Orzamentos de educación: o ensino público continúa perdendo

Orzamentos de educación: o ensino público continúa perdendo

Os orzamentos para a Educación previstos polo PP para o ano 2012 (2.209.648166) volven a sufrir un novo recorte, neste caso dun 0.6 % (12,6 millóns ), en relación aos do ano 2011, confirmando a tendencia á baixa destes tres últimos anos. Mais sería enganoso analizar a proposta de orzamentos da Consellaría de Educación para o ano 2012 tendo só como referencia os relativos aos do ano 2011. Se reparamos na evolución orzamentaria desde o ano 2007, referida ao ensino na Galiza, constatamos que os previstos para o ano 2012 se reducen en 507 millóns de euros, en relación aos de 2007, 705 millóns en comparación cos de 2008, 133 millóns menos cós de 2009, 127 millóns menos cós de 2010 e 12,6 millóns menos en relación aos do 2011 que xa se viron decrecidos en 175 millóns (8 %) respecto aos de 2010. É dicir, de medraren os orzamentos na mesma proporción que o IPC e tomando como referencia os orzamentos do 2009, os últimos do anterior goberno da Xunta, a Consellaría de Educación vería acrecentados os seus orzamentos en 425 millóns de euros, un 16,4% máis cós previstos para o ano 2012. Estes orzamentos continúan estando moi lonxe da necesidade de dedicar á educación o 7% do PIB que sería o necesario para un bo funcionamento do sistema educativo e incrementar o gasto educativo por alumno. Continuamos instalados nun punto por debaixo da media que dedican os países do noso entorno á educación. O gasto educativo galego continúa sen chegar sequera ao 5% do PIB, malia as carencias que se veñen acumulando, ano tras ano, e con estes orzamentos a diferenza agrandarase aínda máis.

Inxustificada e desmesurada é a achega que cada ano recibe o ensino privado concertado do erario público, sendo cada ano maior o seu peso orzamentario. Os orzamentos para o ano 2012 prevén destinar o 12,8% do total do orzamento da Consellaría de Educación para o ensino privado non universitario. O PP pretende beneficiar o ensino concertado con 247.497.720 de euros, nin máis nin menos que o 76% do que a Consellaría destine ao sistema universitario galego. Dos 247,5% millóns para o ensino privado, 53.474.538 corresponden ao ensino non obrigatorio (39.750 millóns para a Educación Infantil e 13.724.538 para a Formación Profesional), cando miles de alumnos/as non teñen praza na Formación Profesional ou non poden cursar o ciclo formativo que desexan. Estas cantidades inxentes de diñeiro encamíñanse cara á privatización do ensino, mediante concertos educativos en centros que dependen, maioritariamente, das institucións relixiosas e que, as máis das veces, se dotan de proxectos educativos antigalegos, confesionais e reaccionarios. Ano tras ano, vemos como a baixa natalidade só lle afecta ao ensino público, no que se suprimiron, nos últimos 10 anos, máis de 1000 unidades, sen que apenas minguaran no ensino privado concertado. A Consellaría de Educación non ten inconveniente en concertar unidades, mesmamente no ensino postobrigatorio, cando o seu alumnado podería ser absorbido, en moitos casos, polo ensino público, sen incrementar unidades. Así mesmo, pecha unidades na pública para continuar incrementándoas na concertada. Esta política dilapidadora do público non deixa de ser deshonesta e indecente, se temos en conta que son numerosos os centros concertados que, incumprindo a lei, cobran indebidamente cantidades por diferentes conceptos, ao mesmo tempo que seleccionan o alumnado. Todo isto sucede mentres a Consellaría de Educación paga o profesorado e subvenciona as unidades concertadas, a pesar de que non ten ningunha participación na contratación nin na selección do profesorado destes centros.

Ao dereito á educación, garantido legalmente para toda a poboación de 6 a 16 anos, fáltalle moito percorrido para que sexa efectivo en igualdade de oportunidades. As diferentes oportunidades vense acrecentadas polo feito de que as actividades extraescolares non son gratuítas e a súa oferta depende ou está condicionada polo concello no que está o centro, polo dinamismo da respectiva ANPA ou pola extracción social do propio alumnado. Malia isto, os orzamentos para o ano 2012 non dedican nin un euro a este tipo de actividades. Non podemos permitir que o PP camiñe por rutas contrarias ao papel que lle corresponde á educación, que non e outro que contribuír a formar e a capacitar toda a cidadanía sen ningún tipo de discriminación. Hoxe, son as familias que poden facer fronte aos gastos das actividades extraescolares e aos derivados da ampliación da formación en diferentes disciplinas as que teñen máis posibilidades para que os seus fillos e fillas complementen, reforcen ou amplíen a súa formación. Ábrese así unha fenda respecto daqueles sectores que, nomeadamente, por falta de recursos e, nalgúns casos, debido ao lugar de residencia, se ven imposibilitados de proporcionarlles aos seus fillos/as o acceso a esta formación, significando, polo tanto, unha fonte de discriminación e desigualdade.

