Outra volta, os lumes
O gravísimo problema dos incendios reaparece a nivel social cada certo tempo dun xeito fulgurante, como o das lapas que o arrasan todo, para logo se sepultar na escuridade e no esquecemento. Desprotexidos ante a vindeira faísca que volva acender os lumes, o país fica máis pobre, o territorio máis queimado, a natureza máis triste, silenciosa e valeira. É unha espiral de degradación imparábel.
Verbo desta problemática non reiterarei aquí análises e propostas feitas neste mesmo medio en abril de 2012 e setembro de 2013, alén doutras máis xerais sobre os montes ou o medio rural galego. Tampouco referirei estudos, opinións e análises feitas por veciñanza comuneira, investigadores/as, asociacións ambientais ou quen queira que fose, que, a nivel individual ou colectivo, con coñecemento de causa e honestidade se teñen achegado á reflexión sobre como superar os lumes en Galiza. Concordo en grande medida en situar a causa fonda dos lumes no desequilibrio e abandono do noso mundo rural, na política forestal pirófita que padecemos e en que só un troco de rumbo con medidas a curto, medio e longo prazo poderá levar á minimización e superación dos lumes forestais. De xeito infausto, a conselleira de Medio Rural parece non estar de acordo con isto, pero non afonda en cal é a súa visión e, en consecuencia, declárase ignorante sobre cales poden ser as solucións a achegar. Daquela, as perspectivas cara ao futuro son aínda máis escuras có negror que arestora invade os nosos montes.
De todos os xeitos os lumes do 15 e 16 de outubro pasados obrigan a algunhas reflexións que axuden a desandar o camiño cara ao sumidoiro que ameaza nos engolir. Nestes días puidemos constatar varias cousas:
a) Atopámonos ante unha nova situación en canto á propia natureza dos lumes, sexa por existir maior volume de combustíbel (o abandono rural segue a ser progresivo e a extensión de especies pirófitas cada vez maior) como polas consecuencias dun clima cada volta máis cálido, seco e con chuvias menos regulares. Así os lumes acadan dimensións impensábeis hai só uns anos, moito máis virulentos. Os incendios xa non só afectan ao monte, senón que queiman campos de cultivo, casas e outras construcións humanas, tanto porque o monte baixa até as aldeas como que as vivendas se introducen no monte. Ulo o ordenamento territorial? E de se defender as aldeas dos lumes, necesariamente desaténdese a propagación nos montes e serras e en extensas zonas non habitadas. 36.000 hectáreas queimadas en dous días, máis do duplo do previsto para todo o ano, debera facernos reflexionar.
b) O estado, a administración e os servizos que deberan axudar á poboación na situación límite vivida ou ben non existiron ou funcionaron de xeito moi deficiente. O deterioramento pola privatización dos servizos públicos, o desinterese e a incompetencia do goberno galego foron manifestos e supuxeron graves perdas e riscos en vidas, en valores ambientais e en recursos económicos para a sociedade galega. Os lumes atacáronse tarde, con mínimos medios e con descoordenación. A maioría deles apagounos a chuvia e non tiveron maiores dimensións e consecuencias grazas á intervención das persoas afectadas e á solidariedade dos veciños e veciñas. Dende o punto de vista da protección civil a resposta á situación de emerxencia foi deplorábel e puido supor consecuencias moito máis funestas. Baseouse na improvisación, nas ordes contraditorias e houbo falta de medios. Nin as persoas nin moitos dos corpos e autoridades sabían como enfrontar os lumes, que protocolos seguir, que facer ante as lapas, o fume e as ameazas. Os teléfonos de emerxencias colapsaron. Non existe explicación nin desculpa posíbel para a situación caótica e perigosísima que durante varias horas se produciu na A-52 con miles de vehículos atrapados por varios lumes tanto nas Neves, Salvaterra, A Caniza e Melón, sen que nin pola tarde nin pola noite se informase nin impedise o acceso a ese lugar sen máis saída que dar volta por onde se viñera. Este exemplo, gravísimo e só polo azar sen consecuencias para as persoas, complementa os sucesos en que se produciron mortes, algo totalmente inaceptábel, ante as que non debemos resignarnos como sociedade.
c) O nivel de intoxicación informativa producido só é comparábel ao ar opaco e irrespirábel existente aqueles días. Os medios públicos galegos estiveron ausentes durante todo o día do domingo, non por falla de capacidade senón por seguir o criterio político de ocultar o problema, que podía danar a imaxe do goberno. Cos lumes a arrodear casas e vías de comunicación dende moitas horas antes, cando era máis preciso coñecer que lugares había que evitar e que alternativas existían para os desprazamentos, a radio insistía en facer un “carrusel” polos partidos da terceira división de fútbol e a televisión emitía o enésimo Luar, para ter á xente entretida e allea ás desgrazas. Sería divertido se a politización partidista dos medios públicos non provocase indefensión e riscos para as persoas. Iso si, serodiamente, case na madrugada do luns, a TVG comezou a emisión dun “especial lumes” que durou tres ou catro días seguidos, pero cuxa orientación non foi informar do que nin por que ocorría, senón que espallou a consigna gobernamental do terrorismo e a trama incendiaria. A solicitude de cese de manipulación e de demisións feita polos propios profesionais da CRTVG non tivo percorrido, e aínda un redactor da Radio Galega ousou insultar grave e publicamente miles de persoas que se manifestaron para esixir solucións e responsabilidade polos lumes.
