Orzamentos e demagoxia
Como cada ano por estas datas concellos, deputacións, Xunta e Goberno estatal están preparando e presentando os seus orzamentos para o vindeiro ano. Polo que parece e como consecuencia da celebración das eleccións xerais o 20 de novembro, os do Estado seica se van prorrogar, e quedarán daquela en mans do novo goberno que xurda das urnas.
No caso da Xunta de Galiza, acaban de facerse públicas cifras e previsións. Menos publicitadas están as medidas fiscais e lexislativas que agochan e que volven incidir no desmantelamento dos servizos públicos e no aumento encuberto dos impostos indirectos. Uns orzamentos que poñen de manifesto a nefasta política que o PP está a aplicar desde que chegou ao goberno, escudándose nesa repetida mensaxe de redución de gasto que disfraza unha verdadeira restra de recortes. Por certo, cunha débeda que se dispara en tres anos de xestión do PP dos 3.900 aos 6.900 millóns de euros. Debaixo e por detrás de frases lapidarias e de insistentes sermóns que intentan que a sociedade galega os asuma con resignación, están as cifras. O gasto social cae en 2012 catro veces máis do que cae o propio orzamento da Xunta. As consellarías de Educación, Sanidade e Benestar perden máis de 52 millóns de euros, é dicir, 40 millóns máis ca o conxunto das contas galegas. Reducións que se suman aos elevadísimos recortes dos últimos anos. Cifras e números, que mostran máis unha vez a incapacidade do PP e o seu desinterese a mantenta para gobernar esquecéndose da defensa dos intereses das maiorías sociais e das necesarias solucións da crise económica e social que padecemos.
As grandes e as pequenas cifras descobren a realidade dos obxectivos do PP, -eses que Feijoo anuncia que vai aplicar Rajoy se gañan as eleccións xerais-, e reflicten negro sobre branco os profundos e gravísimos recortes nos servizos públicos, centrados adrede naqueles máis necesarios neste momento: sanidade, educación e servizos sociais, decisión que ademais vai abocar aos concellos á máis absoluta das asfixias económicas para o vindeiro ano. E pola contra, e non por casualidade, non actúan para baixar dos 700.000 € a base impoñible mínima do imposto do patrimonio. Uns recortes que se aplican nun momento no que o 22 % dos galegos e galegas están en risco de exclusión social e unha terceira parte chega con certa dificultade a fin de mes. E non o digo eu, son datos do INE da enquisa de condicións de vida 2010.
Pero coma nos contratos hipotecarios, nos que a banca traza con grafía minúscula as denominadas cláusulas chan, a esas grandes cifras e díxitos dos orzamentos hai que engadirlles a letra pequena, esa coa que o PP escribiu a mal denominada Lei de acompañamento dos orzamentos. Se o ano pasado colaron a través desta fórmula unha contrarreforma da Lei do solo, este ano introducen tamén unha morea de maquiavélicas reformas tributarias, -criticadas até polo Consello Económico e Social que preside Corina Porro-, e novos recortes na sanidade pública. Reducen abertamente o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria co establecemento dun período mínimo de empadroamento de 183 días nun concello de Galiza para ter dereito a ela. Están, polo tanto, negándolle o dereito a calquera inmigrantes á sanidade pública. Ou fixémonos noutra decisión que lle vai afectar e moi gravemente ao rural galego, ese que tanto alardean de defender e que permiten que arda sen control. Ese no que din querer fixar poboación e mellorar servizos. Xa se ve. Por vía da Lei de acompañamento, restrinxen os servizos farmacéuticos, pois facultan a Consellaría de Sanidade a autorizar a modificación dos mínimos de servizos de urxencia nas zonas rurais "inferiores aos establecidos con carácter xeral". Esta medida vaille afectar a aqueles concellos que ser teren PAC (Punto de Atención Continuada) conten con tres ou menos oficinas de farmacia. É dicir, a gran maioría dos concellos galegos e practicamente a totalidade dos do interior de Lugo e Ourense. Desta maneira o servizo de farmacia de garda pode desaparecer de moitos concellos, co que os residentes no rural terán que desprazarse a outras zonas para poder adquirir os seus medicamentos e deixa completamente indefensos os colectivos de maiores da zona rural, que por certo, ano tras ano, goberne o PP ou o PSOE, seguen cobrando as pensións máis baixas de todo o Estado. Unha medida vendida co argumento da reestruturación organizativa, pero que na realidade significa o final da cobertura de farmacias de garda no rural. Por non mencionar a intención do PP de establecer unha taxa de 10 € pola tarxeta sanitaria do SERGAS e que exemplifica o percorrido de entrada ao "copago" sanitario que teñen trazado.
Os orzamentos non son, non poden ser só números. Non se pode buscar a máxima contable dun balance de resultados positivos a través do abandono e a eliminación de servizos públicos básicos ou de empeorar a calidade das prestacións. Agora tócanos elaborar orzamentos nos concellos, nos urbanos e nos rurais, con menos recursos e máis necesidades, e menos colaboración por parte das outras administracións. Sabemos que as épocas de crise económica non son tempo de grandes infraestruturas nin de investimentos millonarios en actuacións que moitas veces, ademais, non se sabe moi ben para que serven. É tempo de centrarmos os nosos esforzos en manter os servizos públicos e cubrir as necesidades da xente, dos galegos e galegas que sofren unhas taxas de paro insoportábeis e sobre todo cando a Xunta de Galiza está recortando todas as partidas destinadas a atención social. Cada día é maior a demanda de veciños e veciñas que precisan de axudas familiares, de atención a domicilio, dunha praza nun centro de día, de escolas infantís... E velaí o PP na Xunta, pero tamén o PSOE no Estado, adoptando día si e día tamén, medidas de carácter regresivo a nivel social e a nivel orzamentario que afogan as capacidades de actuación municipal.
Estamos ás portas dunhas eleccións xerais nas que nos xogamos moito, nas que Galiza se xoga moito como país e como sociedade, e nas que nos xogamos moito como cidadáns. Nunca, e menos ca nunca agora é tempo desa famosa alternancia. É tempo dunha alternativa, a do BNG, de propostas e políticas distintas das que repiten e se copian PP e PSOE. Ou apostamos por outras políticas, que si son posíbeis, ou non haberá perspectivas de recuperación. Por iso cada voto dos galegos e galegas ten que servir para sumar para este país, non para restarnos futuro. Galiza precisa unha presenza forte en Madrid, e esa presenza só se garante se o BNG ten unha importante representación no Congreso dos Deputados e no Senado. Para seguir co traballo feito, un traballo que situou a Galiza no mapa político do Estado, un mapa do que nos queren borrar. Non permitamos que o fagan.