Os nefastos localismos


Non é causalidade que os programas das forzas localistas, sempre de dereita ou disfrazados de falsa esquerda, estean cheos de propostas valeiras de todo contido político e repletos de electoralismo barato que lonxe de construír buscan o voto fácil coa explotación de manidos mensaxes falsos e mentireiros.

É curioso que aqueles que pugnan polo centralismo máis rancio patrocinen e potencien os localismos máis absurdos. Ou quizais non o é tanto pois o que buscan e minar as sinais de identidade conxuntas nas nacionalidades históricas propugnando por unhas cidades estado que lonxe de aportar un debate político serio dilúense en liortas sen senso ningún contra cidades do entorno coas que deberían colaborar xuntamente cara ao beneficio de todos.

Confúndese normalmente o concepto de cidade estado coas "Pólis", xurdidas na antiga Grecia na Idade Escura e que perduraron ata a dominación romana, xa que non se parecían moito a unha cidade e eran moi diferentes a un estado de hoxe en día. Nin sequera na teoría sobre o seu tamaño púñanse de acordo os gregos xa que Estagirita establecía que cada cidadán debía coñecer de vista a todos os demais, Aristóteles falaba de 1.000.000 de habitantes e Platón suxería 5.000 como o tamaño ideal.

Fálase de que a democracia, poder (kratos) do pobo (demos), iniciouse nas Pólis pero os períodos de goberno democrático foron moi curtos e cheos dunha grave conflitividade social xa que os cidadáns libres non eran da mesma clase social, polo que dificilmente conseguían establecer leis nas que todos estivesen de acordo. Así a situación permitía á maioría impoñer a súa vontade en forma de lei ás minorías, e xa Aristóteles designaba a democracia como o goberno da maioría en interese propio en contraposición ao goberno da maioría con vistas ao ben común, que Platón, chamou Politeia e que foi traducido ao latín como Res pública, a cousa de todos, derivado finalmente en República.

Hai que puntualizar que o termo política refírese ao xeito de gobernar en contraposición ao de mandar que era propio das Pólis. E volvendo aos localismos e as súas pretendidas cidades estado temos na actualidade múltiples exemplos da súa actuación perniciosa, pero centrémonos naqueles que ultimamente ocupan máis titulares.

Principiemos coa situación dos aeroportos galegos, que están a vivir unha vergoñenta situación de pugna por diversas rutas aéreas internacionais, agravada pola intervención da Xunta que argumentando poñer orde na situación fomenta as liortas establecendo subvencións a pagar, como non, polos propios concellos.

Para cando un pouco de sentidiño, unha coordinación entre Santiago, A Coruña e Vigo que propicie unha oferta única de rutas aéreas competitiva para Galiza. En vez diso, temos unha carreira de a ver quen subvenciona máis e ten máis voos coa conseguinte dilapidación de fondos públicos en aras dunha competencia que prexudica a todos e beneficia aos aeroportos que loitan no mesmo mercado.

No tema da fusión das caixas a situación chegou a ser esperpéntica. O obxectivo sempre apoiado polo nacionalismo era unha caixa galega forte, que defendera os intereses de Galiza e puidera evitar as fortes presións externas cara a diluír as dúas existentes en fusións con caixas doutros lugares do Estado.

Esta caixa galega, dos galegos e para os galegos, converteuse para os paradigmas do localismo coruñeses e vigueses nunha liorta para ver quen, absurdamente, saía gañador. Que si as sedes, que si a nova dirección, que si o nome, todo elo alimentado polos medios de comunicación afines. O espectáculo ofrecido, no que seguen a teimar, polos dous alcaldes e compañía é realmente lamentable. E lamentable é tamén que este discurso teña acollida en potenciais votantes.

Deteñámonos agora na organización do noso territorio. Sabido é a nosa proposta, absolutamente clara, lóxica e transparente, en canto a desaparición das deputacións e a súa substitución polas comarcas urbanas (áreas metropolitanas) e rurais, cara a racionalidade e austeridade de gasto público.

Se queremos fomentar a creación desas entidades de ámbito comarcal e metropolitano para a prestación de servizos públicos básicos será fundamental superar calquera espreita de localismo limitador. O escenario actual pide unha urxente revisión do sistema de financiamento local que é pouco equitativo, ríxido, insuficiente, alén de ser regresivo ao fundamentarse nun modelo fiscal inxusto. Isto agrava a situación económica na que se atopan os concellos e non se verá algo de luz se non se combina a visión local coa necesaria concepción integral de pais.

En canto a infraestruturas non podemos deixar no tinteiro a creación dos dous grandes portos exteriores, Coruña e Ferrol, nun entorno moi próximo no que incluso se está a discutir se incluír na mesma área metropolitana. A situación convértese en dramática desde o momento en que se teñen tremendas eivas, por falta de financiamento, para a construción das infraestruturas necesarias que comuniquen os portos e as mercadorías, persoas e materiais que circulen por eles, coas vías naturais de mobilidade.

É a Universidade un alicerce fundamental para o desenrolo dun país, máxime nun mundo globalizado onde non se pode competir en prezos pola escravización da man de obra en determinados países. É a formación especializada, a investigación, a innovación onde temos que atopar o espazo nos mercados. Son outra vez os localismos coa competencia en levar as mesmas carreiras ás tres universidades as que dificultan a coordinación das mesmas.

As dificultades actuais de financiamento, tamén nas universidades, fan crítica a necesidade da súa coordinación e a racionalización na distribución das titulacións. Deixemos de pelexar por tal o cal carreira de pretendido maior prestixio e coordinemos un mapa con visión de pais, coas necesidades galegas de formación acaídas as nosas características e complementando o maior abano posible de sectores formativos.

A lección é clara, os localismos limitan o noso desenrolo, e nos levan a situacións absurdas onde os xefeciños locais, acompañados polos seus fieis sacan tallada. Pensemos en clave de pais e desterremos todas esas políticas, nas que é moi fácil caer, sobre todo en épocas electorais e sobre todo se estas son municipais.