Os partidos estatais non nos van traer a soberanía
![](/asset/thumbnail,1280,720,center,center/media/terraetempo/images/2022/07/18/20220718131013045932.jpg)
Contra o que escoito á maioría dos colegas, eu non podo dicir que ter sido profesor fose unha cuestión vocacional. O fatum ou, por non iniciar esta colaboración de xeito tan solemne, a vida foime levando por uns vieiros, e eu deixeime ir conforme a máxima que obraba sobre a fonte do xardín daquel fidalgo portugués: “Sic unda unda pellitur, dies die” (“tal como unha onda impulsa outra, así fan os días”). Do que non teño dúbida é de que, xa posto a ser profesor, os coñecementos das materias que habitualmente impartín (historia, xeografía e historia da arte) me foron inmensamente útiles para a comprensión do mundo e, sen precisar do tópico atribuído a Cicerón sobre o maxisterio da historia para a vida nin de se aquela se repite como drama ou como traxedia, recoñezo que cada situación actual provoca na miña mente unha luzada con imaxes de acontecementos pretéritos máis ou menos comparables. Teño dito que todos os que se dedican á política institucional deberían coñecer un algo de historia para evitar repetidas mostras de ignorancia en temas esenciais, e aquí podería citar desde Feijóo a Rajoy ata chegar ao mesmo rei (o mais vello, pois como a chulos ninguén nos gaña, a falta de un, temos dous – Juan Carlos I O Campechano e Felipe VI O Preparado-, e iso que o PSOE disque é republicano).
Cando, xa van alá uns anos, explicaba aos alumnos o movemento obreiro, despois de falar do ludismo, das primeiras asociacións de traballadores en Inglaterra, das “Combination acts” prohibíndoas, das Trade Unions, o cartismo e o socialismo utópico, metíame con Marx e Engels como iniciadores do socialismo científico e co anarquismo de Bakunin e Kropotkin de quen lles lía parágrafos do seu fermoso “A conquista do pan”, libriño que estou agora a ollar nun andel veciño do que sostén “O Capital” e o “Manifesto do Partido Comunista”, entre moitos outros que conformaron o pensamento actual. Continuaba a explicación coa fundación da I Internacional ou “Asociación Internacional de Traballadores” (AIT) e as inmediatas confrontacións entre os seguidores de Prouhdon (socialista utópico e precedente do anarquismo polo seu pensamento individualista e libertario) e os seguidores de Marx; pero sobre todo entre estes e os anarquistas. Don Carlos defendía que o proletariado tiña que conquistar o poder político (conquista do pan, do poder político..., do ceo, din hoxe algúns), substituíndo a burguesía, tal como esta fixo coa sociedade feudal, para transformar as estruturas sociais. Bakunin, pola súa banda, estaba contra a organización partidaria, contra todo tipo de poder, contra o estado e pensaba que estouparía unha revolución espontánea de obreiros, campesiños e estudantes (e agora vénme á cabeza o Banquete de Conxo) que eliminaría o estado, substituíndoo por unha libre confederación de colectividades.
Marxismo e anarquismo son dúas ideoloxía moi diferentes e chocaban, como tropezaban persoalmente os grandes egos de Marx e Bakunin. Non se soportaban, polo que trala antitética análise dos desastrosos e sanguentos resultados da Comuna de París (1871), Bakunin foi expulsado da I Internacional, camiñando, a partires desa cesura, socialistas e anarquistas cada quen polo seu lado.
