Galiza, debilitada nas forzas políticas que en parte a representan, e máis agora, neste momento no que se intenta chegar a esa unión real de conseguir no parlamento do estado un grupo parlamentario galego e soberano, sen dependencia ou submisión a outro estatal. Este é o miolo da cuestión e non as teorías que máis parecen adaptadas a teimas persoais ou de grupo que a outra cousa.
Polo tanto, parece obvio que todos e todas as que nos consideramos nacionalistas traballemos nese camiño de asegurar que Galiza estea presente con forza propia, soberana, nese debate que se aproxima. E se realmente desexamos iso non podemos andar fortalecendo os grupos políticos estatais que non van por este camiño. Sería inxenuo pensar que EU ou Podemos, aos que, baixo a cantilena desa unidade estariamos sometidos, defenderían no Parlamento as teses da soberanía ou mesmo da independencia de Galiza, pois xa no proceso das eleccións catalás e ante os resultados os propios portavoces deses partidos o teñen aclarado. Queren aproveitar votos para eles sumar deputados e deputadas no Parlamento do Estado e non para unir as forzas chamadas de esquerdas.
A este respecto sería saudábel que quen romperon o BNG e mesmo quen non os secundaron, fixesen de vez unha análise crítica e autocrítica de como se foi desenvolvendo a historia desde ese momento, tal como: creación de Anova que acabou rompendo tamén en non sei cantos anacos (demasiado pequeniños, por certo, como proba do minifundismo mental, dependente e mesmo vaidoso que nos segue castigando). Creación de AGE, subdividida repetidamente tamén no Parlamento Galego. Potenciación de forzas estatais que non tiñan presenza parlamentar fronte ao debilitamento do nacionalismo. Xurdimento das sonadas Mareas, tan dispares e upadas, subdivididas tamén, dirixidas curiosamente por militantes ou exmilitantes dos partidos estatais ou nacionais clásicos ou de recentísima formación. E todo iso, para que? Que conseguiu Galiza como pobo? Que solución tiveron os nosos problemas? Alí onde apareceron, teñen presenza ou gobernan, cal foi, é, a súa práctica real? En cantos lugares de Galiza se asentaron e por que? E que pasa, meus e miñas compañeiras, co noso idioma? Acaso a súa situación non é problema tan grave como o alimento que necesitamos?
Así que ojito co que se fala e afirma. Se se di que a posición do BNG, despois, mesmo, de renunciar ás súas siglas, é "xenerosa de boquilla" neste importante traballo de construír unha unidade coherente, quen é realmente xeneroso? Acaso Podemos, tratando de impoñer as súas siglas desde Madrid? Ou Anova, fuxindo das mans nacionalistas que se tenden para que o nacionalismo se fortaleza? Ou EU que no traballo municipal nen tan sequera admite que o BNG faga a súa política? Son zarandainas, agora si, pedriñas iradas e soberbas que non teñen interese en achaiar o camiño. Coido que estamos vivindo uns momentos parecidos aos da Reforma política e a postura inicial de ambigüidade que nantivo o desaparecido Partido Socialista Galego, resultas da cal acabou esvaíndose engulido polo PSOE. Atención a isto porque todos e todas sabemos, ademais, que a situación política cambia dun xeito acelerado día a día, e o que hoxe é loado ou apoiado, mañá cae de novo no residual, e ao final, o que parece novidoso pode voar como unha pluma.
Desexo que ese traballo pola unidade sexa claro nos obxectivos, e coido que é peza fundamental para poñer a voz soberana de Galiza o máis forte posíbel no Parlamento español. Que se se mira obxectivamente non debería haber grandes problemas para que todas as sensibilidades nacionalistas confluísen nesa Fronte necesaria. E que aquelas forzas estatais que respecten tais obxectivos e unan esa visión de traballo para solucionar os problemas do común, fagan tamén acordo, mais respectando o principio básico sen o cal o nacionalismo non sería tal: a autoorganización nacional. E si, evidentemente, que os sectores sociais diversos, tanto colectiva como individualmente sexan parte fundamental e activa do proceso. Mais, se non se crea estrutura organizativa que abranga todo o país, que consolide as ideas básicas, será como un castelo de area e durará o tempo en que a desilusión, de novo, apareza, e sigan outra vez os do bipartidismo asfixiante. E que organización está máis capacitada hoxe para axudar a levar esta unión por todos os recunchos da nación?
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.