Pactos electorais con non nacionalistas? non grazas.

Pasado o balbordo electoral, andamos metidos de cheo, máis que na análise e avaliación dos resultados, no tirapuxa dos pactos necesarios para a constitución dos gobernos de concellos e deputacións. É esta unha fase do proceso tan turbia como intrinsecamente democrática. Se, a diferenza das ditaduras e oligarquías, o goberno é do pobo, se é o pobo quen máis ordena, a única hipótese para facelo é o diálogo, a discusión, a negociación, o pacto; e empalmo aquí co remate do meu artigo do mes pasado, neste mesmo xornal, no que desexaba, por máis democracia, que non se acadasen maiorías absolutas. Considero que este proceso táctico de negociación, sendo importante, non é comparable ao outro, máis amplo e xa para un futuro inmediato, sobre o que o BNG e outras forzas políticas andan deliberando e que, máis que táctico, pode derivar, perigosamente, en estratéxico.
Cunhas contadas e fermosas excepcións, entre as que cómpre salientar Pontevedra, onde moro e voto, e a súa contorna xeográfica, os resultados do BNG non foron mellores do que algúns esperabamos. Na batalla de Guadalete, alá polo 711, as tropas hispanogodas de don Rodrigo estaban a dominar aos musulmáns de Táriq, chamados pola facción dos vitizáns; estes, que, para disimular, combatían a carón do seu rei, vendo que ían gañando, mudaron de bando, atopándose así don Rodrigo en minoría e resultando estrepitosamente derrotado. O BNG estaba a combater nas lides electorais con mellor ou peor fortuna, mais cuns resultados moi aceptables. Unhas faccións do BNG mudaron tamén de bando e sumáronse ás forzas dos adversarios, co que o baixón de votos tiña que ser inevitable. Que conseguiron para Galicia os que actuaron a imitación de don Oppas, arcebispo de Sevilla, ou do conde don Xulián? O mesmo ca estes, que tiñan o compromiso dos musulmáns de ser repostos no trono visigodo, mais os foráneos, agás que veñan contratados como mercenarios, non loitan precisamente para lles facilitar o poder aos da casa.
Escóitanse agora voces que chaman á creación dunha fronte común formada por nacionalistas e non nacionalistas. Continuamos na resaca das mareas, das que eu teño dito que só me interesaban –cando o mar era, non libre no senso de Grocio, senón de aproveitamento colectivo- as de baixamar escoada de Pascua, que nos permitía aos do Porto do Son ir aos percebes máis fondos da Filgueira, da Sagrada ou do Castro. Fálase agora de retomar algo así como o Frente Popular do 36 para desaloxar do poder as dereitas. Incluso un dos autores principais da defección no BNG sostivo isto, hai xa moi ben tempo, comparando a formación de AGE co que Castelao e Bóveda fixeran daquela. Se seguísemos fieis á comparanza habería que engadir que o BNG ficou fóra o mesmo que as Dereitas Galeguistas de Filgueira ou Risco. Non se atreveu o “vitizán” a vogar tan lonxe.
Xa postos, poderiamos preguntarnos se a aqueles nacionalistas do PG lles compensou adherirse ao Frente Popular. Habería que escoitar a Bóveda, íntegro ata na defensa dos resultados das eleccións no medio dunha violencia real, que tal lle sentara non saír elixido deputado pola ausencia de colaboración dos demais partidos coligados. De ter recollido algún voto máis que os do propio PG estaría con Castelao en Madrid e non sendo asasinado na Caeira. Por certo, cando os do PP e os do PSOE enchen a boca coas vítimas, inclúen a Bóveda? O PG entrou no Frente Popular nunha época na que a expansión do nazismo e do fascismo facía agromar estas coalicións de esquerdas por toda Europa, caso do importante Front Populaire en Francia. O que moveu aos nacionalistas galegos a se sumar ás restantes forzas foi que “a repúbrica sexa o que debe ser”, a “defensa dos nosos intereses económicos” e “conquerir a autonomía de Galicia”.
Nun principio, os demais partidos colaboraron en maior ou menor medida tanto na celebración do referendo de autonomía como na participación nas mesas electorais e mesmo na imprescindible manipulación (polos imposibles requisitos do quorum) dos votos. O problema xurdiu cando o presidente Casares Quiroga tentou retrasar a súa aprobación polas Cortes, ata o extremo de facer dicir a Castelao, en carta a Bóveda, que “Casares non xoga limpo”. A figura de Casares esperta moitas simpatías no círculo de AGE e non serei eu quen lle minimice os seus méritos; pero tampouco son quen de esquecer que semellaba ter unha certa tendencia ao sono. Cando foi comisionado a Jaca, para alertar ao capitán Galán de que abortase a sublevación prevista, por ter sido retrasada a data, chegou a aquelas altitudes a véspera e, no canto de contactar co militar, foise deitar. Ao día seguinte, Galán, ignorante do retraso da asonada, saíu coa tropa e sabemos que rematou nun consello de guerra e fronte a un pelotón de fusilamento, xunto co tamén capitán García Hernández. Para se botar a durmir, escusou Casares de facer semellante viaxe. E cando, xa Presidente do Goberno, lle comunicaron que os militares se estaban levantando en Marrocos, respondeu que se eles se erguían “yo me voy a dormir”. Casualidades talvez, pero, nos intres máis importantes, a ese home entráballe o sono.
Insisto, non sei se compensou ao PG formar parte do FP. Cando menos conseguiuse facer o referendo de autonomía e, pola teimosía de Castelao, a quen nunca llo agradeceremos suficientemente, que nas cortes de Montserrat (1938) se aprobase, o que permitiu que Galicia fose tratada na Transición como autonomía histórica. Pero hoxe, cal é a razón para que un partido nacionalista se integre nun FP, nunha marea miscelánea ou como se queira chamar? Cal é o interese do BNG máis alá de conquerir (emprego o verbo a conciencia) a soberanía nacional de Galicia que nos permita administrar e gobernar os nosos recursos? Algunha vez temos escoitado a algún partido non nacionalista defender os nosos intereses na cámara de deputados ou no senado? Escoitámoslle sequera pronunciar o nome de Galicia? Non é verdade que ata os paisanos que, o mesmo na república que agora, non votan nacionalismo, cando sobe á tribuna a representación do BNG mandan calar aos do bar porque están falando os nosos?
Non se inventa nada novo; todos son plaxios, pois, a fin de contas, que era ou que é o BNG máis que o que hoxe algúns chaman marea? Pero iso si, todos os partidos ou correntes que o conformaban tiñan ou dicían ter como único fin a liberación nacional de Galicia, a súa soberanía. Despois do visto, eu xa non estou tan certo de que nalgúns non pesase máis o oportunismo persoal que o “sentimento da Terra” de que falaban os nosos predecesores do PG.
Repítese como unha xenialidade a expresión unamuniana de “Me duele España”, cando non é máis ca tradución do Heimweh alemán (Heim é o home inglés), á letra “dor do lar” e traducible por morriña. Eu, nacionalista desde que teño uso de razón política, sinto Heimweh, sinto dor pola miña Terra, lembro moi a miúdo o canto verdiano dos escravos de Nabucco (Oh mia patria sì bella e perduta) e non podo entender como militantes do BNG poden nin tan sequera insinuar pactos electorais con forzas españoleiras. Volvo a dicir que, mentres o BNG queira para Galicia un presente e un futuro semellante ao que eu quero e el di querer, terá o meu voto, o día que deixe de votalo será porque el mudou, non eu, e quero pensar que ese día seremos milleiros os galegos que ficaremos politicamente orfos.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.