Os costaleiros da Confraría do Santo VENDEX

Os costaleiros da Confraría do Santo VENDEX

Na liña de españolizar Galiza, son moitas as falsas tradicións e as devocións impostas. Na Coruña temos moitos exemplos. Un deles son as touradas, que tanto o PP agora como o PSOE no pasado se negaron sempre a eliminar da programación das festas de María Pita. Para as touradas, non existe austeridade nin crise. Por moi ruinosas que sexan para as arcas públicas, aínda que cada ano sexan máis ridículas as fotos da praza de touros improvisada, baleira de público, seguiremos tendo touros “porque es cultura española”.

Outro invento do españolismo coruñés é a semana santa da Coruña. Outra tradición española que na Coruña carece da máis mínima tradición. E tan pouca tradición ten que a maioría dos pasos chegaron a cidade na última década, financiados maioritariamente por cartos públicos.

A raíz das conversas telefónicas que aparecen no sumario da Pikachu (a rama Coruñesa da Pokemon) o BNG puido comezar a tirar do fío, e descubrir que o Concello da Coruña tiña gastado en costaleiros no ano 2013, 28.664,85 euros. Até 35 costaleiros a xornada completa chegou a pagar o Concello da Coruña por exemplo en “venres santo”. Como dixo o Portavoz do BNG na Coruña, Xosé Manuel Carril:- O BNG entende o fervor relixioso da semana santa, visto o gasto en costaleiros contratados para levar os pasos procesionais e o investimento económico municipal no que semella ser un “novo xacemento de emprego”-.

Pero o sainete non quedou aí. En contestación ao BNG o Partido Popular xustificou o gasto nun suposto incremento do número de pasos e outros elementos procesionais. Despois resultou que o paso que incorporaron en 2013 (o da imaxe do Santísimo Cristo do Amor), unicamente requería 4 costaleiros e o novo trono da Virxe da Soidade, na que o Goberno Local tamén pretendeu xustificar o acrecentamento de gasto, forma parte do paso desde 2011. Esta é a suposta aconfesionalidade que leva a unha administración pública, como o Concello da Coruña, a subvencionar actos relixiosos, neste caso procesións de semana santa por unha suma total de 58.153,77 euros dun orzamento total para esas datas da feiras de 59.153,77. Isto é o 97% do orzamento de festas e cultura no periodo que coincide coas vacacións de semana santa é directamente en pagar a falta de devot@s.

Diante das xustificacións do goberno municipal do PP do pago de costaleiros, saíron tamén as confrarías a dicir: - "El incentivo que recibimos los costaleiros que participamos en la procesión es la satisfacción y el honor de portar el paso de la Borriquilla"-. Así falaba un membro da confraría de “La Borriquilla” que celebran o domingo de ramos na praza de Vigo. Agardamos que o fervor relixioso que quere impulsar o Partido Popular, impoñéndonos unha tradición que non é nosa, se vexa apoiada no 2014 coa presenza do presidente da Xunta de Galiza, Alberto Nuñez Feixoo, que gosta moito desta praza coruñesa. Así seguindo a súa senda de “austeridade” aforraranos aos/ás coruñeses/as os cartos dun costaleiro.