Palabras de despedida para Perfecto Estévez

Palabras de despedida para Perfecto Estévez

Querida familia de Perfecto Estévez, querida Iolanda, queridos amigos. Non me é fácil falar dun amigo con tantos proxectos aínda por facer, para celebrar o futuro no que sempre el estará.

Desde os tempos de Ourense no que nos coñecemos, dos comezos dos anos
setenta, a súa obra foi tecéndose dende a tenrura e dende o amor á nosa
nación.

Moitos dos cartaces que ollastes naqueles anos, convocando a feitos culturais e sociais e políticos, viñan da súa mao. El era a nosa voz, para nos convocar á liberdade dos homes e mulleres desta terra, para que a Galiza renacera dun xeito novo. O seu compromiso con esta terra ven de moi lonxe.

Hoxe vimos a abrazar ao amigo que parte coma andoriña, para permanecer, na
súa obra e no recordo da amizade. As súas obras viven, vivirán nas nosas
casas a ollar o mundo cos ollos das mulleres da Galiza, que son os ollos
de Iolanda.

Dos libros dos poetas que el ilustrou fixo, aínda mais, o territorio da poesía. Todo nel será memoria colectiva da nosa cultura nacional. Hoxe vimos a acompañar o seu longo camiño para formar parte dos Bos e Xenerosos, que falan no Pórtico da Gloria d´A Nosa Terra. Con el, hoxe, todos partimos tamén un pouco e ficamos a abrazar o fértil recordo da súa amizade, de Home Bo e Xeneroso. E lémoslle poemas, a el, que tanto amou aos poetas.