Nada se repite nin tan sequera de maneira aproximada; pero mesmo salvando acontecementos e persoeiros de magnitudes inmensamente distintas no proceso histórico, a min antóllaseme pensar que, se da análise da Comuna e da xenreira persoal entre Marx e Bakunin resultou a creba da I Internacional, polos resultados de Amio e as relacións persoais entre Rodríguez e Beiras se esnaquizou a xa moi deteriorada unión do nacionalismo galego. O positivo da desfeita é que agora non hai dúbida da consistencia e lealdade ideolóxica de cada quen. Poucos anos despois da saída dos anarquistas, desfíxose a AIT; posteriormente habería unha II Internacional e finalmente a III ou comunista. Como vaia rematar o noso nacionalismo aínda está por ver e escribir. Unha lectura atenta do precedente coido que permite entrever como Podemos, ese ensaio de politólogos da Complutense, está baseado nunha mestura académica de Marx e Bakunin. Podo equivocarme, pero non dubido de que o ideal dos seus dirixentes, o mesmo que o de don Pablo Iglesias, o de Ferrol, é o marxismo; mais había que se aproveitar das asembleas populares nacidas naquel 15M, algo que xa leva tempo cansando e amolando a Pablo Iglesias, o de Madrid, como demostran os seus criterios sobre a confección das listas e candidaturas de primarias e as reaccións discrepantes dentro do xa partido de estrutura e organización clásicas. Elorza, catedrático na mesma facultade e especialidade que Iglesias, polo que debe coñecelo ben, chegou a cualificalo de autócrata e caudillo.
Teño escrito sobre as Mareas e non esquezo que o mar sobe e baixa continuamente, sobre todo no Atlántico, nin ignoro –e os seus integrantes tampouco deberían facelo- que co devalar das mareas morren os moribundos e marcha con elas o seu espírito cara ao mar alto. Dada a frecuencia de preamares e baixamares, o nome de marea sería o último que eu lle poñería a unha organización política. Penso que é un erro semellante ao do PP, cando fixo súa unha ave ruín e lacaceira como a gaivota. Toda unha premonición.
Temos a Beiras rompendo o nacionalismo e aliándose cun partido de obediencia española como EU, ao que deu un pulo como nunca tal pensou ter en Galicia. Temos un Podemos, tamén españoleiro, que vai de asembleario, pero con cartas marcadas, e que quere pescar en Galicia nos medios nacionalistas, aínda que chame rexión galega á nosa nación, e temos algo indefinido (non vou repetir o que escribín hai catro meses neste mesmo xornal) ao que crismaron como Mareas e que conseguiu as alcaldías de Santiago, A Coruña e Ferrol. Négome a pensar que o BNG poida entrar a formar parte como cuarta roda dese vehículo político. Se eles queren, que funcionen como triciclo e a ver ata onde chegan.
Cando escoito que o BNG ten que se coligar, pero, exclusivamente, con forzas de esquerda, aínda que defendan que Galicia é unha parte indivisible do estado español, penso que quen tal cousa mantén nin tan sequera se decatou de cal é o espectro político do propio BNG. Neste mesmo xornal teño defendido as alianzas que existiron entre BNG, CIU e PNV, o mesmo que hoxe aplaudo que Cataluña fixese unha candidatura “pel sí”, con independencia de que uns compoñentes sexan radicalmente de esquerdas e outros manifestamente neoliberais. Nesta ocasión os cataláns andan a cogomelos, non a Rolex. Iso virá logo. Os comunistas, durante a Guerra Civil –e volvo coa Historia-, estaban divididos entre os partidarios de facer guerra e revolución a un tempo e os defensores de facer primeiro a guerra e, rematada esta, dedicarse á revolución. Entrementres o exército dos sublevados seguía avanzando e os comunistas perderon guerra e revolución. Aliémonos con todo partido, con todo movemento social e con todas as persoas que teñan como único obxectivo o esforzo pola liberación nacional de Galicia e a consecución da soberanía. Despois, os que seguimos defendendo a loita de clases confrontaremos cos partidarios da explotación dos que antigamente chamabamos camadas populares.
Sen soberanía, nin poderemos defender as potencialidades económicas da nosa nación nin a redistribución da súa riqueza, e o autogoberno non se conseguirá nunca, se marchamos a carón de EU (IU), Podemos e similares, aínda que, posiblemente, se conseguise representación parlamentaria, malia, por suposto, non contar co meu voto.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.