Os GDR como oportunidade de participación política

Os GDR como oportunidade de participación política

Nun contexto como o actual, no que falar de política está tan mal visto, non podemos desaproveitar as oportunidades, poucas moi poucas, que temos para procurar novas alternativas que permitan mudar o contexto social e económico no que nos movemos, porque ao fin e ao cabo cando participamos socialmente buscamos influír e cambiar a realidade para obter un beneficio colectivo, unha sociedade mellor.

Pero para que a participación sexa efectiva é necesario organizarse e non ter medo a traballar na ordenación das ideas para definir estratexias de acción cara un obxectivo común, só a organización de ideas e de traballo resulta efectiva para o cambio.

O problema é o tratamento negativo que se lle quere dar ao feito de organizarse, como si fose dar as costas á democracia (que algunhas veces semella que xurdiu por xeración espontánea) cando en realidade o que fas é afortalala e construír novos espazos de actuación que permiten polo menos que as túas alternativas sexan consideradas.

Se o tema da participación social é complexo moito máis complicado é no rural, onde os mecanismos de acceso son moito máis pechados e máis restritivos, todos coñecemos este contexto específico e sen entrar nos problemas da participación a través de formacións políticas (que seguro que daría outro tema) podemos entender que hai moitas dificultades para acceder a cotas de representación no rural.

E é neste punto e neste contexto diferenciado onde debemos aproveitar a oportunidade que nos ofrecen os GDR, para a implicación social.

Os primeiros grupos de desenvolvemento local do ano 1994 foron clandestinos, no sentido de que ninguén ou case ninguén sabía que eran ou para que valían . Os que si coñecían perfectamente o seu funcionamento eran algúns xerentes que aproveitaban para publicar os seus libros con fondos europeos, e incluso restaurar algunha casa de "turismo" rural. Sempre blindaron o acceso aos grupos e vetaron aquelas asociacións que non eran da súa corda.

A normativa europea establece claramente que a filosofía destes grupos debe basearse na participación activa de todos os axentes sociais do territorio e que serán eles mesmos os que definan a súa estratexia que terán que plamar nun documento (obviamente revisado por AGADER para garantir que non haxa incongruencias con prohibicións sectoriais doutras lexislacións) e este feito é o que claramente diferenza as subvención dun GDR dunha convocatoria feita por calquera administración na que todos os supostos veñen definidos dende arriba.

Incluso a propia xestión é diferenciada xa que todas as asociacións que integran o grupo deberán ter representación na xunta directiva, por certo nunha porcentaxe superior á representación pública (é dicir dos concellos) o que se consegue con isto e que as asociacións participen activamente.

Por que é bo garantir presenza de organizacións nacionalistas nos GDR?

Contestar a esta pregunta é sinxelo. Primeiro, porque sabemos que na maior parte do rural segue existindo a mesma rede clientelar baseada na ocultación da información perpetuada na maioría dos casos polas forzas dominantes (normalmente do PP ou do PSOE) que levan anos creando asociacións ficticias que cumpren ordes e que non teñen ningún tipo de actividade. Sendo honestos intentar rachar con esta lóxica é complicado , por iso é necesario trazar liñas claras nos GDR que definan cara onde queremos ir ou que tipo de rural queremos, teremos que definir, organizar ideas e despois tomarnos en serio a participación nestas estruturas que poden servir para debuxar un novo mapa.

O nacionalismo debe liderar este proceso porque ten claro o modelo que queremos, e porque é imprescindíbel seguir defendendo un medio rural vivo ala onde poidamos, plantándolle cara as intencións do novo AGADER, no que o desenvolvemento rural segue sendo pistas e camiños para os alcaldes.

E o único xeito de garantir iso é que as organizacións que defenden outro modelo estean ao fronte dos novos GDR´s. pero para iso é necesario coñecer a regras do xogo e aproveitar as xanelas de oportunidade que se abren diante de nós. Dito dun xeito máis doado é preciso organizarse : compartir información, recursos e experiencias doutros grupos e por suposto ter unha direción clara cara a consecución destes obxectivos.

Tamén debemos animar ás asociacións a entrar nos grupos e a defender as súas iniciativas e criterio para poder parar os desexos desta nova administración .

Neste momento moitas das xuntas directivas dos grupos están a piques de renovarse, polo que é preciso volver a intentar garantir a presenza do nacionalismo en todos os espazos de participación que temos e non ter medo á reivindicación dos GDR´s como oportunidade de participación POLÍTICA, xa que isto permitiría recuperar o seu sentido estratéxico.

Por outra banda é necesario comprender que a política non é o problema senón que forma parte da solución e que a acción política non queda so nas institucións senón que tamén é a capacidade para dar resposta aos problemas colectivos, por iso é bo que o nacionalismo estea presente nos GDR´s .

E para rematar só un apuntamento máis (consciente de que podería ser un tema para desenvolver máis polo miúdo) non podemos deixar de lado aos partidos políticos xa que son tamén unha forma de participación política e polo tanto deben estar presentes , dende o meu punto de vista , na escena que debuxamos , polo que é básico volver a confiar na nosa organización como actor definitivo das estruturas de participación do medio rural.