OS PAPEIS DO DEPARTAMENTO DE ESTADO DOS E.U.A.

OS PAPEIS DO DEPARTAMENTO DE ESTADO DOS E.U.A.

Os documentos filtrados a determinados medios por Wikileaks ilustran sobre os métodos, formas de proceder e obxectivos da políticas norteamericana a nivel mundial. Posibelmente alguén dirá que non descobren nada novo. Mais habería que matizar que a maioría da opinión pública ignora o carácter o carácter realmente agresivo, chantaxista, intimidador, da diplomacia dos Estados Unidos de América e o alcance último do seu dominio. O poder político da Unión Europea, que para moitos é a expresión máxima de democracia e cultura, aparece, á luz destes papeis, como unha morea de servís aduladores co amo americano, impotentes para marcar distancias dos seus atropelos, mesmo colaboracionistas entusiastas dos seus crimes, cando non de costas aos intereses materiais dos seus pobos. Unha imaxe tan tenebrosa como coherente e consecuente cos feitos, cos sucesos, coa realidade dun dominio imperial que pode ser criticamente analizábel e denunciábel.

Os dados filtrados axudan a comprender situacións concretas e a trasladar do terreo das sospeitas ao das verdades moitas análises e xuízos. Desta forma, deixan de ser conxecturas, opinións ou análises facilmente descualificábeis por atribuírense a prexuízos ou paranoias antinorteamericanas. Todo se fai máis transparente e explicábel. Por cinguirnos ao caso do Estado español, aparece nítida a interferencia da embaixada nos procesos xudiciais abertos en relación co caso Couso, en relación cos voos da CIA ou as tortura en Guantánamo. O recurso á presión política directa sobre o Goberno e a administración de xustiza explica a forma de desenvolvérense e os resultados prácticos. A renuncia de grandes empresas españolas transnacionalizadas e bancos a seguiren facendo investimentos e negocios en Irán, todos eles conforme ao dereito internacional, foi forzada pola embaixada norteamericana, contando con puntual información do propio Banco de España (nada menos que o seu Vicegobernador José Viñals) sobre aquelas actuacións. Comprobamos que as embaixadas dos Estados Unidos de América, en particular a de Madrid, actúan en moitos lugares como cónsules do Imperio ou Gobernadores das provincias na sombra. Exercen a súa autoridade coa colaboración de elementos claves de institucións e organismos públicos, en alianza co poder económico e o poder mediático, alén do militar, entre outros. Constitúe unha mesta rede de colaboracionismo en defensa do statu quo imperial, militarmente amparado pola OTAN. É por iso que, en moitos casos, os papeis poden ser aproveitados para continuar ou reabrir causas xudiciais ou exixir responsabilidades políticas, ademais de xudiciais, por actuacións ilegais, dolosas, mesmo crimes contra a humanidade. O caso da guerra de Afganistán, a súa evolución e o papel que está a cumprir a OTAN, e concretamente o Exército español alí, aparecen tan deslexitimados que axudan a reforzar a posición de quen pedimos a retirada inmediata das tropas que están oprimindo aquel país... Temos máis que sospeitas de que a información sobre os nacionalismos no Estado español forma parte do que El País considera materia reservada, en boa parte.

Alguén pode preguntarse como foi posíbel unha filtración de tal calibre. O carácter mafioso dalgúns aparatos do estado, en especial de Estados Unidos de América, particularmente o Pentágono e os servizos de intelixencia, axuda a entendermos esta posibilidade. É inexplicábel sen unha certa guerra interna, sen incoherencias e contradicións derivadas do choque de intereses e da imperfectibilidade de calquera maquinaria de dominio e destrución humana. O imperio non é perfecto. Mais, como sempre, intentan matar o mensaxeiro. Primeiro, ao máis próximo, Bradley Manning, un denominado analista de intelixencia, seguramente antigo servidor, detido nun cárcere de Virxinia, sometido a tortura, coaccionado para declarar contra Julian Assange. En segundo lugar, intentando abrir unha causa por espionaxe ao fundador de Wikileaks. Por outra banda, usan a fiscalía dun estado europeo, Suecia, para destruír a reputación persoal do perseguido, con acusacións de agresións sexuais máis que sospeitosas, poder xulgalo nese país e intentar conseguir a extradición a Estados Unidos de América.

