Os Newtons galegos
O pasado 20 de setembro puidemos asistir a un exercicio público de adulación dos máis sorprendentes e desmedidos que lembro. Sobre todo polos actores que participaban. Jose Luis Pego, "brillante" director xeral da actual Caixanova e home emerxente da futura Caixa unificada, da man do presidente de Julio Fernández Gayoso, presentou no Forum-Europa en Santiago ao actual presidente da Xunta de Galicia. Boa parte dos case vinte minutos de presentación dedicounos a louvar a Feijóo dun xeito tan excesivo que parecería una parodia se non fose porque ía en serio.
Porque hai que ter delirios de grandeza para meter no mesmo saco aos máis insignes científicos dunha época brillante para o coñecemento e dos máis relevantes da historia da humanidade e ao actual "presidente de Galicia". Non quero dicir que ser presidente da Xunta de Galicia non sexa un cargo de enorme importancia e que a capacidade da persoa que ocupa ese cargo non teña que ser enorme, mais nin é o caso actual -até onde eu sei- nin a relevancia destes persoeiros é comparábel na historia da humanidade. Comparar a Johann Bernouille, Gottfried Leibnitz, Edmund Halley e xa non digamos a Isaac Newton con Alberto Núñez Feixóo supón en exercicio de megalomanía desencaixado da realidade e que sitúa a Galicia e aos seus dirixentes no foco dun provincianismo revestido de intento de erudición que só pode provocar a risa e esperpento.
Claro que case mellor é a resposta improvisada coa que Feijóo comezou o seu discurso agradecendo a "lección de filosofía, economía, historia e de humanismo." Para continuar: "Lle podo [sic] asegurar querido don José Luis que non son nin Bernouille nin Leibnitz. Probablemente Newton sexa a conselleira de Facenda."
,Newton é posibelmente o científico máis grande de todos os tempos, brillante como poucos seres humanos na historia e a súa obra pódese considerar como a culminación da revolución científica. O seu libro Philosophiae Naturalis Principia Mathematica (1687), que recolle os seus estudos sobre mecánica e gravidade, sobre as leis que gobernan o movemento na Terra e nos corpos celestes, está considerado como o libro máis importante da historia da ciencia. Cómpre tamén salientar os seus importantísimos traballos sobre a natureza da luz, a óptica e o desenvolvemento do cálculo matemático. Ademáis de físico era filósofo, teólogo, inventor, alquimista e matemático.
Supoño que José Luis Pego non se referiría a esta parte da vida de Newton na súa comparanza. Tal vez se refería a outra parte da súa vida menos coñecida. Ao Newton indolente, polémico, déspota, cruel e tirano que tamén foi. Como presidente da Royal Society , a asociación científica inglesa que fai as veces de Academia de Ciencias, moi influinte na súa época, foi un ditador cruel e vengativo. Procurou eclipsar a todos os que puñan en dúbida os seus criterios e mantiña agreas polémicas e agresivas rivalidades cos outros grandes científicos do seu tempo, como Hooke e Hyugens ou os citados Bernouille e Leibnitz. Este ultimo o acusaba de apropiarse da autoría do descubrimento do cálculo diferencial e integral, que permitiu o desenvolvemento da física e as matemáticas modernas. Tamén tivo a súa faceta política no Parlamento inglés sen actividade coñecida desde o seu escano mais que unha anecdótica: solicitarlle a un ordenanza que pechara unha xanela para evitar a corrente. Serán neste sentido Feijóo ou Fernández Currás os Newtons galegos?
No mesmo foro no que José Luis Pego lle dicía a Feijóo, mirándoo aos ollos: "te ha tocado la responsabilidad de gobernar Galicia dirigiendo la ópera de nuestra realidad cotidiana para configurar en nuestra tierra y para los que en ella habitamos, un nuevo presente de progreso y bienestar que nos conduzca en pos de nuestro destino hacia un futuro mejor", este anunciaba que Galiza necesita diminuir nun 12% o orzamento para o 2011, e para conseguilo hai que facer sacrificios. Ademais, estes sacrificios -claro, decídeos el- van ser a eliminación de servizos públicos que agora pasan a denominarse "adicionais positivos", como por exemplo o Noitebús, algunhas liñas ferroviarias ou determinados comedores escolares. O que non di o noso magno estatísta é que o Noitebús que coida a vida de tantos mozos e mozas ten un custo anual de 4 millóns de euros, mentres que a campaña para publicitar o decreto do galego no ensino supón un gasto de 1,5 millóns de euros. Ou os 12 millóns de euros que van supoñer o cambio obrigatorio dos libros de texto que estaban en galego e que agora han estar en castelán. Ou o cambio das tapas e a eliminación do prólogo de 3000 exemplares dunha guía de árbores só porque asinaba o anterior goberno de Galiza. Só son algúns exemplos da política de austeridade selectiva do noso Newton.
E un día antes é quen de afirmar sen rubor cousas como que "el gallego necesita discriminación positiva, pero no en educación" ou "en los incendios de 2006 fuimos muy respetuosos con el bipartito".
Polo de agora, o único Feijóo galego que merece pasar á historia é un coetáneo de Newton, Benito Xerónimo Feixóo, un intelectual rebelde e xeneroso, figura clave da Ilustración española e un dos maiores sabios do seu tempo. Alcumado "o desenganador das Españas", polo seu propósito de educar ao pobo para eliminar falsas crenzas e supersticións, Concepción Arenal dixo del: "todos os homes da súa patria e da súa época e da posteridade deben dicir que fixo avanzar a sociedade enteira, e deixou nela un rastro luminoso". Este Feixóo defendía a igualdade do home e da muller e a súa obra foi traducida ao portugués, francés, inglés, italiano e alemán. O outro, un delirio, un exceso. E a adularse, que non é gratis. Está ben pagada.