Paco Jorquera


Paco Jorquera plantouse en Madrid no ano 2005, cando asumiu o escano de senador até que foi elixido deputado no Congreso por A Coruña en marzo de 2008.

Experimentou a vida parlamentar por partida dobre, percorrendo ambas Cámaras, coñecendo de preto as Cortes do Estado e os atallos para chegar ao hemiciclo sen ter que perderse nos ascensores.

Soubo apreciar a diferenza entre a rimbombante Cámara Alta e a trepidante Cámara Baixa. O Senado, cunha vitalidade mortecina, lonxe do cometido de auténtica Cámara territorial, non foi testemuña muda do labor de Jorquera que pasou da súa esclerose e se tomou en serio o de currar por Galiza.

En marzo de 2008 pisou os corredores do Congreso, coa preocupación e a responsabilidade de substituír a Francisco Rodríguez e pensar se estaría á altura. Mais, todas as comparanzas son odiosas, e o tempo demostrou que Rodríguez foi Rodríguez e Jorquera foi Jorquera.
A súa andaina como deputado iniciouse na segunda lexislatura de Zapatero. Tocoulle lidar coa cara non amábel dun Goberno do PSOE que sucumbiu aos ditados de Merkel, da Troika, do FMI e de toda a Santa Compaña que ordena recortes sen fin.

A Zapatero díxolle que non ao decreto de reestruturación bancaria que puxo a primeira pedra para rematar coas Caixas, díxolle que non ás leis de financiamento autonómico, e sobre todo, deixoulle moi claro naquel famoso maio de 2010 que non contase co BNG para o primeiro Plan de Axuste, o primeiro tomo dun catálogo de recortes sociais que Rajoy continúa imprimindo a velocidade de cruceiro.

Apertou en varias ocasiones o botón de non á reforma laboral, fora co goberno ZP ou co goberno PP. Foi combativo coa reforma das pensións. Unhas pensións ameazadas pola negra sombra do PP que xoga a agochar na caixa forte de Moncloa o seguinte golpe certeiro, algo que Paco sempre advirte.

,A Rajoy sigue dicíndolle que non cada día cando se ergue, cando chegan os xa malditos “venres de dolor” e cando se adopta unha maneira de gobernar incomprensíbel para un demócrata de seu que non pode ver con bos ollos que o BOE só publique Reais Decretos que non permiten réplica. O veloz desmantelamento do Estado de Benestar doe a un Paco que non pode entender que a modernidade sexa isto, camiñar para atrás, perder dereitos sociais, laborais, económicos, a sanidade e a educación pública, o certo benestar acadado e a calidade de vida.

A calquera deles, PP e PSOE, díxolles un rotundo non cando se aprestaron a reformar a sacrosanta Constitución para cometer o “pecado” de vulnerar o texto sagrado establéceno o catecismo do obxectivo de déficit.

No seu haber, acumulou empatía cos problemas dos galegos e das galegas, dos seus sectores. Estivo ao lado do sector da minería galega cando Sebastián se empeñou no decreto do carbón, absolutamente lesivo para as térmicas galegas. Ao carón dos estaleiros públicos de Navantia para que non se convertan nun museo industrial ao ar libre onde mercar souvenirs. Ao carón do sector naval afectado pola suspensión do Tax Lease. Ao lado dos afectados polos embargos das hipotecas, reclamando en varias ocasións a dación en pago. No mesmo lado que os afectados polas preferentes.

Mirou ao pasado, á historia, para pedir unha reforma da Lei de Amnistía co obxectivo de que se investigasen os crimes do franquismo. Denunciou os abusos bancarios, as comisións abusivas, e as estafas sen fin do poder financeiro, pedindo no Congreso unha Comisión de Investigación á que sempre se opuxeron os denominados partidos maioritarios.
Paco Jorquera nunca renunciou ás demandas do nacionalismo de esquerdas para saír da crise, por máis que o PSOE e o PP mirasen para outro lado: unha reforma fiscal integral que gravase máis aos que máis teñen, a supresión do gasto militar, a creación dunha banca pública galega e unha Axencia Tributaria propia, a redución da estrutura administrativa como Ministerios e Administración periférica do Estado, e por suposto, as caducas deputacións. Cansouse de reclamar o fin dos privilexios económicos da Igrexa, exenta do pago do IBI polas súa innumerábeis propiedades.

Sempre tivo claro que as tropas despregadas en Afganistán e noutros países tiñan que volver.

Plantexou a revisión do réxime de incompatibilidades de membros do Goberno. Foi teimudo coa necesidade de termos servizos ferroviarios de cercanías, coas transferencias de competencias a Galiza para xestionar mellor os nosos recursos e as nosas infraestruturas.
Siareiro do Deportivo, futboleiro capaz de radiar un histórico partido de fútbol de hai anos, non tivo pelos na lingua para demandar que os clubs de fútbol paguen a importante débeda contraída coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social.

E poderíamos seguir pero para iso esta o arquivo histórico do Congreso dos Deputados. Entrade, contade iniciativas e intervencións de Jorquera. Chegaredes a unha única conclusión: estivo á altura, sen lugar a dúbidas.