Outro paso atrás en Guitiriz e unha rúa esnaquizada

Outro paso atrás en Guitiriz e unha rúa esnaquizada

Razón tiña o amigo Xosé María Díaz Castro no seu poema Penélope, porque cando este noso pobo da un paso cara adiante sempre chega alguén que o fai retroceder outro. Seica temos esa maldición e que seguiremos con ela ate que deixemos de renegar de nós mesmos.

Aquí no concello de Guitiriz, onde naceu o poeta dos Nimbos fai uns anos que, co consenso da anterior equipa de goberno, a Deputación de Lugo peonalizou a Rúa do Mercado, da que é titular, para expansión e deleite dos veciños da vila. Para elo pavimentouna con fermosas laxes de granito da nosa comarca, pero logo cambiou o goberno municipal e os actuais rexedores do PP converteron en cascallos as laxes de pedra para encher o oco que quedou de formigón -material mais acorde co seu pensamento e do que o partido do alcalde sacou tantos soldos “B”- para volvela abrir ao tráfico rodado.

Non lles importou nada as pacíficas mobilizacións dos veciños en contra desa decisión que fervía nos seus miolos desde facía moito tempo, nin a oposición da Deputación a esa medida ante os tribunais de xustiza, senón que, utilizando a prepotencia que lles dá o “dereito” de poder castigar aos díscolos, multaron arbitrariamente aos manifestantes con cantidades que van dos douscentos aos mil cincocentos euros a varios deles. Estas multas foron impostas selectivamente sen ser identificados por ningunha autoridade e a única identificación posible debeu ser por medio de fotografías nas que alguén ía sinalando ao seu albedrío quen tiña que ser sancionado e quen non. Así se explica tamén a elección da cantidade imposta a cada un, segundo a implicación política do manifestante e o rancor que lle tivera quen exercía de xuíz. Agora -tamén arbitrariamente, e para consumar a miserable vinganza- a Delegación do Goberno arquivounas todas menos a de mil cincocentos euros ao responsable local do BNG por ser, segundo eles, o autor intelectual da protesta.

Tampouco agardaron a unha sentencia firme dos tribunais de xustiza e correron a facer a súa felonía utilizando para elo vinte e catro mil euros de todos os contribuíntes mentres negan o diñeiro para dependencia e outros servizos sociais. Este gasto innecesario constituiría unha prevaricación si no seu día a sentencia sae favorable a Deputación, que foi quen pagou as obras que agora eles esnaquizaron, polo que deberían ser eles os que pagaran do seu peto e volver deixala como estaba, pero, como van de sobrados e viven no limbo, dixo o alcalde, Xosé María Teixido, que vai esixir a Deputación o pago do custe destas obras desenvolvidas en execución subsidiaria, a pesar de que segundo os técnicos do ente provincial, a destrución que levou a cabo constitúe unha infracción moi grave que vulnera a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de Estradas de Galicia aprobada polo seu partido.
Non é a primeira vez que este alcalde mete a pata dese xeito, pois xa anteriormente mandou aos funcionarios municipais manipular un cadro propiedade de Barras Eléctricas que abastecía o alumado público e despois, para que as rúas da vila non quedaran a escuras, tivo que alugar un xerador de enerxía durante varios meses até que se baixou da nube na que vive desde que tomou posesión da alcaldía. Dá a impresión de que quere manexar o Concello como si fora a funeraria que rexenta, e non entra na súa mente que, neste caso, non xestiona os seus cartos senón os de todos os veciños.

É un sarcasmo que argumente que se trata dunha promesa electoral que o partido lle obriga a cumprir cando ese partido, ou banda organizada, fixo todo o contrario do que dixo nas distintas campañas electorais, pero parece ser que solo cumpren as que van en contra dos intereses do pobo. De todos xeitos esa destrución non sería posíbel sen a colaboración necesaria do concelleiro independente, Jesús Veres Vázquez, un home que sempre presumiu ser de esquerdas de toda a vida e que agora apoia a dereita mais reaccionaria, pero din por aquí que se trata da Vinganza de Don Mendo por despeito político a anterior lexisladora que non quixo metelo nos primeiros postos das listas dos socialistas na segunda lexislatura que gobernaron o concello e cando el pertencía a ese partido. Hai quen di que estes gobernantes senten complexo polas súas limitacións; que pola súa incompetencia obran deste xeito irracional e autoritario, destruíndo o que o que está feito para demostrar que fan algo, pero tamén hai quen pensa que detrás se atopan mesquiños intereses, e mais si temos en conta que o formigón que votaron contén pouco cemento para, como din as malas linguas, volver a botarllo dentro de pouco; que así... sempre queda algo.

Outro argumento que utilizan é que lle dá mais viabilidade ao tráfico da Avenida da Coruña ao Campo da Feira, pero esa viabilidade xa estaba garantida polas rúas da Boa Veciña e Terra Chá, que aínda van ter que seguir sendo utilizadas polos vehículos que teñan mais ancho que un utilitario, e nin sequera analizaron as propostas dos grupos da oposición porque o deles non é gobernar a favor dos intereses da poboación senón que gobernan contra os que non pensan coma eles, de aí que esta desfeita fora a obra mais importante que acometeron desde que tomaron o poder, xunto coa reparación da ponte de Requeixo que levou a auga cando caeron catro gotas.

Non é normal desfacer o que está feito coa idea de crear unha fenda entre os veciños; mais si se pon en perigo a integridade dos viandantes ao quedar agora as beirarrúas ao mesmo nivel que a vía destinada ao tráfico rodado e intentando solucionar este grave problema de delimitación enchéndoa de estacas de ferro e unhas varandas na entrada tan estreitas que a duras penas deixarán pasar un camión de bombeiros en caso de necesidade nalgunha das vivendas ou edificios desa rúa.

Isto é unha proba mais de que o poder en mans de autoritarios e acomplexados constitúe un perigo potencial para os cidadáns, pois cando todos queren imitar a Pontevedra, convertendo as cidades en espazos seguros e humanos para deleite dos seus veciños e facendo que teñan mais cabida as persoas que os automóbiles, eles converteron a única rúa peonil que tiñamos en Guitiriz nunha perigosa estrada e nunha rateira, en caso de accidente, pola súa irresponsabilidade.