Outra vaca no millo: un condón cerebral non sobra

Outra vaca no millo: un condón cerebral non sobra

Tanto bombardeo mediático sufrimos que perdemos o sentido común e o outro tamén. O que escoitamos ultimamente xa non son mentiras son “VICX” (Virus de Infección Cerebral Xeneralizada).

A infección é tan xeral que temos invadidos todos os órganos, sexan do noso corpo ou do corpo da sociedade.

Comecemos por exemplos xerais para achegarnos logo á propaganda mais recente e próxima:

A CRISE: Entre os responsábeis da crise foron desfilando, os cidadáns do común que vivimos por enriba das nosas posibilidades, os parados, os pensionistas, os traballadores/as por ter salarios moi elevados, os mozos e mozas por non querer traballar, os parlamentarios e os políticos en xeral que son vagos, corruptos e delincuentes, as autonomías cos seus excesivos gastos, parece ser que tamén o “ladrillo” ; pero neste caso este obxecto está libre de responsabilidades porque carece de D.N.I.

É doado saber quen foron os responsábeis da crise: As vítimas, todos os que a padecemos. ¿E os culpábeis verdadeiros? Para que queren os especuladores e estafadores do capital facerse culpábeis da crise cargando tan ben coa culpas as vítimas?

O TERRORISMO: Un grupo de fanáticos, ou varios, non se sabe moi ben, que ninguén apoia, ninguén protexe nin financia, que contan cun armamento moderno e potente e sempre actúan nos países onde hai reservas enerxéticas ou riquezas valiosas, e combaten onde lle interesa aos mandamais da OTAN. Os dirixentes destes grupos son moitas veces formados nas academias militares de “Occidente”.

Para acabar co problema vai a OTAN ou aliados e bombardea eses países (Irak, Siria, Libia…) converténdoos nun un inferno total: Refuxiados, fuxidos, milleiros de mortos en terra e afogados no mar…. Os demócratas, en tempos, chamábanlle a isto imperialismo, hoxe “os demócratas” chámanlles a destruír e enlear países “loitar pola democracia”, e os socialistas tamén. Para mostra Felipe González defendendo a “ democracia” en Venezuela.

A estes dogmas fixos podemos engadir propaganda absurda e irracional “ fresca” na nosa nazón”:

PREZO DO LEITE: Feijóo, despois de que converteu aos sindicatos agrarios galegos nun órgano unipersoal de pacto, foto e pousadeiras repousadas, vai e ponse el a facer de sindicalista anunciando que as industrias están afundindo o sector lácteo galego. A Conselleira di que non pode facer de mediadora no conflito da baixada de prezos, da non recollida e nos contratos inútiles porque a Xunta ten que ser neutral e ademais sería contraproducente. Bravo! Por que non foron neutrais no afundimento das caixas de aforro ou no conflito das preferentes? Por que se lle pon prezo fixo á enerxía eléctrica produto que como o leite é perecedoiro? Cómo é posíbel que na inxustiza dos abusos das industrias teña máis valor de denuncialo Feijóo que Roberto García?

OS NUMEROS DO PARO: Ninguén se decatou aínda que non nos falan para nada dos parados/as senón de algo moito mais espiritual e simbólico que son os números cos que se clasifican aos parados/as? Non me digan o número de parados, díganme o de empregados e as condicións de traballo e emprego? O problema a resolver é o EMPREGO; o mesmo que a economía a resolver non é a dos “35 do IBEX” si non a dos 35 millóns de seres humanos vivos para que sigan vivos e sans e poidan vivir e morrer con dignidade. Os cabezas delirantes do capitalismo - e máis nun país colonizado- están incapacitados para comprender e sentir algo máis que o diñeiro, o poder e o consumo. Os seres humanos son números que se poden gravar ou borrar para facer subir ou baixar a bolsa. E até os que se din de esquerdas, tamén a maioría dos sindicatos, falan do paro en vez de falar de emprego. Ninguén quere decatarse de que en Galiza o paro está desaparecendo porque está desaparecendo a actividade produtiva e como consecuencia a xente. Temos moitos pequenos concellos onde desapareceu o paro e so quedan vellos, e cada paso hai máis. Tampouco se di que a cada paso máis parados carecen de ingresos, e cando se ve que non morreron nin emigraron, a xente, produto da infección mediática, di que traballan na economía soterrada. Unha vez máis a vítima é culpábel . A ninguén se lle ocorre pensar que o delito está na humillación que supón non ter un traballo normal... Como pode ser que a inspección de traballo logre descubrir a un parado que busca un ingreso para non morrer de fame e que non se saiba que as grandes fortunas rouban estafan e baleiran a “Querida Patria", dentro ou fora da lei?