Estes orzamentos veñen a referendar o constante recorte de profesorado. Diminúe o capítulo I en 23.377.400 euros, o que supón unha redución de 587 profesores e profesoras, aos que lle hai que sumar os máis de 1.000 que se suprimiron este curso e outros moitos no curso pasado. Por se isto fose pouco, aplican unha taxa de reposición de efectivos que non pode superar o 10%. É dicir, no mellor dos casos, unicamente 10 de cada 100 vacantes poderían saír á oferta pública. Son uns orzamentos para destruír emprego. A oferta de emprego público no ensino será irrelevante ou inexistente. Suporá menos profesorado e o alumnado estará peor atendido. En definitiva, deterioro e menor calidade do ensino. Así mesmo, o goberno do PP pretende continuar recortando o salario do profesorado iniciado no mes de xuño do 2010. Se ao recorte salarial lle sumamos a subida do IPC durante este tempo, o profesorado verá diminuído o seu salario para o ano 2012 en máis dun 15 %. Trátase de que as consecuencias desta crise continúen recaendo sobre a clase traballadora e os servizos públicos, co obxecto de perpetuar un sistema especulativo, inxusto e antisocial, ao servizo da banca e das grandes corporacións. A súa insaciabilidade non ten limites nin entende de dereitos laborais nin sociais.

Destínase o diñeiro de todos os galegos e galegas a combater a normalización lingüística e a procurar a erradicación do noso idioma. A obsesión e o odio en contra de todo o que nos fai galegos é proporcional a todo o ronsel de promoción e apoio ao inglés, co obxecto claro de infravalorar o noso, incrementar o seu desprestixio e afondar no autoodio. Así se entende, tamén, a pretensión de liquidar, co despedimento de 42 traballadoras/es, o programa Preescolar na Casa, polo único motivo de ser un modelo educativo plenamente galego. É desoladora a cativa presenza do noso idioma como lingua vehicular en todos os niveis educativos e continúa sendo excepcional o ensino galego en moitas materias, mentres que noutras está prohibido. Hoxe, na maioría das disciplinas curriculares, o material impreso en galego é inexistente e o pouco que hai está, maioritariamente, residenciado en editoriais foráneas que, as máis das veces, se limitan a traducir no canto de elaboraren contidos propios, nos cales teñan cabida a nosa historia e a nosa realidade cultural, social e económica. O programa de fomento de lingua galega decrece un 10,05% nos orzamentos do ano 2012 respecto aos do ano 2011, cando xa sufrira unha redución do 36,66%, perpetuando así o camiño iniciado nos orzamentos do ano 2010 (primeiros da nova etapa do goberno do PP) nos que o apoio ao noso idioma se recorta nun 20%. Malia o avance galopante da substitución lingüística e, polo tanto, da perda de galegos falantes, o PP continúa desprezando e atacando o noso idioma que ve reducido os orzamentos para a súa potenciación nun 67% nos tres últimos exercicios orzamentos, pasando de 19.830.934 euros no 2009 aos 9.970.756 para o ano 2012.

Os centros de ensino, durante o ano 2011, tiveron unha redución do 13,4% para facer fronte ás reparacións, mantemento e conservación e, aínda así, non só non teñen ningún incremento para o ano 2012, senón que lles reducen un 4,4% a partida destinada a material e subministros. A partida para os gastos de funcionamento dos centros reducíronse para educación infantil, primaria e ESO nun 7% nos orzamentos do 2011 e nos do 2012 diminúen medio punto máis. Na educación especial, a redución para o ano 2012 alcanza un 6%, á que hai que sumar o 2,5% producida nos orzamentos do 2011. O niveis educativos de educación infantil, primaria e ESO ven reducidas as súas partidas nun 2,2%, cando xa se lle recortou no 2011 un 6,3%. O mesmo sucede coas outras ensinanzas non universitarias que baixan un 0,7%, en relación ás do ano 2011 que xa minguaran un 7,4%.

Estamos ante uns orzamentos que non responden ás necesidades que diariamente afloran no sistema educativo galego. Chega con constatar como os orzamentos destinados a previr o fracaso escolar, á formación do profesorado, á gratuidade dos libros de textos, á dotación de profesorado, ao funcionamento de todos os niveis educativos, ao fomento da lingua, ao transporte escolar, aos investimentos reais e a todos os programas da Consellaría minguaron en relación aos orzamentos do ano 2009. Estes orzamentos son, en boa medida, unha síntese das políticas neoliberais aplicadas á educación: amplían a privatización, aumentarán o fracaso escolar, tenden a un ensino máis clasista e selectivo, amosan un total desleixo cara ao noso idioma e suprimen profesorado. É tal a desatención e son tan restritivos que poñen en perigo o xa debilitado ensino público.

A crise actual é utilizada polo PP como pretexto e xustificación para afondar no seu modelo educativo, orientado a recortar brutalmente no ensino público, a restrinxir o acceso á educación das clases populares, a educar para a perpetuación do actual sistema e a desviar inxentes cantidades de diñeiro público a subvencionar modelos educativos que partillan a súa ideoloxía. En definitiva, do que se trata é de desmantelar, por diferentes vías, todo o que fomos conquistando como dereito para todos e todas.

Estes orzamentos van en dirección contraria á consecución dunha educación de equidade para todos e todas, dun ensino que eduque na diversidade para a igualdade, que universalice os servizos complementarios e as actividades extraescolares, que amplíe o profesorado nos centros, que dote doutros profesionais cualificados e administrativos todos os centros e que atenda, con profesorado especialista, as necesidades educativas especiais. Son uns orzamentos antigalegos e ao servizo dos poderes que controlan o ensino privado concertado. De costas a calquera medida compensatoria para actuar con determinación contra as desigualdades. A dimensión social da educación como mellor inversión de futuro e acicate para combater a crise non ten cabida nestes orzamentos. O ámbito familiar ou procedencia social marcan en grande medida o rendemento escolar. Por iso, en época de crise cómpre reforzar e ampliar a educación pública. Única maneira de evitar que a escola afonde, aínda máis, nas desigualdades sociais, tendo en conta que canto menos se invista na educación pública máis fracaso escolar e menos benestar social. Mais estes orzamentos camiñan en dirección contraria.