Os luxos que o nacionalismo galego non se pode permitir
O sonado e recente `affaire´ de travestismo político dun dos homes de confianza do Secretario Xeral dos socialistas en Ourense, que súpetamente víu a luz e `fichou´ polo PP, a anómala situación que se vivíu no Congreso Provincial do PP ourensano, no cal aboiaron todas as tramas de intereses persoais que aniñan nesa forza política ou esporádicos episodios de transfuguismo a nivel municipal, todo isto está a crear na conciencia de moitas galegas e galegos unha crecente desafección pola política e unha crenza social de que `todos os políticos son iguais´, de que non paga a pena acreditar na política xa que ésta non resolve nada e de que quen se implica na actividade política busca, en realidade, non a mellora da sociedade e da súa contorna, senón o seu propio beneficio. A semente do descrédito da política semella que prende na nosa sociedade.
O nacionalismo galego contemporáneo, en todas e cada unha das súas formulacións orgánicas, mantívose sempre á marxe dos receos da sociedade. Pode que, en efecto, non foramos a opción política preferente dos e das nosas compatriotas, mais igual de certo é que tampouco eramos vistos como un movemento político infiltrado por tramas de intereses persoais. Quen tivo e ten na política unha aspiración persoal sabe ben que no campo do nacionalismo non ten porta de acceso para colmar as súas ambicións. Acaso algunha fenda que o decorrer do tempo abriu nos nosos valados permitiu que se colase algún ratiño pequecho, mais saben ben quen consideran a política unha vía para se serviren a sí propios e non á sociedade que as portas de acceso para tal traizón non están no nacionalismo galego. Sábeno eles e tamén o sabe a sociedade galega.
Ben coñeceron sempre os galegos e as galegas a ética política de quen estivo ao seu carón nos momentos difíciles. Ben soubo sempre a sociedade galega que non "todos os políticos son iguais" como tamén soubo e sabe que a bandeira da ética política en Galiza é a do nacionalismo. E se isto foi sempre así é porque o nacionalismo nunca falla cando de defender os intereses dos e das nosas compatriotas se trata, pouco importa o poderoso que poida ser o inimigo e a oferta coa que nos queira engaiolar. Non fallou o nacionalismo cando xeracións de mozas e mozos ensinaban que non todos somos iguais encabezando a oposición a que Galiza se convertese nun vertedoiro nuclear, tampouco fallou cando puña aos seus mellores homes e mulleres a organizar a defensa da terra frente a FENOSA e o poder das oligarquías, moito menos fallou cando demostramos á sociedade, xa desde o goberno, que a loita pola soberanía dos nosos recursos, exemplificada con aquel "A nosa terra é nosa e non de FENOSA" podía levarse a cabo desde as institucións da Xunta de Galiza promovendo un concurso eólico favorábel ao conxunto da nación e non a catro poderosos. Hoxe o nacionalismo debe manterse nesa mesma liña e preservar o seu máis prezado capital: ser vistos non como unha institución máis do sistema, senón como unha forza política diferente, composta por homes e mulleres diferentes en modos, maneiras e discursos.
Se queremos que a desafección e a fartadela non afecten tamén ao noso proxecto cómpre non esquecer o que somos. Esquecer os nosos obxectivos estratéxicos ou ver na chegada ás institucións a meta final e non unha etapa máis do proceso autodeterminista, esmolar a simpatía de sectores e poderes fácticos con acreditada fobia ao país para pretender o noso avanzo socio-electoral e, sobretodo, a dualidade de discurso dependendo de se somos goberno ou oposición, son luxos que o nacionalismo galego non se pode permitir se queremos que a sociedade nos siga vendo como a única opción xenuinamente galega, libre de peaxes foráneas e composta por homes e mulleres cunha inquebrantable vocación de servizo a Galiza.