A reacción dos gobernos das democracias occidentais non deixa de ser pasmosa. O goberno de EUA considerou as filtración actos deplorábeis e lamentou a decisión da súa publicación que tomaron os 5 xornais que tiveron acceso ao material filtrado (The Guardian, The New York Times, Le Monde, Der Spiegel e El País), sen atenderen as peticións en contra da administración americana. A reacción do Goberno español foi o silencio e a desvalorización da filtración non por falsa senón por banal, simplemente de andar con chismes. Moitos medios seguiron a consigna de que en todo caso os papeis demostraban o activa, habilidosa e eficaz que era a diplomacia yankee, considerando a súa actuación natural e mesmo admirábel. Mención aparte merece o xornal que no Estado español publicou as filtracións, El País. Este xornal, como os outros catro, censurou naturalmente os papeis e reconduciu a información sobre as actuacións dos EUA e das súas embaixadas para concluír que "los políticos engañaron a la ciudadanía". Fan un xuízo moral sobre o poder político nas democracias que eles defenden, e da que forman parte substancial do seu poder dominante. Está claro que non todos os políticos enganaron á cidadanía nin todos os partidos. Serán algúns gobernos e algúns partidos. A maiores esquecen que feitos tan graves e deplorábeis non pertencen só ao ámbito do poder político democrático, senón, e sobre todo, teñen as súas raíces nos poderes económicos, aos poderes burocráticos, militares e mediáticos, que son realmente pedras básicas do sistema. Non abonda con denunciar que hai desprezo polos procedementos, ou presións ás que o poder político democrático acaba por ceder ou coas que colabora con maior ou menor entusiasmo. El País emprega un dupla vara de medir para xulgar a política de EUA posta ao descuberto dun xeito tan descarnado en contraste coa hostilidade que emprega cos países que se opoñen ou discuten a política de Washington. Estaremos de acordo en que, por moitas deficiencias e lacras que se lle apoñan, eses países non provocan nin o horror nin a opresión a escala mundial inherente aos deseños americanos, nin moito menos, usan da inxerencia prepotente nos asuntos de outros con consecuencias humanamente tan catastróficas. Naturalmente, El País, como os outro catro xornais, recoñecen ter usado toda a súa "capacidade profesional" para non revelar dados, accións ou intrigas que aínda terían provocado maior impacto na opinión pública e mesmo consecuencias políticas graves. Proba até que punto estes medios moralmente críticos non queren pór en risco o sistema. De seren totalmente honestos, a filtración dos papeis do Departamento de Estado, debería ter consecuencias tamén para a súa forma de informar a diario, para as súas liñas editoriais, o que non acontecerá...

Neste contexto, expresamos a nosa radical oposición a que Julian Assange sexa extraditados aos EUA, e a nosa petición firme de liberdade para o detido. Facémolo en defensa da liberdade de expresión e información, constatando a veracidade absoluta das filtracións sobre feitos, estes si, máis que deplorábeis. Tamén porque esta información cumpre en si mesma un servizo público de interese e mesmo para iniciar accións xudiciais e políticas contra os que, de forma connivente con poderes antidemocráticos, contribúen a enganar os cidadáns e a serviren intereses que nada teñen que ver cos da maioría. Do mesmo xeito, denunciamos as formas de presión, incluídas as económicas, que se están empregando para silenciar unha organización como Wikileaks, que en todo caso non fixo máis que utilizar os propios medios lexítimos e legais do sistema para o seu traballo informativo. Somos conscientes de que esta filtración terá consecuencias. Seguramente a primeira delas aperfeizoar as formas de control en internet. Pero tamén ten a consecuencia de ser un arma importante para a deslexitimación dunha política e dun sistema que padecemos agudamente. Non vai chegar loxicamente a salvación nin o cambio político por estas organizacións que axudan a desenmascarar métodos e obxectivos de dominio sobre as sociedades e os pobos. A súa información, que proba as graves contradicións e imperfeccións do sistema imperial, alén do seu monstruoso carácter opresivo e destrutivo, será útil se existe un suxeito colectivo a nivel social que saiba interiorizala e utilizala. Non é unha constatación da forza do poder político nas democracias occidentais. Éo do profundo carácter extorsionador, ameazante, antidemocrático, desigual, ilexítimo e ilegal, en moitas ocasións, da actual xerarquía imperial.