Orzamentos 2011: Política social e dinamización económica

Orzamentos 2011: Política social e dinamización económica

A aprobación dos orzamentos municipais nos concellos gobernados polo BNG son unha boa oportunidade para plasmar unha alternativa á crise económica que recolla as demandas sociais priorizando os obxectivos de mantemento de políticas sociais e de dinamización económica.

Os gobernos de Zapatero e Núñez Feixóo están aplicando políticas que fan máis graves os efectos sociais e económicos da crise con medidas fiscais regresivas, recortes de dereitos laborais e económicos ou co desmantelamento e deterioro dos servizos públicos. Estas actuacións afectan tamén as políticas municipais condicionadas polos recortes no financiamento local, nas limitacións ao endebedamento municipal así como na redución de ingresos propios.

Nesta coxuntura os concellos nacionalistas deben ofrecer unha alternativa diferenciada do bipartidismo estatal PP-PSOE que no fondo comparten a mesma visión e orientación da política económica a aplicar diante da crise seguindo sumisamente as directrices da UE, do FMI e da propia CEOE.

Debemos, en sintonía coas propostas defendidas polo BNG para saír da crise -defensa da economía produtiva fronte á economía especulativa, aposta polos servizos públicos e sociais, apoio ás políticas fiscais progresivas, demanda de máis autogoberno para máis desenvolvemento e máis benestar- facer dos orzamentos municipais un instrumento que visualice e concretice no ámbito municipal estas propostas. Deste xeito os orzamentos municipais serán o mellor instrumento para contemplar propostas de dinamización económica e posta en valor dos recursos cos que conta cada concello, propostas favorecedoras de xeración de riqueza e emprego, propostas de fiscalidade progresiva que contemplen os niveis de renda e patrimonio, propostas de servizos de acción e promoción social que constitúan unha rede de servizos públicos municipais que cubra un amplo abano de necesidades sociais e permita que os veciños do concello disfruten dun importante capital social básico.

Os orzamentos municipais son tamén un bon instrumento para propiciar unha política de inversións que atenda a execución das prioridades estratéxicas e contribúa a dinamización económica do concello mediante a necesaria inversión pública. En definitiva, os orzamentos municipais non son un intrumento técnico-económico neutro, senón que son unha ferramenta indispensábel na orientación política estratéxica da actuación municipal e deben reflectir o proxecto municipal nacionalista para cada concello.