Os piratas económicos que navegan na Galiza

Os piratas económicos que navegan na Galiza

A venda de Marineda City (o maior complexo comercial do Estado e terceiro de Europa) é o final dun pelotazo urbanístico máis, dos moitos que se acometeron nesta comarca (da Coruña), e que sempre tiveron os mesmos nomes propios detrás. Pero fagamos un pouco de historia.....

Todo comeza no ano 2004, cando Unión Fenosa vendeu a Invest Cos (Manuel Jove, fundador de Fadesa; José Collazo, Grupo de xogo Comar; Modesto Rodríguez e José Souto; presidente de Tecam) o 85% da superficie que ocupaba unha subestación eléctrica por 38 millóns de euros.

A parcela mercada á antiga Fenosa fóronselle engadindo outras, algunhas cualificadas como rústicas no momento da súa compra anos antes por Invest Cos ou unha parcela do Polígono Agrela-Bens que pertencía a “Herederos de Ignacio de la Iglesia S.L.” (a empresa da familia da muller de Paco Vázquez) e outros terreos rústicos que a familia política de Vázquez, “casualmente” foran mercando na zona. Estes terreos aumentarían máis dun 75% a súa edificabilidade grazas as diferentes modificacións urbanísticas realizadas polo Concello da Coruña .

En 2006 Paco Vázquez anuncia como se da sede duns xogos olímpicos se tratase, a instalación de IKEA na cidade. Medio ano máis tarde, a multinacional sueca, formaliza a compra a Invest Cos do 25% da macro-parcela. En outubro de 2006, o pleno da Coruña aprobou unha modificación do Plan Xeral do 98, co que creaba unha normativa para grandes áreas comerciais, coa que aumentaba a edificabilidade para cada unha das parcelas que sumadas darían o Marineda City, un hotel, Hipercor e o IKEA.

En xuño de 2007 a Xunta dálle o visto bo ao planeamento do Concello pero négase a asumir os custes que suporía cambiar o trazado da terceira rolda, que 20 anos antes estaba planificada para que pasara polos terreos que pertencían a Fenosa e a familia política de Vázquez. En decembro de 2007 Invest Cos firmou un convenio co Concello da Coruña polo que se comprometía a financiar a modificación do trazado da terceira rolda , con un custe de máis de 6 millóns de euros.

En 2011 abría o complexo comercial que viña a pór a guinda ao modelo económico da Coruña como “cidade de servizos”. Poucos meses antes, outras dúas grandes areas comerciais abrían tamén. Este modelo só buscaba seguir coa especulación urbanística, nun momento no que estoupara xa a burbulla inmobiliaria de vivendas, pero había que seguir construíndo.

Invest Cos valorara o investimento inicial en Marineda City en 450 millóns de euros. Agora vendeu o complexo por 260 millóns a MERLIN Properties Socimi S.A., unha compañía inmobiliaria que cotiza en bolsa. O maior dos seus accionistas é Union Bank of Switzerland (12%). Tamén o forman outros fondos especulativos como Credit Suisse, os fondos norteamericanos Marketfield Asset (11%) ou Goldman Sachs (5%).

Invest Cos gañou máis de 30 millóns en plusvalías, ademais dos beneficios pola xestión do centro nestes 3 anos. Ademais recupera o realmente investido na construción coa súa venda a pesar de que se realiza por unha cantidade moi por baixo do previsto. A familia de Vázquez gañou coa venda de 6 parcelas uns 18 millóns de euros e MERLIN pensa ingresar uns 110 millóns ao ano pola xestión de Marineda City.

Desde fai uns meses, na Coruña xa temos o primeiro centro comercial coas portas tapiadas. Estados Unidos está cheo deste tipo de Centros Comerciais pantasmas. Temos niveis de pobreza nunca recordados e o noso tecido industrial sigue mermando. Cada día hai máis pobres na Coruña ao mesmo tempo que os ricos xa son algo máis ricos.

Os nove Centros Comerciais existentes na Coruña, os tres últimos de maior tamaño abertos nos últimos 5 anos, aceleraron a crise do comercio que se encontra na trama urbana. A esta situación hai que engadirlle a perda de poder de compra da clase traballadora, que nos últimos anos levou ao peche de centos de comercios e a desertización de moitas rúas.

Só un modelo económico para a cidade da Coruña centrado nas potencialidades produtivas da comarca pode sacarnos da profunda crise na que nos atopamos. E para isto precísanse políticas públicas que potencien a economía produtiva na Galiza e un empresariado galego que abandone a piratería como medio de gañar diñeiro.