Outra máis contra os nosos emigrantes retornados!
Ao mesmo tempo que o ministerio de Facenda, a partir do ano 2012, concentrou a atención nos nosos emigrantes retornados reclamándolles débedas tributarias e impoñéndolles recargas e fortes sancións porque non declararan as rendas procedentes das pensións dos países nos que desenvolveran a súa actividade laboral, desde o ministerio de Sanidade a moitos deles procedentes de Suíza –os que non cotizaron o tempo necesario para reuniren os requisitos da xubilación española- tamén lles foron comunicando que deixaban de ter dereito á asistencia sanitaria da Seguridade Social por seren perceptores dunha pensión estranxeira e que, se desexaban continuar gozando do dereito á atención médica, deberían ou ben afiliarse e contribuír á respectiva Caixa de enfermidade helvética ou ben subscribir o Convenio especial para a cobertura da asistencia sanitaria a emigrantes traballadores e pensionistas dun sistema de previsión social estranxeiro... Deste xeito, os afectados, fronte á inseguridade en que se encontraron con esta notificación, víronse irrevogabelmente obrigados a desembolsar ao INSS unha prima mensual de 87 euros para poder seren atendidos nas súas necesidades médicas e farmacéuticas. E isto independentemente da contía da prestación que recibisen. Deuse mesmo o caso de que unha señora cunha pensión mensual de 150 francos suízos, equivalentes a 135,22 euros, tivese que dedicar o 64,34 por cento dos seus xa moi reducidos ingresos para, pagando ese convenio, poder ter dereito á asistencia sanitaria da Seguridade Social. Quen queira corroborar esta información pode consultar, a través da internet, no Centro de Documentación Judicial (Cendoj), a sentenza 300/2015, de 1 de xullo, ditada polo Xulgado do Social número 2 de Ferrol, que condena o INSS e mais a Tesourería da Seguridade Social a recoñecerlle a esta emigrante retornada o seu dereito a gozar da asistencia sanitaria en España con cargo aos fondos públicos a través do Sistema de saúde. Por certo, o INSS, non satisfeito con esta resolución xudicial de instancia, presentou recurso de suplicación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, órgano que volveu darlle a razón á demandante, como non podía ser doutro xeito, na sentenza 984/2016, de 18 de febreiro.
O caso que acabo de relatar non é único, nin moito menos. Directamente coñezo algúns máis e, a través da xurisprudencia dos Tribunais Superiores de Xustiza, moitos outros e todos eles con resolucións favorábeis aos demandantes.
Foi precisamente na primavera do ano 2012, cando o ministerio de Sanidade, coincidindo coa exclusión do acceso á sanidade pública dos inmigrantes sen papeis, proclamou aos catro ventos que o que viña de aprobar o goberno constituía un «paso de xigante» cara a universalización da sanidade: «só ficarían excluídos da atención sanitaria os estranxeiros que se encontrasen en situación ilegal; todos os demais terían dereito a este servizo público e nin tan sequera sería necesario facer declaración de pobreza para acceder á tarxeta como sucedía antes. Só os que non tivesen cotizado e percibisen ingresos superiores a cen mil euros ao ano quedarían sen protección». Estas eran as palabras tiradas directamente do gabinete de prensa do ministerio da egrexia Ana Mato e reproducidas nos medios de comunicación. A partir deste momento, desde o INSS comezaron a enviarlles notificacións aos nosos emigrantes retornados comunicándolles que as súas tarxetas sanitarias quedaban fóra de servizo.
Alega o INSS para privalos da asistencia sanitaria que, trala reforma operada no Sistema de Saúde polo tristemente célebre Real Decreto-lei 16/2012, de 20 de abril, a cobertura de asistencia sanitaria atópase condicionada non só á residencia legal e á carencia de ingresos superiores a cen mil euros en cómputo anual senón tamén a non ter cobertura obrigatoria desta prestación por outra vía. Conclúe este organismo que os pensionistas retornados de Suíza teñen cobertura obrigatoria como asegurados por ese país e, por tanto, para gozaren do dereito á asistencia sanitaria, deben acollerse a unha Mutua de Seguridade Social helvética ou subscribir un convenio especial coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, co pagamento mensual da correspondente cota.
Ignora sistemática e obstinadamente o INSS o dereito comunitario porque o Acordo sobre a libre circulación de persoas entre a Comunidade Europea e os seus Estados membros, por unha banda, e a Confederación Suíza, por outra, feito en Luxemburgo o 21 de xuño de 1999 (Anexo II, Sección A), regula a afiliación obrigatoria ao réxime de enfermidade suízo en catro supostos, en ningún dos cales se encontran os nosos emigrantes retornados dese país.
Por isto, todas as sentenzas xudiciais, e son numerosas, lles dan a razón aos demandantes unha e outra vez desde que o goberno do PP os excluíu da dereito á asistencia sanitaria. Á mesma conclusión chega tamén a Defensora del Pueblo na súa categórica resolución do 9 de xullo de 2014 en resposta a unha queixa sobre esta cuestión. Así, literalmente, acorda «restablecer o dereito á asistencia sanitaria con cargo ao Sistema Nacional de Saúde a todos os perceptores de pensión da Seguridade Social suíza, residentes en España, aos que se lles comunicou a perda da súa condición de beneficiarios, ao resultarlles de aplicación o artigo 3 do Real Decreto 1192/2012, de 3 de agosto, polo que se regula a condición de asegurado e de beneficiario, por non teren a consideración de persoas aseguradas en Suíza e careceren de cobertura sanitaria obrigatoria por outra vía».
Malia recoñecerlles este dereito as normas xurídicas, as resolucións xudiciais e a Defensora del Pueblo, os nosos emigrantes retornados de Suíza continúan abocados a recorrer aos tribunais para poderen gozar da asistencia sanitaria pública española. E a isto chámanlle Estado de dereito!
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.