Os orzamentos públicos españois e galegos para o ano 2011
Non se poden aceptar os orzamentos dos Gobernos español e galego para o ano 2011, nin as medidas que levan impoñendo, nin as que, previsiblemente, impoñerán para "loitar" contra a crise económica. Non se pode ser cómplice dunha política económica e laboral encamiñada a deteriorar servizos públicos mediante a súa progresiva redución e privatización, desmantelamento e aniquilación. É necesario incrementar o investimento público de carácter produtivo e o gasto social para contribuír a reactivar a economía, xerar emprego e mellorar a calidade de vida das e dos cidadáns
A nivel social os ornamentos públicos, que se veñen de aprobar fai uns días, van supor un importante recorte nos servizos públicos básicos, tales como a sanidade, ensino, servizos sociais... implicando un deterioro da súa calidade. En canto ao aspecto económico, as contas recollen unha rebaixa do investimento público, na orde do 38%, polo que, nunha situación de crise como a actual cunha caída xeneralizada do investimento privado, non contribuirán á reactivación da economía. A isto hai que engadirlle medidas tan regresivas como a conxelación das pensións, rebaixa nos salarios das traballadoras e traballadores públicos, recortes de prestacións sociais... Séguese con esta política de adelgazamento do Estado que fai que cada vez estea máis en mans dos grupos económicos e do capital financeiro.
Os orzamentos para o 2011 consolidan os recortes nas retribucións das traballadoras e traballadores públicos, conxelan as ofertas de emprego público e limitan a taxa de reposición ao 10%. Isto significa que de cada 100 empregados/as que se xubilen ou causen baixa, a administración só vai cubrir 10 postos e soamente cando considere que esa praza é esencial para cubrir o servizo. Estamos diante dunha desaparición dos servizos públicos.
As medidas que se están a adoptar para a saída desta crise económica son xustamente as contrarias e redundan no recorte no só de dereitos, senón que tamén potencian a supresión de servizos públicos esencias, precisamente esenciais en aqueles sectores que xa sempre pagan as consecuencias máis duras da crise económica.
O sector público é un motor esencial da economía e, como tal, debe ser empregado para garantir a eficiencia social, a transparencia económica, a redistribución das rendas e o redireccionamento do crecemento. Alcanzado o estadio de desenvolvemento actual, coa incidencia do sistema produtivo nos equilibrios naturais do planeta, non se pode deixar ás forzas acríticas, cando non malintencionadas, do mercado o establecemento dos puntos de equilibrio económicos.
As forzas que defenden a diminución do sector público e a minimización do estado, pretenden anulalo por completo. Nos últimos tempos, coa crise centrada no sector financeiro da economía, tivemos algúns datos que nos indican qué problemas pretenderán que o Estado resolva e qué outros pretenderán deixalos á marxe da acción colectiva. Para eses "axentes" o Estado debe velar por que non caian as posibilidades de negocio das entidades financeiras, arbitrar certas medidas correctoras cando a crise afecte a determinadas ramas ou sectores industriais, e, sempre, limitar ao máximo a asistencia social (prestacións por desemprego, pensións, axudas sociais, gastos sanitarios...)
Na actualidade en moitos países o sector público ven representar o 50% do PIB. A existencia e fortalecemento do sector público é a clave para que o noso devir como especie non se converta nun inferno, nunha escalada de violencia, para afastarnos dos criterios de supervivencia que imperan na natureza e desenvolver unha forma de vida da comunidade humana en tanto que tal na que todas e todos teñan a opción de desenvolver as súas vidas en condicións dignas.
Nos últimos trinta anos sufrimos o desenvolvemento puxante de teorías sociais que devolvían á persoa a súa individualidade, arrincábanlle todos aqueles aspectos de identificación comunitaria que non fosen manipulábeis polas elites económicas, escarnecían a idea dun sector público que tentase ir un pouco máis aló da mera protección das persoas en situacións de emerxencia social e defendían, cando do gasto social se trataba, a existencia dun Estado mínimo, considerado como mal menor ou estritamente necesario para evitar reaccións desesperadas das persoas desposuídas.
Nunca se fixeron fortunas tan grandes nun espazo tan curto de tempo con semellante intensidade. Asistimos ao espectáculos de partidos, algúns chamados socialistas ou laboristas, que defendían e animaban o que se denominou no Reino de España a 'cultura do pelotazo', mesmo desde as presidencias, xefaturas de estado ou o ministerio de economía. Nunca se procedeu a un roubo tan masivo da propiedade pública mediante mecanismos de adxudicación pouco transparentes e sempre desfavorábeis para a esfera pública. Durante ese espazo de tempo creceron as diferenzas sociais, e diminuíu a participación das rendas salariais na riqueza dos países.
Esta ofensiva ideolóxica atacou simultaneamente desde o lado dos ingresos do sector público defendendo a redución de impostos directos e o financiamento do funcionamento ordinario das administracións mediante un sistema de impostos indirectos e, desde o lado da actividade pública, a privatización de todas aquelas actividades económicas xeradoras de beneficios e a externalización daqueles servizos públicos que, non constituíndo un negocio rendíbel fóra dos orzamentos públicos, podían converterse en fonte de beneficios para as persoas explotadoras da actividade.
Porén, non é moi difícil de entender que esa suposta eficacia se reduce á obtención de beneficios a partir dos orzamentos públicos, reducindo os gastos na prestación dos servizos e, por tanto, a reducir os salarios e dereitos das traballadoras e traballadores e a calidade dos insumos do servizo prestado.
O resultado nunca será un mellor servizo público senón un colectivo empresarial enriquecido, uns políticos máis satisfeitos, un conxunto de traballadoras e traballadores máis explotados e unha cidadanía peor tratada
Non se fixo nada para controlar os mercados financeiros, inundando á grande banca de diñeiro barato que agora emprega para especular poñendo en perigo países e sociedades enteiras. Os gobernos están demostrando a súa covardía ao non adoptar ningunha medida efectiva co sistema financeiro para combater estes feitos.
Pídennos, a sociedade en xeral, que sexamos "solidarias e solidarios", que nos "sacrifiquemos", máis o noso sacrificio non é requirido para pagar subsidios, prestacións ou pensións. Non. O noso "sacrificio" e novamente requirido para restablecer un sistema que garanta a acumulación das grandes fortunas, un ecosistema económico que favoreza a acumulación de capital, a xeración de beneficios e, como subproduto se é que chega a darse, desprazamentos poboacionais, emprego precario e soldos de miseria.
Non é a sociedade en xeral, as traballadoras e traballadores no seu conxunto, nin as empregadas e empregados públicos, nin as e os pensionistas... as e os responsábeis da crise. No momento no que nos atopamos non existe outra alternativa máis ca mobilización e rexeitamento público ás políticas neoliberais que se están a aplicar. É preciso que exista unha política que priorice a solidariedade e que exista un modelo socioeconómico novo xusto e solidario.