Os porqués do feísmo nunha Galiza fermosa

Os porqués do feísmo nunha Galiza fermosa

Estes días a Xunta, concretamente o IGVS, anunciou que está a traballar na que será a próxima orde de axudas para rematar e adecentar as vivendas do rural galego, revisando os aspectos normativos da que fora unha das apostas estrela da xa desaparecida Consellería de Vivenda e Solo de Tareixa Táboas. É sorprendente a metodoloxía que practica o Partido Popular para facer seu o traballo alleo, a base de pequenos retoques normativos, grandes reportaxes nos medios de comunicación e pouca vergoña. Así é, pois xa adiantaron que van suprimir da solicitude un dos requisitos que se necesitaban para acceder as axudas, a licencia de obra, un dos motivos polos que quedaron na cuneta moitos veciños dos 568 que non lograron a subvención; tan só 196 remataron a súa vivenda. E máis fácil non llo puidemos deixar, pois pedirlle a licencia de obra da vivenda a un paisano que lle deu un alto á casa que herdou e a ten co ladrillo á vista e con tella de uralita é como pedirlle a un furtivo que acredite a súa experiencia de mariscador ou vida laboral para concederlle un permex. Sendo así, o PP soubo aproveitarse deste detalle, e coa súa nova filosofía urbanística de borrón e conta nova, non lle fai falla máis ingredientes para vender o xarope despois de estender durante anos o virus, repartir cartos a moreas e rendelos nas vindeiras eleccións.

Mais a partir desta nova, eu quería reflexionar sobre un dos temas polos que os galegos seguimos aparecendo moitas veces na prensa vinculados ao chamado "feísmo urbanístico", un concepto que se puxo de moda no xornal La Voz de Galicia alá polo ano 2001 e que engloba unha casuística complexa de variados elementos que deterioran a paisaxe-ambiental galega, como vivendas e espacios complementarios, rehabilitacións e novas construccións "civís" ou ocurrencias cargadas dunha abraiante imaxinación, todas elas evidenciando o descoido e a desordenación urbanística do territorio. A raíz destas publicacións no xornal e nas páxinas dixitais, foron moitas as iniciativas que comezaron a xurdir dende entón para analizar o chamado "desastre" en charlas e foros de debate por todo o país, nos que participaron expertos na materia, dende premiados arquitectos e políticos ata economistas, sociólogos ou antropólogos. Dito esto, queda claro que este artigo non ten espacio suficiente para tratar todas e cada unha das teorías e opinións que da de sí o asunto, por tanto quero simplemente facer unha mera reflexión.

Son varios e diversos os factores que converxen e dos que xorden as aberracións a que estamos acostumados a ver, como unha lexislación descoñecida, inconcreta e que non se fai cumprir, pasando pola dispersión xeográfica galega, polas influencias arquitectónicas estranxeiras de países nos que se asentou a emigración galega, ata a especulación urbanística e o desinterese pola arquitectura tradicional e a rehabilitación que non dá tantos beneficios en tan pouco tempo como as urbanizacións en masa. Mais existe un factor que trascende a todos estes e dos que non se fala nos foros e conferencias e que é a causante deste problema e da maioría dos que asolagan o noso país, a falla de conciencia entre os galegos de que Galiza é unha nación. A estas alturas xa ninguén ten dúbida de que os colonos pretenderon aniquilar todo elemento diferenciador da nosa identidade como pobo, como fan hoxe coa lingua, e cando non foron capaces de facelo, encargáronse de minusvaloralo social e politicamente para que chegaramos ata o punto de desprezar a nosa esencia. Ningunha nación soberana é capaz de realizar estas prácticas, ao contrario, trata de conservar os fundamentos das súas orixes, porque é o sustento da súa razón de ser, doutro xeito sería carne de canón para o imperio, pois o pobo que esquece a súa historia, desaparece como tal.

Por tanto, non é casual que os poderes políticos e fácticos do noso pais, ao longo da segunda metade do século pasado, e sobre todo no último cuarto, tiveran tanta deixadez no que respecta á conservación da nosa arquitectura tradicional e das nosas paisaxes únicas na península ibérica. Ademais este desamparo interesado tamén serviu para desvalorizar unha nación que é un patrimonio en sí, e dese xeito abríanse as portas as aberracións que nos modernizaban e nos sacaban do atraso, e que pouco a pouco fomos herdando. Esta deixadez, sumada á ignorancia, a incultura e a falla de conciencia nacional provocaron a desaparición de castros, dólmenes, mámoas, o derrubamento de fachadas e edificios en pobos e cidades de alto valor arquitectónico, a degradación de espacios naturais singulares, e a desorde urbanística que temos.

Agora é tarde e as medidas que se adoptan como as axudas para parchear as vivendas do rural chegan con retraso, e a recén modificación da lei do solo non fixo máis que calificar como zona complexa no solo de núcleo rural o que se estivo a consentir ata hoxe, o nome xa o di todo, eu chamaríalle zona acomplexada. Unha nación que actúa como tal, endexamáis consentiría unha desfeita como a que arrasa o noso territorio, pero non chega con saber que somos unha nación, hai que exercer, e para iso todos os galegos necesitamos primeiro ser conscientes de que o somos. Ese día moitos daranse conta de que o patrimonio común que tiñamos valía unha fortuna, e como reliquia que era estabamos obrigados a conservala.