Os retos pendentes do municipalismo galego
As competencias, o financiamento, as formulas de asociacionismo, a lexislación, os organismos provinciais, a transparencia e a administración electrónica, son, entre outras, as tarefas pendentes que os nosos concellos afrontan estes catro anos de recen estreada lexislatura. Asuntos que na maioría dos casos non dependen deles mesmos senón doutras administracións que o van adiando sen que se vexa moita vontade de afrontalos xa de vez.
Son as competencias un dos maiores problemas que afrontan os nosos concellos, nomeadamente as competencias impropias, máis tamén aquelas que deberían desenvolver os concellos por proximidade e a desafortunada nova lexislación pretende quitarlles como son os servizos sociais. Xa non estaban ben definidas na Lei de Bases as competencias municipais máis a nova Lei 27/2013 de Racionalización e sostibilidade da Administración Local do pasado 27 de decembro de 2013 veu a complicar aínda máis o panorama. Irracional e insostíbel puxo de acordo, na súa contra, a todos os actores implicados na administración local. O seu obxectivo, meramente economicista, inclúe ademais a descarada promoción duns entes provinciais, as deputacións, claramente ineficientes, obsoletos e devoradores de recursos. A Xunta de Galiza desenvolveu unha Lei de medidas urxentes co único obxectivo de que as cousas quedaran como estaban. O novo goberno do Estado que salga das próximas eleccións estatais ten na modificación desta Lei unha das súas primeiras actuacións. As competencias deben quedar claramente definidas e as deputacións camiñar até a súa extinción. Por outra banda a proximidade dos concellos as persoas fai que todos aqueles servizos e competencias que por calquera motivo as administracións responsábeis da súa prestación non prestan ou prestan malamente, recaian nos concellos. Isto non sería problema si viñeran acompañadas da conseguinte prestación económica para o seu desenvolvemento, cousa que non sucede.
Ademais da comentada disfuncionalidade de asunción de competencias impropias sen recibir o financiamento correspondente para desenvolvelas teñen os concellos galegos na distribución e contía da Participación dos Ingresos do Estado (PIE) e na negociación do Fondo de Cooperación Local galego uns campos de batalla para esta lexislatura. No FCL a eliminación das subvencións finalistas, amigas do clienterismo, e a súa incorporación ao Fondo con carácter non finalista para que sexan empregadas no que realmente é preciso. Hai outros contenciosos como o reparto do Fondo de Compensación Ambiental, a asunción dos centros de saúde por parte da Xunta e a tremenda disfunción de subvencións, como os GES, nos que os concellos teñen que adiantar os cartos recibindo da Xunta, tarde, mal e arrastro os mesmos. Ademais Montoro coa Lei de Estabilidade Orzamentaria limita enormemente a capacidade económica e de contratación, afogando aos concellos cuns argumentos de estabilidade que non aplica ao Estado nin ás comunidades autónomas, sendo, como son, ademais os concellos os menos endebedados das administracións, correspondendo a maior parte da débeda, ademais, a Madrid.
En canto ás formulas de asociacionismo xa vai sendo hora que se afronte a disfuncionalidade que supoñen as Deputacións Provinciais creadas no século XIX para dividir as nacións e facer depender os anacos resultantes de Madrid. Non nos estenderemos máis sobre algo que é un clamor. As comarcas, urbanas ou areas metropolitanas, e rurais son a resposta lóxica para a compartición de servizos, tanto en termos económicos, como sociais, históricos e culturais. Mentres chega a esperada modificación da organización territorial as formulas de asociacionismo como os consorcios e mancomunidades son o paso intermedio para a compartición de servizos e facelos máis económicos ou mesmo posíbeis. As fusións, que non son malas ou boas en si mesmas, solo deben ser afrontadas despois dun estudo socioeconómico que determine que é a mellor solución segundo o caso. Tomalas como unha ferramenta electoral xa se demostrou o errado que era como no caso de Oza-Cesuras.
Hai varias tarefas lexislativas pendentes ademais da inmediata derogación de toda a normativa establecida polo nefasto Montoro. O financiamento e unha nova e necesaria Lei de Bases da Administración Local feita co concurso e consenso de todos os sectores afectados en canto ao Estado e a inaprazable modificación da Lei de Administración Local de Galicia e unha nova Lei de Financiamento Local da Administración Local galega en canto a Lexislación de Galiza.
Un erro frecuente consiste en entender a transparencia como un simple mecanismo de publicación de datos. Publicar datos en si mesmos non fai a un concello máis transparente senón se transmite información. A Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno establece aos concellos unha serie de obrigas que requiren ademais un importante cambio cultural. Os concellos teñen de prazo para adaptarse até o 10 de decembro de 2015 polo que é unha tarefa inaprazábel. Por suposto hai uns requisitos mínimos máis cada entidade pode chegar até onde considere.
Outra actuación tamén inaprazábel é a adaptación das entidades á administración electrónica. Temos na actualidade unha grande fenda entre os concellos cos recursos necesarios e xa no bo camiño, e os que precisan axuda. Corresponde á Xunta de Galicia dar soporte a todos para que cada galega e cada galego poda acceder electrónicamente a administración independentemente do concello no que habite.
Tivemos que dar un repaso moi por encima de todos estes temas pendentes e incluso outros quedaron no tinteiro. De feito cada unha das cousas comentadas requiriría un artigo exclusivo ou incluso unha serie. Simplemente quíxose dar unha visión xeral do que os concellos teñen por diante, ademais, claro está, da prestación cotián dos servizos pertinentes a todas e todos. Sorte a todos eles e lembrar que nacionalismo non é un termo oposto a municipalismo senón a localismo. Galiza tense que construír dende os concellos.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.