Orzamentos de esquerdas?
Goberno e Unidos Podemos-En comú Podem-En Marea asinaron en outubro un documento de cincuenta páxinas no que consensuaron o proxecto de lei de orzamentos para 2019, que inclúe, entre outras medidas, a suba do salario mínimo interprofesional a 900 euros. A modo de exposición de motivos, na introdución dese documento afírmase que, despois de sete anos de recortes e asfixia dos gobernos do PP, nos que aumentaron a desigualdade, a pobreza e a precariedade á vez que se recortaba o investimento público no Estado do Benestar, é hora de que o Goberno e Unidos Podemos-En comú Podem-En Marea teñen a obriga de chegar a acordos que permitan plasmar as prioridades da axenda social nos Orzamentos Xerais do Estado para 2019. A medida estrela deste acordo consistiu no incremento do SMI do 22 por cento, pasando dos 735,90 aos 900 euros como unha potente ferramenta social que pode contribuír significativamente a previr a pobreza no traballo e a fomentar un crecemento salarial xeral máis dinámico.
O pasado 11 de xaneiro, o Goberno aprobou o proxecto consensuado destes orzamentos e nel constatamos que da preconizada prioridade da axenda social ficou excluído o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), que quedará fixado para o 2019 en 548,60€ mensuais e 7.680,35€ anuais. Isto supón que dos actuais 537,84 pasaría aos 548,60 euros, incremento que representa o 2 por cento.
Este indicador foi creado polo goberno de Zapatero en 2004 co obxectivo de que as axudas e os subsidios das Administracións deixasen de calcularse con relación ao salario mínimo interprofesional e, con isto, ao rebaixar estas prestacións sociais, reducir o gasto público. A actualización deste índice na totalidade dos seus quince anos de existencia supuxo a insignificante suba mensual de 88,10 euros e, desde 2009 até 2019, mantívose conxelado na práctica pois o incremento acumulado neste período de dez anos consistiu en 16 euros como podemos comprobar na seguinte táboa.
,
A conxelación deste índice supuxo a perda do poder adquisitivo para as persoas que perciben estas axudas públicas como mínimo nun 10 por cento desde que foi implantado no 2004. Mais non só iso, a falta de revalorización incumpriu tamén de forma reiterada a propia norma que o creou, o Real Decreto Lei 3/2004, de 25 de xuño, cuxo artigo 2 indica que este índice debe ser revalorizado anualmente nos orzamentos do Estado segundo a inflación.
Para que serve o IPREM? Entre outras cousas, para fixar os límites mínimos e máximos entre os que oscila a contía que se percibe pola prestación contributiva por desemprego, así como para establecer a contía mensual dos subsidios non contributivos por esa mesma causa. O IPREM tamén computa para o exercicio do dereito á asistencia xurídica gratuíta, marca os límites de ingresos para o acceso á vivenda de protección oficial e para as axudas ao aluguer. Asemade, inflúe na concesión e na contía das bolsas de estudo, tanto das garderías como dos colexios e dos estudos universitarios. O IPREM tamén se ten en conta para o cálculo da prestación non contributiva de maternidade cando non se reúnen os requisitos de cotización previa. O importe da Renda de Inclusión Social Galega (RISGA) tamén se regula por este índice de forma que os seus beneficiarios unipersoais terán ingresos mensuais no 2019 de 411,45 euros, isto é, o 75 por cento do IPREM. De aprobárense os orzamentos deste proxecto, os subsidios por tempo completo que percibirán as persoas desempregadas do Servizo Público de Emprego serán de 438,88 euros ao mes fronte aos 430,27 anteriores.
Para dármonos unha idea das diferenzas experimentadas desde a creación do IPREM verbo do SMI, é bo ter en conta que no ano 2004 equivalía ao 93,82 por cento do salario mínimo e no 2019, de ser aprobado o proxecto de orzamentos, equivalerá ao 60,95 por cento. Isto é, o índice que serve para regular os subsidios e as axudas para aqueles sectores da sociedade máis necesitados deprezouse nun 32,87 por cento con respecto ao SMI e esta é tamén unha das razóns que explica que cada vez se incremente o número de persoas que, debido á desprotección pública, se ven na necesidade de acudiren á axuda das institucións benéfico-sociais privadas.
Mais, non só nas prestacións públicas vinculadas co IPREM os asinantes destes acordos mostran desinterese polos grupos sociais desprotexidos senón que tamén se manifestan na desvinculación do SMI das pensións mínimas derivadas de enfermidade común, pois desde a entrada en vigor do Real Decreto-lei 28/2018, de 28 de decembro, convalidado no Congreso cos votos do conglomerado Podemos, o mínimo destas pensións deixou de estar fixado no 55 por cento do SMI impedíndolles a estes pensionistas pasar dos 404,77 euros mensuais que percibían no 2018 aos 495 que cobrarían no 2019 se non se aprobase esta modificación regresiva. ¿E cales foron as esixencias do grupo Podemos para dar a súa aprobación e este Decreto lei das pensións? Segundo explicou a deputada Yolanda Díaz en rolda de prensa, a cambio do voto favorábel deste grupo, conséguese modificar o mesmo Decreto lei que acababan de aprobar para que volva ser fixado o mínimo das pensións por enfermidade común en relación co SMI e, como segundo logro desta negociación, indican que tamén se conseguiu o compromiso de redución da cotización dos traballadores incluídos no sistema especial de agrarios por conta allea durante os períodos de inactividade. Esta segunda medida, indicou Yolanda Díaz na mesma comparecencia pública para congraciarse demagoxicamente co electorado galego, é un elemento moi positivo que afecta a miles de traballadores agrarios en Andalucía, Estremadura e Galiza. ¿Cantos son as galegas e os galegos que traballan no campo por conta allea para equiparalos en número aos andaluces e estremeños? ¿Nas negociacións verbo da redución da inversión pública do Estado nun 19 por cento prevista no proxecto de orzamentos para Galiza, En Marea tamén vai conseguir elementos moi positivos que afecten a tantos miles de galegos?
En definitiva, ¿poden ser considerados orzamentos propios de partidos políticos denominados de esquerda cando non van dirixidos á redistribución cara a quen menos ten a través do gasto en pensións, axudas ás familias, subsidios de desemprego e outras políticas sociais necesarias para corrixir as desigualdades que xera o mercado? ¿Non contribúen estes orzamentos ao aumento da desigualdade, da pobreza e da precariedade como afirman os seus promotores que sucedeu nos sete anos de recortes e de asfixia dos gobernos do PP?