Os chihuahuas europeos de Joe Biden
As dúas últimas guerras en Europa, a de Iugoslavia e a de Ucraína, foron propiciadas pola OTAN e, nun arrebato de sinceridade, o secretario xeral desa Alianza tivo a delicadeza de recoñecer que tamén a de Ucraína é cousa deles, pois nunha rolda de prensa en Madrid, tras a segunda xornada da cume desa organización terrorista, Jens Stoltenberg afirmou: A OTAN leva moito tempo preparándose para isto, non é que nos déramos conta o 24 de febreiro de que Rusia é perigosa. A realidade é que levamos preparándonos para isto desde 2014. Así que aumentamos a nosa presencia militar no este da Alianza e a OTAN empezou a investir máis diñeiro en defensa.
Desde 2014, no que pegaron o golpe de estado, levan adestrando aos nazis ucraínos, provéndoos de armamento de todo tipo, provocando a Rusia, asasinando mais de 14.000 rusófilos e prohibíndolles falar o seu idioma ruso nas repúblicas de Donetsk e Lugansk, que se independizaron ao non apoiar o golpe de estado.
Esta guerra non declarada contra desas repúblicas polo novo goberno ucraíno, da que non se falaba antes nos grandes medios de comunicación occidentais, dividiu o mundo en dous cando Rusia recoñeceu a súa independencia e interveu nela: Os países latinoamericanos, unha gran maioría dos países africanos e de Asia, a maioría dos gobernos progresistas, e incluso algúns da dereita, apoian a Rusia moralmente ou son neutrais, porque apostan por un mundo multipolar no que cada país poida escoller os seus amigos, poder elixir o modelo político, económico e social sen imposicións de ningunha superpotencia e pola outra parte EE.UU e a UE, que apostan por un mundo unipolar coa OTAN e os propios EE.UU de xendarme mundial, para ditar que réxime político ten que ter cada un e, en base a iso, decidir quen son os bos e quen son os malos.
Até esa intervención rusa do 24 de febreiro pasado, EE.UU e os gobernantes europeos miraban para outro lado e deixaban aos nazis ir facendo, como dicía Fraga. Pero cando Rusia interveu, co fin de parar a matanza e desnazificar Ucraína, acudiron rabudos a cumprir as ordenes do gran xefe, meténdonos nesa guerra que non ía con nós. Pensaba eu que a miña idade xa estaba curado de espantos, pero deime conta que estes gobernantes non deixan de sorprender co seu servilismo exacerbado, exercendo de lacaios de Biden coa docilidade dese can mexicano, da raza chihuahua, que tan ben se da en Europa. Sexan da dereita, da estrema dereita ou dos que se din de esquerdas, seguen a pé xunto as directrices do seu amo. Por iso, cando a OTAN e a Xefatura do Estado ianqui lles dixo que había que sancionar e embargar a Rusia, nin sequera pensaron nas consecuencias nefastas que lles ía supoñer aos seus respectivos pobos: Si o dicía o xefe, adiante cos farois!, pensaban.
Ese apoio incondicional aos nazis ucraínos e as sancións que aplicaron a Rusia repercutiron moito mais negativamente na economía dos seus pobos e no benestar dos seus cidadáns que na economía rusa. As consecuencias das sanción son terribles para os sancionadores e pouco efectivas para o sancionado, xa que aínda que venda menos produtos as ganancias son parecidas, debido á subida dos prezos do gas e do petróleo, tan necesarios no mundo de hoxe e, ademais, procurou outros mercados no resto do mundo que están libres dos ditados estadounidenses. Biden dicía que ía destruír a economía de Rusia, pero Rusia fixo retroceder a EE.UU e á moderna e ecolóxica Europa á era do negro carbón.
