Os recortes en gastos sociais e o benestar do futuro

Os recortes en gastos sociais e o benestar do futuro

O baixo nível formativo do alumnado é xa un lugar común en calquera conversa. "Os nenos de agora non saben nada" "Nos meus tempos sabíamos moito mais á súa idade" "Agora non saben nin multiplicar se non teñen unha calculadora" " Agora non saben nin onde queda Roma"... eis argumentos de calquer persoa maior de 50 anos falando do estudantado de hoxe.

E hai cousas que son ben certas. Moitos nenos e nenas visitaron Roma, pero non saben situala no mapa, igual que non son capaces de facer multiplicacións con decimais sen a calculadora, pero tamén é certo que teñen capacidades que os seus avós non poderán ter nunca. A sociedade avanza e cambia, e o que antes se facía, deixa de facerse agora fronte a novas actividades. Os nenos de agora non precisan distinguir entre a lúa chea ou a nova nin saber se as nubes traen auga, porque as vilas ou cidades nas que viven presérvannos das inclemencias do clima, e igualmente tenden a pensar que non precisan de saberen multiplicar con decimais porque iso xa o fan as máquinas, e, realmente, manexan todo tipo de máquinas cunha pericia impensável nos seus ancestros. Pero non son capaces de expresar coas súas palabras o que o profesor/a lles acaba de explicar e non son tampouco quen de comprender o que veñen de ler.

O sistema educativo ven tratando de adaptarse á sociedade e aos seus cambios, e adapta as súas esixencias para cada nivel segundo a lei de cada momento, mais a realidade ultrapasa as leis e os nenos van pasando polas aulas, e vanse facendo grandes, e chegan a universidade sen teren aprendido a multiplicar nen ter lido un libro completo. Dando aulas a alumnado de primeiro de carreira atopeime cunha boa porcentaxe deles que nunca tiñan lido un libro e escollían da listaxe que eu lles "obrigaba" a ler non polo seu contido, senón simplemente polo tamaño, o mais curto, o de menos páxinas é o que elixen para ler. E eses universitarios que nunca leron son os que se converterán nos dirixentes do futuro.

Pero non debemos deixarnos levar polas conversas do "sentido común": os xovenes de hoxe non saben nada..., porque, inda aceitando que iso fose así ¿son os mozos e mozas de hoxe os culpábeis do seu baixo nivel formativo? Obviamente, non. Eles i elas estudan todo aquilo que o seu profesorado lles di, e o profesorado dálles aulas sobre todo aquilo que teñen no programa anual. E se eses programas non inclúen colocar Roma nun mapa ou multiplicar con decimais sen calculadora non é culpa nen do profesorado nen do alumnado.

En toda España son case 120.000 persoas as que estudan maxisterio na actualidade e, seguramente case todas elas, quererán formar parte do profesorado nun futuro mais ou menos próximo, pero a realidade coa que se atopan é que as prazas do ensino público son cada vez menos e tanto os soldos como as condicións de traballo non son precisamente envexables si se comparan con outros sectores. A situación do profesorado é coñecida por todo o mundo, salarios non competitivos, falta de motivación no traballo, repetición ano tras ano dos contidos do curriculum, enfrontamentos co alumnado e pais/nais, e todo isto mesturado con que, na Galiza, un 9% dos docentes non saben se no seguinte curso continuarán nas mesmas aulas ou se terán que trasladarse a outro lugar.

Nas Comunidades autónomas de fala castelá ven de producirse un forte sismo na comunidade educativa polo anuncio da non convocatoria de oposicións ao ensino no presente ano, o que se pensa que poderá provocar unha maior afluencia de opositores cara as comunidades que si convoquen tais exames. A xustificación da falta de convocatoria das oposicións é a necesidade de recortar gastos.

Sen entrar en si é certo ou non que se recorten gastos polo feito de manter a precariedade laboral do profesorado, posto que as prazas que non se cobren con titulares haberá que enchelas con interinos (a non ser que non se cubran de ningún xeito e se continúe a empiorar a calidade do servizo), resulta curioso que o 10% de recorte esixido pola lei orzamentaria do estado sexa aplicado en áreas sociais que son básicas no estado de benestar, e nunca en outras que, malia ter moito menor repercusión social, son moito mais visíbeis mediaticamente. Hai que recortar gasto e bótase man de servizos como o ensino ou a sanidade pero non se ten en conta que ese recorte repercutirá no futuro da sociedade bastante mais que o feito de ter, un ano antes ou un ano despois, unha grande autopista.

Os nenos e nenas de hoxe son os futuros homes e mulleres e a súa educación é básica si se pretende ter un pais moderno e competitivo. Ou será que o futuro dos nosos gobernantes só se conta de catro en catro anos e o demais non importa?