País en minguante
Este País ten unha serie de problemas graves que afectan directamente a súa liña de flotación, a súa columna vertebral, polo tanto a súa continuidade como sociedade histórica. Un deles é que non nace xente ou que nace menos da que tiña que nacer, polo que cada vez somos menos e máis vellos.
Máis alá daquela arroutada contestación do defunto Manuel Fraga cando lle preguntaron polo tema, o problema é grave e precisa respostas axiña, respostas amparadas en programas sociais que potencien ter fillos e fillas. Sen embargo, pese á gravidade, o tema non está presente na sociedade, parece que non preocupa, non se fala del, pero é algo que debía inquietar, pois a situación é de alarma. No futuro seremos menos, cada vez menos e xa non seremos.
Neste sentido, o Museo do Pobo Galego, a través do seu Instituto de Estudos das Identidades, organizou unha serie de encontros nas diferentes cidades galegas co fin, cando menos, de intentar encetar un debate e chamar a atención sobre este problema. Isto faino porque un museo de carácter antropolóxico ten tamén a obriga social de estudar e analizar os problemas que afectan á sociedade que soporta ese museo, máis alá de preservar e documentar uns bens culturais.
As cifras din que a taxa de natalidade é máis baixa que a media europea e moi lonxe da de países como Irlanda, Francia ou Inglaterra (isto demostra que os países desenvolvidos non teñen por que ter taxas baixas; o goberno francés dá axuda financeira ás nais con dous e máis fillos, pero axudas, non “caridades”); que morren máis galegos e galegas dos que nacen; que temos unha media de vellos máis alta que noutros lados; que a media dos maiores de 80 anos está no noso país dous puntos por enriba da media da UE; que as mulleres toman cada vez máis tarde a opción de ser nai e agora, coa crise, poden aínda adiala máis; etc.
Alén das cifras,sempre frías e despersonalizadas, caben outras olladas sobre este problema. A primeira é nítida: ver as aldeas e as pequenas vilas baleiras de xente ou só con algúns vellos. Non hai moito tempo cando ías á aldea había xente en todas as casas, agora as casas están pechadas ou afanadas, hai casas cunha só persoa que pasa dos oitenta, mais non se escoitan nenos, nin se ve xente moza. Teño escoitado demasiadas veces da boca dos vellos o nome da aldea, seguido da palabra “murriu”, porque o mundo que eles viviron e no que se sentiron realizados, non ten continuidade nin aprezo social.
,Esta é unha triste imaxe dun país que procura rachar coa realidade que o trouxo até o presente. Abandonouse descarada e decididamente a agricultura e os outros sistemas produtivos primarios, pero con eles destruímos moito do propio, porque eses sistemas sostiñan formas de vida que deron continuidade histórica a este pobo. Abandonouse con desprezo o rural e sen xente a paisaxe histórica desaparece, polo que o abandono da agricultura ten consecuencias directas no ecolóxico e no sociocultural: todo “está a monte”, pero “monte” que é beneficioso para os monopolios que nos explotan e destrutivo para nós. Abandono é deterioro. Podemos falar aquí dunha conivencia entre monopolios e políticas agrarias da UE que levan á desaparición dos labregos? Ou non é a normativa europea a que di que a solución aos problemas do rural está fóra da agricultura?
Sen agricultura a terra perde fertilidade, deteriora a súa calidade e deteriórase o medio natural, este perde vitalidade e diversidade. E falan da conservación do medio ambiente!. O abandono das prácticas tradicionais é deterioro medioambiental. O abandono da actividade agraria leva parello un abandono da xente que non atopa no rural un medio de vida. As cifras canta, entre 1991 e 2001 a poboación activa agraria descendeu nun 55%, e coa baixa de poboación hai unha baixa de explotacións, ben porque non son viables economicamente, ben porque non hai relevo xeracional porque a xente nova vaise.
Sen xente nas aldeas e vilas a vida esmorece, pérdense as pegadas dunha relación histórica entre nós e o medio, pérdense os nomes, pérdense os saberes acumulados. Sen xente non hai transmisión, sen transmisión non hai continuidade, non hai lingua, non hai futuro, todo esmorece, non hai “nós” colectivo, seremos, na terminoloxía de Durkheim, unha sociedade onde reina a anomía, unha sociedade sen lazos entre os individuos, sen solidariedade e propensa ao conformismo, apolínea (termo este introducido pola antropóloga Ruth Benedict). Sería preciso recoñecer o papel do sistema tradicional agrario na construción e conservación dunha paisaxe histórica, na biodiversidade, no coñecemento local e no soporte dun patrimonio que nos define socialmente. Se non é así temos dous problemas: un medio deteriorado e un país sen xente. Temos, pois, que recuperar ese coñecemento local e ese patrimonio en positivo e presentalo, reforzado polo avance técnico e científico, como un soporte preciso para xestionar mellor os recursos e o futuro, para que teñamos futuro, futuro con xente.
A falta de poboación é un tema grave e que ten moitas arestas, pero unha delas ten que ver co abandono do rural, polo que son precisas políticas que favorezan o mantemento da poboación activa e fomentar o desenvolvemento de actividades xeradoras de ingresos e que fagan atractivo vivir no rural, sen que isto supoña renunciar a unha vida digna e de acorde coas comodidades do presente.