Os cetáceos como indicativo do estado do océano
O mar non ten boa saúde, os varamentos de cetáceos non son máis ca recordatorios, avisos xordos e mudos, mais moi clariños, de que este non é o camiño, oxalá sexamos quen de interpretalos.
O voluntariado da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, composto por Patricia, Paulo, Maca, Eva, Pablo, Xesús, Juan José e Luz, baixo dirección de Jose A. Martínez compuxeron o equipo que participou na necropsia e retirada dos restos do cachalote (Physeter macrocephalus) varado en Panxón, Nigrán, o pasado 25 de abril. Os nomes son o de menos, podían ser outros, homes e mulleres que están dispostos a perder un día da súa vida nunha desagradabilísima e mesmo perigosa operación. Son os baleeiros do século XXI, que non buscan o lucro do comercio das baleas, nin vivas nin mortas, senón que buscan desvelar a realidade das cousas, o por que, a razón, o motivo, de que un ser tan impresionante coma un cachalote, un magnífico animal mariño de dez metros de lonxitude e sete toneladas de peso, cheo de saúde, poida aparecer indignamente morto e arroxado polo mar nunha praia calquera do noso país.
Os cachalotes son mamíferos mariños extraordinarios, de ata 18 ou 20 metros de lonxitude. Viven en mandas, sobre todo en mandas de cría, compostas por varias femias adultas xunto cos exemplares xuvenís, nas que entran e saen os machos adultos, que viven separados ou son solitarios, para se reproducir. Habitan lonxe da costa, sobre os profundos canóns submarinos onde se alimentan de cefalopodes a grandes profundidades, onde perseguen e atrapan ás grandes luras xigantes nunha loita de titáns a máis de 3000 metros de profundidade. Son seres especializados na vida oceánica, cunha grande relación social entre eles e constitúen verdadeiras sociedades culturais, nas que transmiten os seus coñecementos xeración tras xeración.
A súa especialización levounos a evolucionar para a comprensión do mundo a través do son, mediante o encadeamento de ruídos e silencios. A enorme cabeza actúa de emisor-receptor, un aparato biolóxico espectacular e moi sofisticado, baseado no cambio de densidade da grande cantidade de graxa que ten sobre o cranio, motivo polo cal foi perseguido polos baleeiros americanos dende o século XIX, cobizando o que deron en chamar espermaceti. Tal foi a importancia da graxa do cachalote que a unidade fundamental para medir a intensidade luminosa (candea ou buxía) definiu o seu patrón en base á intensidade da luz emitida por unha vela de espermaceti puro de 2,5 cm de grosor.
En Galiza, cazáronse dende a idade media, á par da balea vasca (Eubalaena glacialis), daquela os baleeiros chamábanlle trompa, despois o nome foi substituído por cachalote, que definía mellor a característica máis salientable: a súa xigante cachola.
As mandas pasan por fronte da nosa costa, onde foron capturados e procesados ata o ano 1980. Daquela os seus corpos alimentaban as caldeiras da factoría IBSA, curmáns daquelas de Manthausen, e obtíñase deles graxa, abono e dentes, a penas nada que non puidera obterse en terra firme. Algúns aínda querían conservar a mítica idea da antiga épica baleeira, agochados atrás dun canón explosivo, aquilo xa nada tiña a ver coa caza artesanal a man e ca economía de subsistencia, levada a cabo ata os últimos días nos Açores.
E o equipo dos modernos baleeiros desarticulou a aleta, e logo o occipital, as epífises vertebrais e tamén o esterno, e pouco a pouco foi achegándose ao cerne. Alí, atrás do estómago, nunhas cavidades contiguas que dan paso ao intestino, estaban acumulados milleiros de peteiros de cefalopodes, os últimos do seu xantar, en espera a seren arrastrados a través do dixestivo de novo ao océano, mais non, ficaron alí porque antes, unha bola de rede obturaba un pequeno esfínter, unha pequena e absurda bola de rede que a penas cabe nun puño, detivo o transcorrer da vida, parou o paso do alimento, impediu o fluír da enerxía, e, seguramente como resultado dunha inflamación, que deu paso a unha infección local e a unha septicemia xeral, rematou dolorosamente os seus días do océano que amablemente cedeuno á praia para que o vexamos.
A aparición dos corpos dos cetáceos varados na costa é un claro indicativo das alteracións que causamos no océano, pechar os ollos ou ver para outro lado é só ignorar o problema que non fará más que acrecentarse. Eles, silenciosamente estánnolo a lembrar. Recoñecemento para estes homes e mulleres, polo seu esforzo e labor, que son quen de traducirnos este labiríntico xeroglífico.