Esas sancións deron lugar a situacións embarazosas que lles obrigou aos sancionadores a caer en contradicións e incluso no ridículo, como cando se avaríou unha turbina do gasoduto Nord Strean 1 que mandaron reparar a Canada, pero os canadenses negáronse a amañala por medo a ser sancionados tamén eles e mentres tanto Alemaña dicía que fora Putin quen lle cortara o gas. Ao final, os canadenses tiveron que amañar a turbina para que os alemáns tiveran outra vez gas ruso. Outro caso surrealista foi cando un barco ruso levaba materiais, menciñas e víveres para os mineiros rusos que traballan no arquipélago noruegués Svalbard e Noruega non lles deixou pasar, porque debido ás sancións tiñan prohibido a entrada de buques dese país sancionado, pero como tiñan firmado un documento cos rusos que os obrigaba a deixalos pasar, tiveron que ser eles mesmos os que lle fixeran o traballo, transportándoas cos seus barcos. Algo mais propio do cabreo dun cativo que de homes feitos e dereitos que gobernan ese Estado nórdico.
Os nosos gobernantes non quixeron, ou non se deron conta de que necesitan gas e petróleo para a industria, para producir electricidade e para quentar a casas nos crús invernos. Se cadra nin sabían que ese gas e ese petróleo viñan maioritariamente de Rusia. Sen embargo agora quéixanse de que Putin non lle lo manda e o gas licuado que lles trae en barcos o seu xefe estadounidense non lles chega a nada e sáelles moito mais caro, polo que suben os prezos do combustible e do gas, que encarecen a cesta da compra e fan que se dispare o IPC, recaendo así as sancións impostas a Rusia sobre o peto dos cidadáns que din gobernar.
O mais beneficiados desta guerra da OTAN contra Rusia, e na que Ucraína pon os mortos, son, sen dúbida, os que a provocaron no 2014, porque o xeito de actuar da UE, aplicando as directrices do Tío Sam, con sancións, embargos e ruptura de relacións comerciais, tamén provocaron unha depreciación do euro fronte a dólar superior ao 9% no que vai de ano.
Pero non só as sancións empobrecen aos cidadáns europeos, pois tamén somos nós quen pagamos as armas que lles mandan, pois eles convertéronse nunha franquía para pasarlle a Ucraína mísiles, barcos, avións, tanques, fusiles, balas e minas para a maior gloria dos fabricantes de armas estadounidenses.
Non contentos con todo iso e coas ilegais sancións, agora propoñen redactar leis que lles permitan levar a cabo actos mafiosos ou de piratería e poder requisar así capitais de empresas e personaxes rusos; incluso do seu banco central, para reconstruír Ucraína, din eles. Algo tamén ilegal no plano internacional, que non se fixo nunca en Vietnam, en Irá, Iugoslavia, Afganistán, Libia, ou Siria, nin noutros tantos países que deixou esnaquizados o imperialismo ianqui. É certo que non todos os gobernos apoian no mesmo grado estas sancións pero ningún deles tivo a valentía de romper o círculo e saírse pola tanxente.
Sen embargo o malo desta película seica é Putin, cando por segunda vez o pobo ruso ten que loitar contra os nazis ucraínos, seguidores de Stepan Bandera, como tamén a URSS tivo que enfrontarse na segunda guerra mundial ao nazismo alemán e ao propio Bandera, para desnazificar Europa e liberar os campos de concentración de Polonia, Alemaña, Austria, Lituania, Letonia, Estonia e outros países europeos que hoxe son os seus mais rabiosos inimigos, que envían armas e apoian aos fillos ideolóxicos dos que daquela masacraron aos seus antepasados.
O peor de todo isto é que ningún país europeo aposta polo diálogo que beta EE.UU, porque din que hai que derrotar a Rusia no campo de batalla e a guerra vai para longo, pois dixo o xefe destes lacaios que a guerra vai seguir ata o último ucraíno, o que di abondo do que lle importan a ese home e aos gobernantes europeos os cidadáns desa nación. Biden sabe que do que suceda nesa contenda vai depender a supervivencia ou o principio do fin dese imperio criminal. Como di Bob Dylan na súa canción Masters of War: É evidente que non estamos no século XX, pero os canallas seguen existindo e aínda non teñen unha tumba co seu nome.