A SANIDADE PÚBLICA: O presidente do Colexio de médicos de Galicia saía fai poucos días a cubrirlle o lombo ao Sr. Feijóo no “Tele-medo” do mediodía insultándonos a tódolos do rural. En ton desafiante dixo que lle presentaran a “una persona de una aldea remota que no fuera atendida, salvo un poco por el tiempo, con la misma calidad que un ciudano de Santiago”. Traducido a “cristiano”: “Si hasta os damos el trato de ciudadanos a los paletos de las aldeas remotas….”

Para comezar, aos aldeáns remotos xa non lles falan no seu idioma cando están morrendo. … Para continuar, chegan a convencernos, co cerebro deterioradopolo contaxio, que a Seguridade Social ten que ser un negocio e que ter unha Seguridade Social que sirva para todos/as é unha inxustiza porque os sans páganlla aos enfermos. O mellor é ir pagándose un seguro privado. O que non sexa capaz de facelo e non meteu cartos nos fondos de pensións é unha máquina disfuncional no mundo dos mercados. Aínda máis, si existe algún servizo público ten que ser xestionado de xeito privado e RENDÍBEL. Total, temos que ser mercadoría si ou si, ser persoa é unha idea pouco moderna.

COMUNICACIÓNS: Fai poucos días e a todo bombo anuncióusenos un tren alta velocidade, tarde mal e arrastro, namentres se deixa para a chatarra o resto da rede, incluso os tramos preparados para velocidade alta. Temos que supoñer que ese tren será gratuíto ou moi barato porque do contrario vai pasar o que acontece coas autoestrada de pago, haberá que meterlle viaxeiros por decreto, como queren facer cos camioneiros. No século XIX Curros Enríquez clamaba polo retraso do tren ante España. Pero daquela Galiza estaba poboada e o tren supuña desenrolo en toda a nación. Ese día que veu a ministra na Radio Galega sentenciaban que na que eles chaman “Galicia interior” non había que facer comunicacións porque non era rendíbel. ¡Vaia intelectuais! Primeiro deixan morrer o País, comezando polo rural, e logo deciden que hai que enterralo; tal como o can famélico que debuxaba Castelao.

-Dalle de comer o can.
-Dono: Pro que traballa.
-Pois logo mátao.
-Dono: Pro que come.

Será tan pouco intelixente o noso pobo que se deixe extinguir e morrer nas mans destes desalmados ou atufar por remexidos e barullos sen ver que hai quen paciente e serenamente ten aguantadas infección tras infección simplemente co preservativo do amor polo País?

De acordo coa biblia do Sr. Presidente da Xunta todas as comunidades autónomas envexan ao Goberno da Xunta que arruína o seu propio País, Galiza, para quedar ben con España e con Rajoi. Somos os que mellor cumprimos co déficit orzamentario, os que nin si quer pedimos, os que sacrificamos a pesca, a agricultura, o naval e canto temos, para que España estea contenta. A Feijóo non lle chegou con vender a Caixa, agora vende Galiza enteira, mellor, entrégalla como presente ao Reino de España a cambio duns aloumiños de D. Marianito.

RECUPERACIÓN: D. Marianito dixit: "Chegou a recuperación e o creto xa chega aos bancos, só falla que chegue ás familias. ¡Esa é boa! Viron algunha vez que se encargara ao raposo mudar as pitas de galiñeiro?

A RECUPERACIÓN CHEGOU GRAZAS Á AUSTERIDADE: Aqueles que sufriran un ataque tan forte de VICX que chegara a conclusión de que tomando o medicamento que tódolos países capitalistas recomendan e ninguén toma, agás os discípulos torpes de Aznar e Felipe, digo os discípulos torpes, porque eles e mais os discípulos listos fan o contrario. Aos que chegaron a ese estado xa non lles sirve o condón. Aí compre cortar, e onde non, sedalos e que sigan con doses reguladas Pepefelipina.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.