Amais, a Xunta pagou miles de euros aos medios privados amigos por publicar unha declaración institucional que non asumía responsabilidade ningunha e continuaba a desinformar e confundir á sociedade.
Como os terroristas incendiarios da versión oficial non daban aparecido e iso podía poñer o foco en quen ten competencias para que o país non arda, ao cabo o telexornal puido abrir en días sucesivos as súas edicións coas imaxes dos chibos expiatorios. Primeiro a dun home entrando na cadea por unha neglixencia que afectou o 0,000027% da superficie total queimada (1 hectárea das 36.000 totais), logo falando dunha anciá que provocou outro lume non moito maior. Máis ca orgullo pola actuacións policiais, xudiciais e gobernamentais, este feito e o seu tratamento informativo repugna e fai renegar dun sistema tan amoral e corrupto.
Por certo, de xeito reiterado, verbo dos incendios galegos a TVG só emite en primeiro plano imaxes de camións, helicópteros, brigadas, árbores queimadas e terra que fumega un pouco; as lapas de 30 metros de alto ou de varios quilómetros de fronte, a desesperación da xente e as casas ameazadas quedan para cando se trata de Portugal ou de California.
d) A incompetencia da conselleira de Medio Rural e do Director Xeral de Ordenamento Forestal non teñen límites. Alén de seren fieis executores da política de montes e forestal que condena Galiza a perpetuar e empeorar o problema dos lumes, estes días foron responsábeis dalgunhas decisións moi graves. Por unha banda Ángeles Vázquez afirmou no Parlamento a mediados do mes de setembro que non existía unha desestacionalización dos lumes –ao invés do que calquera puido constatar nos últimos anos- e mesmo chegou a dicir que un dos lumes que houbera naquela altura era o derradeiro dos grandes incendios da temporada. Foron estas unhas declaracións irresponsábeis e gratuítas, realizadas en función de alguén que só quere colgarse unha medalla antes de tempo, pero non baseadas en ningún tipo de análise rigorosa. Quizais por iso a súa predición de futuro errou tan descomunalmente e mesmo achegou algunhas das condicións para que a situación caótica de outubro se dese. Así, produciuse o cesamento de case 1000 persoas das brigadas ao longo dese mes: 436 o día 1 por se trataren de persoal fixo-discontinuo do SPDCIF[1] que traballa só de xullo a setembro, e 500 máis o día 12, correspondentes á empresa pública SEAGA. As circunstancias do tempo climatolóxico é evidente que desaconsellaban isto, xa que mesmo durante todo o mes houbo numerosos e moi grandes lumes no interior de Galiza. Coa crise xa desatada, a reincorporación destes colectivos os días 11 e 16 foi totalmente serodia. Ficou á vista a improvisación, falla de planificación e unha toma de decisións que valora máis a precariedade e desmantelamento do sistema público cá preocupación por adaptarse ao que as circunstancias esixían.
O director xeral Fernández Couto debe engadir ás responsabilides compartidas anteriores o feito de convivir e permitir o incumprimento das leis en canto ao mantemento de franxas de protección. Cabe dicir que o propio PP rebaixou as distancias entre as plantacións arbóreas e as zonas habitadas ou de viais que existían inicialmente na Lei de Montes e na de Defensa contra os lumes forestais. Pero é que nin sequera fai nada por que se cumprean eses requirimentos que agora son mínimos.
e) A destrución de espazos naturais é desprezada maioritariamente pola administración e polo medios de comunicación. Existe un relegamento crecente da preocupación pola afectación dos lumes ás zonas de interese ambiental, mesmo aquelas con supostos niveis de protección legal alto, sexa Rede Natura, Parques Naturais ou outras figuras. Isto vén sendo habitual nos últimos tempos, pero ficou nidio este outubro, en que ardeu masivamente o parque do Xurés, a reserva de Ancares, o bidueiral de Montederramo e moitas outras áreas do Macizo Central, parte do Courel e demasiados outros lugares. Semella que a insensibilidade que teñen inoculado na sociedade en tantos temas chegou tamén en forma de ocultación mediática e de indiferenza ante a perda do noso patrimonio natural.
A pregunta que nos debemos formular como país é se isto é o que queremos. Xa non é só a repetición cíclica do problema do lume, senón mesmo o seu agravamento. Somo quen de convivir coa desfeita humana, social, ambiental e económica que está arredor dos lumes? É este o presente e futuro que agardamos? A boa vontade e os ofrecementos solidarios de persoas voluntarias indican que non, que no fondo se agarda por outra cousa. Pero todo iso está sepultado por unha política de montes, rural e de deseño de país que olla máis cara á eucaliptización, cara a ENCE, cara ao beneficio privado e inmediato duns poucos, máis que para o conxunto da sociedade galega. Sabendo que se non hai trocos imos a peor, e que os cambios estruturais no rural e nos montes son sempre a medio e longo prazo, debemos aprender e mellorar experiencias pasadas (das negativas coma a destes días ou das positivas como as que se comezaban a deseñar nos tempos do BNG na Consellaría de Medio Rural), debemos visibilizar, apoiar e participar nas comunidades de montes para poñer en práctica esa nova política a escala local e sen agardar pola administración e debemos, en definitiva, esixir de contado un pacto de país para replantexar a política de montes entre todos os axentes socais.
[1] Servizo Público de Defensa Contra os Incendios Forestais