Os nosos Concellos precisan dunha Galiza soberana
Pouco ou nada podemos esperar dunha lexislación estatal que non ten en conta en absoluto as particularidades e características dos nosos factores sociais, económicos e territoriais. Cada nova modificación dunha Lei, poñámonos a tremer coa nova Lei de Bases de Administración Local, pon en evidencia que esta foi pensada e estruturada para uns parámetros dun pais totalmente alleo ao noso. Precisamos de soberanía para adaptar a nosa lexislación e a nosa economía a unha realidade social galega evidente e o reparto dos fondos do Estado aos nosos Concellos é unha evidencia que o pon claramente de manifesto.
Levamos @s galeg@s moito tempo reclamando para os nosos concellos unha participación nos ingresos do Estado (PIE) que atenda a uns criterios máis xustos, xa que os actuais son absolutamente prexudiciais para a nosa nación. O actual modelo de participación data do 2004 cando anteriormente os modelos tiñan unha vixencia de catro ou cinco anos. Este reparto inxusto vese pois incrementado polas distorsións provocadas pola lonxevidade dos criterios actuais, agravadas polo cataclismo económico dos últimos anos. Para os concellos os ingresos polo PIE supoñen en torno a un 25% dos seus ingresos correntes. No seu reparto prímase fundamentalmente a poboación, criterio que pode parecer lóxico pero que se converte en pernicioso se non vai acompañado doutro concepto como é a dispersión, xa que non é o mesmo para dous concellos coa mesma poboación tela espallada polo territorio, como ocorre na Galiza, que concentrada nun núcleo urbano, caso de Castela. Os gastos nos servizos dispáranse no caso galego e isto non se ve compensado no reparto. Outra característica galega é o avellentamento da poboación, maior que no Estado, o que provoca uns maiores custos na prestación de servizos.
Criterio tamén pernicioso é o esforzo fiscal. Este criterio, en principio así mesmo lóxico, prima aos concellos que recadan máis dos seus veciños, e sería lóxico pois en aras dun populismo irresponsábel algúns gobernos municipais non cobraban determinados servizos cara a obter uns resultados electorais máis beneficiosos. Esta eiva quedou solucionada hai tempo e agora aqueles concellos que por ter afortunadamente determinadas industrias ou empresas no seu territorio ven incrementados os seus ingresos, ademais son primados no reparto. Con todo e para colmo o ano 2012 os concellos galegos ingresaron do Estado 475,47 millóns de euros polo PIE. Galiza que ten o 6,3% da poboación recibiu na entrega a conta un 5,08% do total dos 9.360 millóns que foron a todos os concellos do Estado. Isto supón recibir 114 M€ menos que o que lle correspondería polos seus habitantes.
Así as entidades locais galegas ingresaron unha media de 170 euros por habitante cando a media estatal é de 211 euros. Os favorecidos, non hai que ser moi sagaz para deducilo, Madrid (282) e Catalunya (257), cunhas cantidades sensiblemente maiores das que lles correspondería pola súa poboación. Entre as dúas levan mais da terceira parte do total.
Dentro do noso país as desigualdades son tamén evidentes, así as cidades que superan os 100.000 habitantes (Vigo, A Coruña e Ourense) reciben unha media de 210 euros por veciñ@, as de entre 50.000 e 100.000 (Santiago, Lugo, Ferrol e Pontevedra) ingresan 187. Os máis prexudicados os de entre 1.000 e 5.000 que quedan con 144 euros. As sete cidades levan o 40% do total a repartir entre os 315 concellos galegos.
Por provincias as prexudicadas son Lugo con 159 euros por habitante e Ourense con 168. Máis beneficiadas as que teñen máis poboación urbana, A Coruña (173) e Pontevedra (171).
A nova Lei de Bases de Administración Local, repetidamente anunciada, con múltiples borradores non oficiais e globos sonda a cada cal máis arrepiante, de seguro poñerá máis negro aínda o noso panorama. Baste dicir que nun ataque sen precedentes á calidade democrática nos concellos fálase de retirar competencias aos municipios menores de 5.000 habitantes (no mellor dos casos) para darllas ás “competentes” deputacións (coa de Ourense á cabeza). É dicir, converter a estes concellos en meros entes administrativos carentes de toda capacidade política.
Na Galiza, nun intento de reparar os desequilibrios dun PIE que beneficia a outros territorios prexudicando claramente ao noso e dentro del aos municipios menos poboados, o Fondo de Cooperación Local autonómico ten unha pequena discriminación positiva para os desfavorecidos. No 2012 quedou constituído por un fondo base de 112,3 millóns e outro adicional de 2,28.
A respecto do ano pasado Galiza pagou unha peaxe dobre xa que a aplicación duns criterios de distribución desfavorables sumouse o efecto dunha caída global dos ingresos estatais a respecto do 2011 de 383,33 millóns de euros, o que supuxo para o noso país 21 millóns menos, pasando dos 177 euros por habitante aos xa comentados 170.
O futuro preséntase máis negro aínda xa que a todo o comentado hai que engadir a sangría poboacional continua que padecemos. Solo 56 dos 315 municipios (17,8%) viron incrementada a súa poboación de 2011 a 2012. A emigración, que volve como a negra sombra que foi, ten moito que ver neste fenómeno. A nefasta xestión do goberno (?) de Feijóo cuns incrementos das cifras de paro dignas de incorporarse ao libro Ginness dos records, coméndose todo o diferencial positivo a respecto do Estado que con moito esforzo se fora conseguindo estes anos pre-Feijóo, provocan o desterro dos nosos xoves que non lles queda outra que saír ao estranxeiro en busca do traballo que aquí se lles nega. Ademais a situación económica actual non invita precisamente a poñer galeg@s no mundo.
Precisamos de Soberanía para producir aquilo no que somos expertos, para xerar riqueza, para parar a sangría poboacional. E soberanía tamén para, en xustiza, ter os cartos que nos corresponden e poder dar aos nosos concellos dun xeito equilibrado e xusto, para unha acaída prestación de servizos para todos, a participación correspondente nun reparto que ademais nos leve á recuperación do rural e a explotación de todas as súas riquezas e posibilidades.