Os perigos e as potencialidades do Big Data
A excesiva información foi entendida até o de agora coma un atranco visto baixo o prisma de que “as árbores non deixan ver o bosque”. A acumulación da mesma dificultaba o seu tratamento e complicaba a determinación de conclusións e informacións máis concretas, aplicables e de gran valor. Todo isto cambia coa chegada do Big Data definido como “aprendizaxe máquina en contextos de información masiva”. O estudo das súas posibilidades mete medo e sitúa “1984” de George Orwell un pouco máis preto.
O Big Data permite analizar grandes cantidades de dados dun xeito rápido e eficaz, dados que veñen de fontes moi diversas: chamadas telefónicas, pagos con tarxeta, buscas na rede, transaccións bancarias, información GPS dos móbiles, correos electrónicos, hábitos de navegación e comunicación, amizades, fotografías, entradas en redes sociais e sensores que monitorizan actividades, entre outras. O algoritmo MapReduce esmigalla a inxente tarefa en anacos que poden ser executados simultaneamente en varios procesadores reducindo o tempo de procesamento e facéndoo máis eficaz. A ferramenta de código aberto Hadoop utiliza este algoritmo e permite procesar grandes volumes de información.
Como outras tecnoloxías, por exemplo a enerxía atómica, pode ser utilizada de xeito beneficioso e positivo ou de xeito malvado e pernicioso. Entre estes últimos efectos podemos enunciar o ataque a privacidade, a non transparencia, a perda de identidade, a discriminación e o castigo anticipado (Minority Report con máquinas en vez de precogs). Punto aparte son as manipulacións electorais, calquera político sen principios pode vixiarnos sen moverse, cunha espionaxe a grande escala, utilizando os medios antes comentados para sabelo todo de nos e utilizar esa información en manipulacións electorais.
Dentro dos efectos beneficiosos atopámonos cos que poden producir nas empresas e colateralmente nos consumidores no aspecto positivo de ter no mercado aquilo que realmente precisas, aínda que tamén poden inducirte a orientar os teus hábitos de compra, ou a manipular para elevar os prezos de mercado. Sabido é que Steve Jobs rexeitaba as análises tradicionais de mercado, co argumento de que a xente non sabia realmente o que quería e que preguntarlle non daba información relevante. Dicía que as empresas tiñan que decidir o que a xente precisaba e non o sabia. Da verdade deste argumento da constancia a liña de diferentes trebellos que marcaron época (ipod, iphone, ipad). A información extraída a través de comportamentos, non de preguntas, cumpriría estas premisas.
Deses 2,5 trillóns de bytes en información xerados diariamente extráense informacións tan relevantes como as que levaron a Netflix a determinar o que a xente inconscientemente quería ver e investir 100 millóns de dólares nunha serie sen ver sequera o piloto como foi o caso de House of cards, éxito rotundo con tres premios Emmy e que provocou que os aboados á plataforma creceran un 20%. A propia serie, que trata dun despiedado e ambicioso congresista que chega á Casa Blanca, na súa cuarta temporada introduce as grandes análises de dados como ferramenta de manipulación política do electorado, por uns e outros, republicanos e demócratas.
Análises que poden levar á localización de terroristas e ao coñecemento dos seus ataques, anticipar tendencias e incluso detectar epidemias de gripe antes que os hospitais grazas aos procesos de busca. Mais tamén poden ser utilizados impunemente para machacar ao rival político ou empresarial, ou para controlarnos e dirixir os nosos hábitos de consumo e mesmo ideais.
Ademais tamén podemos enunciar cinco consideracións para quen faga uso da tecnoloxía Big Data:
Exceso de dados.- Ter máis información ca precisa xera ruído e dificulta a tarefa de seleccionar os datos beneficiosos.
Políticas de protección de dados.- Hai que garantir a posta en marcha de medidas para que as empresas, organismos e mesmo institucións non fagan un uso fraudulento das informacións.
Ciberseguridade.- Esta ameaza non para de aumentar. Temos pois que utilizar ferramentas e métodos de seguridade cada vez máis potentes para anular no posible os fallos de seguridade.
Ciberespionaxe.- Cada vez máis os hackers teñen como obxectivo empresas u organismos que utilizan Big Data. A obtención deste volume de dados, activo valioso e estratéxico, xera cada vez máis beneficios para os que trafican con eles. E non estamos soamente a falar de compra/venta de dados para o envío de spam.
A tecnofobia.- Cada vez son máis os usuarios que se rebelan en contra de este tipo de control que vulnera a súa privacidade.
Chegamos ao final plantexando un dilema. Debemos prescindir da tecnoloxía para evitar os males que se acaban de describir ou o debemos asumir coma un custe a pagar polos beneficios. A solución no camiño do medio, o sentidiño, coidar os nosos pasos no mundo da información global e tentar minimizar no posible os efectos negativos, cando menos sendo conscientes dos efectos perniciosos.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.