Os xestos en política


Unha volta aos titulares de prensa e reteño un que me chama especialmente a atención: "Rajoy reúnese cos banqueiros para preparar as súas primeiras medidas". Unha auténtica bomba de reloxería.

O PP pasou a campaña electoral de puntillas, sen facer demasiado ruído salvo nos momentos nos que se lle escapou algún "verso solto do poema". Un programa suficientemente ambiguo como para dicir todo e nada ao mesmo tempo, uns silencios clamorosos que deixaron a porta entreaberta. Rajoy segue igual, en capela, pechado en si mesmo e para fóra, resistíndose a desvelar as súas intencións e xogando á prestidixitación.

Mais, este momento tiña que chegar, tarde ou cedo aparecería o PP en corpo e alma, e aquí o temos. Ademais da natural e lóxica xunta co aínda presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero, o seguinte paso de Rajoy é o de reunirse cos grandes directivos de banca (Francisco González, BBVA; Rodrigo Rato, Bankia e Isidre Fainé, A Caixa).

Os xestos en política valen moito, e desde logo, este ten un valor incalculábel, é o preludio do que será a política do PP. Primeiro os bancos e despois as persoas. Fixádevos, xusto o contrario do que o BNG explicou na campaña: primeiro as persoas e non os bancos. É unha cuestión de prioridades. Para o PP é prioritario salvar o sistema financeiro, que será quen lle marque a axenda de medidas. Nada novo que non teña feito Feixóo na Galiza: as estreiteces para os de sempre, para os de abaixo, por arriba non se toca nada. É coñecida a súa oposición firme á necesidade real de lle subir os impostos aos ricos, sempre tiveron claro que este estrato social non se toca.

Un amigo dicíame na noite do 20 N: "tranquila, queda menos para a volta á Idade Media". Pode ser un bo resumo da futura lexislatura: menos dereitos laborais, mais recortes, menos sanidade e educación públicas, menos sistema público máis sistema privado, máis bancos e menos cidadáns, máis traballo en precario e menos dereitos sociais. A ver, o PSOE comezou coa aplicación ao pé da letra das receitas de Merkozy, e agora eles continuarán replantexando os principios da socialdemocracia. A cousa vai por quendas.

,A democracia acéitase, non é unha cuestión de estómago

O BNG ten un importante papel que xogar nesta lexislatura con retos futuros inmensos nun Parlamento de maioría absoluta e no que é a única forza política que velará polos intereses de Galiza. As cousas non parecen doadas, sobre todo cun PP que xa na dinámica parlamentar máis elemental parece estar disposto a guerrear ao anunciar a súa intención de verse con todos os grupos e forzas políticas que acadamos representación agás con Amaiur. Non é unha sorpresa porque o PP tamén lle ten que dar de comer á súa rama de extrema dereita, e este xesto cabe interpretalo en tal dirección. Mais preocupa a negación da democracia. Os sete parlamentares de Amaiur non foron elixidos democraticamente pola cidadanía de Euskadi e Navarra? Si, pero o PP xoga coa democracia segundo veña o vento. Postos así, a moitos pode non gustarnos a maioría absoluta do PP e a sobrerrepresentación que ten, pero isto non é unha cuestión de estómago, é unha cuestión de aceitar o que a cidadanía votou o pasado 20 N. Paréceme absolutamente criticábel a decisión do PP de excluír a Amaiur da rolda de contactos, non ten explicación desde o punto de vista democrático, e moito menos é responsábel co novo escenario de pacificación de Euskadi. Se vas gobernar os escrúpulos deben quedar aparte, e tes que asumir as túas responsabilidades.

O xesto popular tamén ten outra lectura: as posíbeis trabas que o PP lle vai pór a Amaiur para ter grupo parlamentar propio. Os requisitos para ter grupo propio son: obter a porcentaxe do 5% a nivel estatal, ou ben ter máis do 15% en cada circunscrición na que te presentas. Amaiur, cunha porcentaxe estatal do 1,37%, ten a porcentaxe do 24,12% en Euskadi e o 14,86% en Navarra, a unhas décimas do 15%. Pensan moitos que o PP se vai agarrar a estas ridículas décimas para lle negar o grupo a Amaiur. Namentres, sospéitase e así o parecen garantir os de UPyD, que lles permitirán facer grupo parlamentar propio a pesar de que se quedou ás portas do 5% estatal esixido, sacaron unha porcentaxe do 4,7%. Aplicaríase a tradicional receita de dúas varas de medir, para uns si e para outros non. Se é así, o denominado Grupo Mixto será un xigante con pés de chumbo. As fórmulas están sobre a mesa cun BNG traballando para non ficar perdido nun macrogrupo que limite a nosa capacidade de traballo, e polo tanto, a visibilidade de Galiza.