Os labregos diante da loita de liberacion nacional
Esta obra de Ramón Muñiz de las Cuevas foi escrita no ano 1979 baixo o seudónimo de Xosé Fernández Roupar e prologada polo crego de Sésamo ou o crego das Encrobas, Moncho Valcárcel, ten o grande mérito de ser feita por quen estivo eses anos levando a responsabilidade política diante do nacionalismo da orientación colectiva destas loitas e da ideoloxización dos e das afectados. Aínda máis, procurouse, e acertouse, creando vencellos de solidariedade e organización de cara o futuro entre quen sufriron os abusos dos poderes fáticos e tamén se estableceron vencellos co nacionalismo político, nun intre tan decisivo como aquel no que a partir dos sentimentos de Patria Común se estaba creando todo "ex novo". Non se estaba refundando nada senón fundando.
Cunha oratoria propia dos devanceiros irmáns da resistencia galeguista, remata o prólogo de Moncho Valcárcel: "Os protagonistas do libro son os labregos organizados nas Comisións Labregas, as que levaron ao agro o facho esperanzador da redención, da liberdade. Desde a súa aparición unha corrente de nacionalismo espallouse polas parroquias, aldeas e rueiros, xuntando a emancipación labrega coa liberación de Galiza. Desde entón o labrego escomeza a saber que só nunha Galiza ceibe e popular se rematará a súa escravitude."
,O corpo teórico do programa interclasista e frontista desde os dez puntos fundacionais da UPG até a creación da AN-PG e as "Bases Constitucionais" remataba de pasar pola proba empírica da dialéctica social da loita de clases aquí e agora, na Galiza rural dos anos 70 do século pasado. O libro, como indica o autor, abarca desde o ano 1973, cando se fundan as Comisións Labregas, até principios de 1978.
Partindo dun seudónimo cun nome ben abundante en Galiza, un xentilicio e un topónimo de entre a Terra Cha e a Costa o autor pon de relevo uns fenómenos políticos que incluso a esquerda máis radical española negaba naquel momento: Os labregos teñen conciencia e consciencia política. Son unidos, valentes, solidarios, e organizados, e as súas loitas fanse imprescindíbeis para consolidar o movemento nacionalista.
Refléxase tamén no libro o necesario apoio doutros sectores da poboación e o potente empuxe dunhas xentes xóvenes uníndose a estas loitas agrarias. O incuestionábel papel das organizacións de masas e a xenerosidade coa que se enfrontan as dificultades e a represión do poder.
Tamén se pode utilizar o libro como manual de loita sindical e social no que se describen cantas confrontacións sociais, na rúa e en moitos lugares, se ían dando entre os intereses duns negocios alleos e colonizadores e os dunhas xentes dun país que todo lle lo van quitando sen explicación nin nada a cambio.
As Encrobas, Xove, Baldaio e outros lugares quedarán resoando moito tempo como as grandes loitas das crases populares e particularmente dos labregos e labregas galegos contra a colonización de Galiza.