Os feitos falan por nós

Os feitos falan por nós

Semanas atrás remataba de ler Verán, a novela autobiográfica de Coetzee. Hoxe vénme á cabeza, como me vén a cita do Evanxeo de Mateo transformada polos anos e o uso: polas súas obras coñecerédelos.

E é que ás veces os discursos, as declaracións ou a información nos medios de comunicación acaban por confundir. Como na novela do sudafricano as persoas ou os medios que se pronuncian e opinan teñen intereses para trasladar determinado tipo de xuízos.

Na súa novela, Coetzee crea un investigador que vai entrevistando a diferentes persoas para coñecer o autor de quen pretende escribir unha biografía, el mesmo. Deste xeito relata a forma en que os demais o descoñeceron, deixándonos a pensar en que é así como se constrúe a imaxe da persoa: un crebacabezas que nunca se completa e no que as imaxes están distorsionadas. Nunca nos ven completamente, porque só reparan naquilo que máis lles interesa.

O biógrafo entrevista sucesivamente: unha amante, que verte sobre Coetzee toda o resentimento dunha vida anódina e sen futuro; un colega co que competiu por un posto na universidade que é o único que entende e comparte a súa posición ideolóxica sobre a colonización bóer en Sudáfrica ou a colega e amante que se sitúa equidistante valorando por un lado as virtudes do docente e por outro os defectos do amante. Son brochazos parciais cos que malamente compoñemos a vida do escritor. Visións fragmentarias e incompletas que sobre todo demostran un certo desprezo por Coetzee. En calquera caso, retratos indirectos tamén de quen opina.

O debate sobre o coñecemento da identidade de alguén forma parte do propio desenvolvemento da novela e unha das personaxes acaba por interrogar o investigador: "Repítolle que se me fai raro que escriba a biografía dun escritor deixando de lado a súa obra." E velaquí a cerna da cuestión: podemos coñecer alguén só polo que del nos contan?, Como dicía esta mesma personaxe: "E as persoas que elixiu non teñen intereses persoais nin ambicións propias para pronunciar un xuízo definitivo ...?"

Extrapolando a reflexión, podemos quedarnos simplemente co perfil que constrúen os medios de comunicación dunha persoa ou dun colectivo? Son os comentarios que proliferan na rede elementos a termos en conta á hora de formarnos unha opinión sobre un feito concreto? O certo é que, como na novela do sudafricano, a través dos medios de comunicación e das redes sociais vaise creando un determinado clima, un contexto que acaba por intervir nos acontecementos, influíndo nas reflexións de quen ten que decidir.

Como na cita dos Evanxeos, hai uns noventa anos, escribíalle Victoriano Taibo a Manuel Antonio, "Que nos coñezan polas obras."

Son os feitos os que falan por nós, os que decididamente nos retratan, ante eles non caben interpretacións, son a realidade.