Outra sinatura que sirve para avalar o réxime

Outra sinatura que sirve para avalar o réxime

CCOO e UGT convértense unha vez máis en avalistas da política da dereita, desta vez asinando o día 26 de decembro un acordo sobre o Salario Mínimo Interprofesional-SMI, acordo que segundo nos tentan vender os asinantes suporá que en 2020 o SMI chegue aos 820 euros.

Esta sinatura en primeiro lugar supón un importante agasallo para Mariano Rajoy, despois da importante derrota que sufriu fronte ao independentismo catalán, que volveu acadar a maioría absoluta nas eleccións ao Parlament do 21 de decembro. E en segundo, como ben exemplificaba a portada do diario ABC o día seguinte ao acordo, os secretarios xerais de CCOO e UGT non fan outra cousa que poñer a súa sinatura onde lles ordena a Ministra de Emprego, mentres son atentamente observados e controlados polo presidente do goberno español e polo presidente da CEOE para que unha vez máis cumpran o seu papel de submisos avalistas do réxime.

Desde un punto de vista político é incríbel que as dúas organizacións sindicais españolas dean semellante respiro a Mariano Rajoy, que neste momento pasa por unha situación moi difícil con voces críticas que se empezan a facer ouvir dentro do PP, e a fundación FAES que abertamente mostra o seu apoio ao recambio que pode supor Ciudadanos dentro da dereita.

Se imos ao contido do acordo atopámonos cunha nova sinatura de CCOO e UGT a cambio de non se sabe que; e xa van moitas sinaturas dese estilo desde os famosos Pactos da Moncloa de 1977 que converteron a estas dúas organizacións en parte da arquitectura do réxime do 78, tirándolles a condición de centrais sindicais e converténdoas en “axentes sociais”, unha figura que non se sabe realmente o que é, pero que á hora da verdade nestas décadas veu significar a sinatura de múltiples acordos e pactos sociais cos gobernos e as patronais, acordos que case sempre tiveron como consecuencia unha redución nos dereitos laborais e sociais.

E ademais o goberno español non precisa da sinatura de ninguén para aumentar o SMI, dado que ano a ano é o Consello de Ministros o que o modifica; pero o PP nunha situación de debilidade consigue un magnífico agasallo de Nadal que lle dan os sempre solícitos CCOO e UGT.

As cantidades recollidas no acordo do pasado martes, que de cumprirse suporían en 2020 un SMI de 850 euros, están moi por debaixo da iniciativa da antiga Convergència aprobada nas Cortes Españolas en marzo de 2016, co apoio do PP, unha iniciativa que propoñía a suba até os 950 euros.

E no propio texto do acordo atopamos o truco ao comprobar que o anunciado en titulares non é certo, pois o acordo inclúe condicións para aplicar ese aumento do SMI, condicións que non saen nos titulares de prensa pero que foron asumidas e asinadas por CCOO e UGT. Os incrementos condiciónanse a un medre da economía por riba dun 2,5% e á creación de máis de 450.000 postos de traballo anuais.

Unha vez máis a clase traballadora recibirá unhas frangullas, sempre e cando se cumpran as previsións de crecemento.

Como ben sinalou o Secretario Xeral da CIG, esta sinatura non fai máis que consolidar a actual situación de empobrecemento e precariedade, pois hai xa meses que se fala de que a economía está a medrar pero a clase traballadora non ve melloría por ningures, e non se adoptan medidas de fondo para atallar problemas estruturais, medidas que rematen cos contratos de horas, días ou semanas ou coa situación de 185.000 persoas en Galiza que teñen uns ingresos brutos inferiores á metade do SMI e uns ingresos medios de 1.862€ ao ano.

Unha vez máis o sindicalismo español, con acordos deste tipo, traslada á clase traballadora a idea de que a concertación e o pacto social son o único camiño para mellorar as condicións laborais e sociais. Pero a experiencia vennos demostrando que é todo o contrario, só a loita permite conseguir avances e impedir retrocesos, cando o sindicalismo pisa moqueta acotío pasa a ser un elemento máis do decorado, un decorado que sempre decide o señor da casa.

Nos últimos meses en Galiza tivemos exemplos de traballadores e traballadoras que o arriscaron todo por defender os seus dereitos, como o persoal de Ferroatlántica enfrontándose aos intereses de Villar Mir, ou as traballadoras de Bershka en Pontevedra, que se atreveron a botarlle un pulso a Amancio Ortega e venceron. Eses traballadores e traballadoras comprobaron ademais que mentres o sindicalismo estatal @s traizoaba ou estaba ausente o sindicalismo nacionalista estivo sempre con el@s.

O camiño é ese, non se trata de confrontación porque si, trátase de asumir que empresariado e clase traballadora defendemos intereses contrapostos, e en momentos como o actual trátase de pelexar para recuperar os dereitos que nos foron arrebatados coa escusa da crise, unha crise que só serviu para aumentar as ganancias das grandes corporacións, e para aumentar a distancia entre unha minoría cada vez máis reducida pero posuidora de maior riqueza e unha inmensa maioría cada vez máis pobre.