Os espellos esquecidos


Sería covarde, coido eu, non falar neste momento da nosa historia, considerada esta como proceso sempre en evolución –involución ás veces–, do papel que, tomado nun sentido de masa social –cidadanía, din agora os e as do novo nomenclátor das nosas palabras chave–, cumpre esta na súa responsabilidade colectiva fronte á desfeita dos avances batallados nos últimos anos.

Desde a gloriosa Transición tan loada, esa nova democracia foi perfeccionando unhas regras de xogo controladas principalmente polos de antes. Silenciouse o horror da guerra civil e as súas vítimas; para nada se tocou a estrutura social fascista que recolleron e adaptaron os do antigo réxime aos novos tempos que os USA mandaban tamén; e en nengún momento se teceu unha verdadeira educación democrática que fixara esa sensibilidade na actividade diaria de cada quen, tanto individual como colectivamente.

Foi cantilena constante nestes case corenta anos de democracia a despolitización, concretada a nível ideolóxico na frase de "iso é política", tal cal viña ocorrendo na etapa fascista. Loitar polos demais, se contradicía as regras do novo xogo controlado, era perigoso, e máis se esa loita se dirixía desde a a idea consciente e desde a camaradería. De tal xeito que se apreciaba máis (apréciase aínda, pero con distintas formas) ao asoballador que ao compañeiro e compañeira asoballados.

Podemos dicir que aproximadamente nos últimos oito anos, a meta dos que herdaron o testamento do franquismo, goberneiros maiores do reino de España, foi meter no mesmo saco da corrupción a todos os partidos e sindicatos, coa idea firme de camuflarse nesa nube enorme de merda que sobre todo eles foron cultivando.

Por iso nos enfrontamos agora a esa agre contradición: a gran masa, calada ou ausente neste longo e enganoso proceso, é tremendamente crítica agora, pero metendo nese descontento a todos, a todos os "partidos", a todos os "sindicatos", a todos os "políticos"... E sendo así, se seguimos tal razoamento, se a historia construída na batalla e no sacrificio (que foi, fronte á corrupta, a que definiu o avance que tivemos), non vale, cales son as novas alternativas? Poderán ser as que, mostrándose como salvadoras, eliminan a ideoloxía, a contradición esquerda-dereita ou nacionalismo-españolismo, esquecen o idioma propio de cada nación, foxen da concreción programática clara e da organización necesaria e imprescindíbel para gañar as batallas?

Non podemos obviar e non recoñecer a historia e sacrificio de milleiros e milleiros de persoas que deixaron a pel e as escasas economías nesta longa batalla. A súa importantísima experiencia, mesmo para atallar os erros que sempre asoman en calquera loita. Non podemos tratalos coma aos verdugos, pois foron vítimas. E menos desprezalos. Non podemos. A ignorancia ou desprezo da historia pode axudar a repetir o que non desexamos. E a ilusión tan necesaria, ser raíña só dun día.

Sería altamente reconfortante que cada un, cada unha desta enorme masa que formamos, destes pobos tan ricos e diferentes que fomos creando, nos puxeramos diante do espello para facérmonos esta simple pregunta: E eu, durante os últimos anos, que fixen? Que fixen cando me chamaron para que puxese o graíño de area contra os corruptos e corruptas, contra as leis que foron creando para protexerse, contra as privatizacións salvaxes e causantes principais desta enorme bosta? Que fixen eu, home, muller desta pel de touro de culturas, idiomas e idiosincrasias diferentes, fermosas e necesarias, para botalos cando aínda non fixeran este estrago?