Os carbóns do Apalpador

Os carbóns do Apalpador

Cando hai uns días escoitei na Radio Galega que a Consellería de Cultura presentou en sociedade “A Cidade de Cenorio, o primeiro xoguete galego e en galego”, en palabras do Secretario Xeral de Política Lingüística, non puiden máis que anoxarme, unha vez máis ante a mofa que supón esta –aparentemente- boa nova.

Porque a pesares de que é de agradecer que haxa unha empresa xogueteira disposta a comercializar xoguetes educativos na nosa lingua, e facilitar que as crianzas poidan xogar en galego e co galego a través do xogo electrónico en cuestión, non deixa de ser insultante que, desde a mesma administración que acusounos de pretender impoñer o galego cando rexeitamos o decreto do plurilingüismo, non recoñeza o contraditorio desta acusación co feito de que haxa un xoguete no noso idioma por vez primeira na historia do noso país en pleno século XXI!

Non pode ser “normal”, logo que unha lingua que a propia Xunta recoñece que está nunha situación de desvantaxe fronte a outra, non teña a máis mínima protección por parte da administración encargada de velar por ela.

Porque se publicamente defende a iniciativa “destacando a importancia de dotar a nais e pais de recursos para transmitiren a lingua propia nas primeiras idades, ligando o aprendizaxe do idioma ao lecer en familia”, entón por que non derrogan o decreto? Por que non promulga unha nova norma en base ao acordado por unanimidade no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que garanta a educación en galego no ensino infantil para todas as nenas e nenos galegofalantes, e faga o propio para incorporar o idioma galego na docencia ao alumnado residente en contextos familiares e ambientais castelanófonos? Por que non aproban iniciativas dirixidas a fomentar e incentivar non só xoguetes na nosa lingua, que boa falta fan, e traballen por unha verdadeira normalización do noso idioma, pola promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social?

A súa responsabilidade é a de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo.

Esta nova amosa a verdadeira imposición. Constatada na realidade cotiá que temos diante. Cando tentamos mercar unha boneca que fale galego, un xogo interactivo, un xoguete educativo, ou un vídeo xogo, podemos comprobar que só temos a opción de escoller entre español e inglés. Non se facilita a aprendizaxe do idioma galego nin se fomenta o seu uso. Estes datos non sorprenden a ninguén, pero poñen de manifesto a gravidade dunha situación que o goberno, non só oculta, senón que non pon ferramentas para paliala.

A plataforma cidadá Queremos Galego concentrouse o pasado mércores 12 de decembro ás portas da Consellaría de Educación, acompañada do Apalpador, para facerlle entrega ao Conselleiro, duns sacos de carbón, para lembrar “a política carbonizadora da nosa lingua e da nosa cultura, que non vai triunfar”, mais tamén agasallaron con libros en galego para o Presidente da Xunta e ao Conselleiro de Educación.

É moi posíbel que ningún dos dous recoñeza ao carboeiro. E non só porque a recuperación desta figura sexa recente. Senón porque o Pandigueiro, Apalpador ou Apalpabarrigas, é un personaxe mitolóxico similar a outros doutras partes de Europa relacionados cos rituais populares do solsticio de inverno. Este vello carboeiro que vive no leste de Galiza, e que na noite do 24 de decembro baixa das montañas para apalpar as barrigas das crianzas, e así saber se comeron suficiente. (se é así, déixalles unha chea de castañas para que non pasen fame, así como uns agasallos feitos por el, e no caso contrario mánchalles a cara con cinza ou deixáballes un saco de cinza, de aí a mistura do “home do saco” ou a dos propios Reis Magos) non será nunca respectado por parte duns gobernantes que fuxen de calquera iniciativa relacionada coa recuperación do patrimonio inmaterial galego. E nin me vou referir a aqueles ofensivos comentarios que intentan corromper e degradar o mito acusándoo de “invento de nacionalistas”, ou mesmo dándolle unha connotación sexual.

No seu afán por afondar na protección e divulgación de ensinanza da relixión católica, a Secretaría de Política Lingüística promulga un Nadal en rede centrada na costume cristiá dos Reis Magos. Ningunha mención ou actividade relacionada coa existencia do Apalpador. Tampouco se mencionan as inmensas posibilidades de regalar ás crianzas literatura infantil en galego –anda que non hai títulos!- , audiovisuais, películas, que reforcen o coñecemento do noso idioma a través de actividades lúdicas.

Cada quen é libre de celebrar o Nadal como queira. Mais eu voulle pedir ao Apalpador que lle faga chegar un chisco de sentido común aos dirixentes do Partido Popular, que derroguen o decreto contra o galego, que non apliquen a LOMCE, e como de seguro que cando lles toquen as barrigas, estarán ben cheas, no canto de castañas, unha boa morea de carbón no caso de que continúen coa iniciativa de atacar á nosa lingua.