Orzamento Allariz 2012. Unha proposta práctica contra a crise

Orzamento Allariz 2012. Unha proposta práctica contra a crise

O orzamento do Concello para o exercicio 2012 centra os seus esforzos en manter unha política municipal de dinamización económica favorecedora da creación de emprego e asimesmo de atención prioritaria ás políticas sociais que fan de Allariz un referente en servizos públicos e calidade de vida.

Unha recente enquisa publicada no xornal La Región o 9 de maio de 2011, incidía na valoración dos veciños e veciñas sobre a situación económica de Allariz na que un 37,3% consideraba a situación boa ou moi boa fronte a un 12,7% que a consideraba que era mala ou moi mala, considerando un 42% que era regular. Estas cifras contrastaban coas publicadas doutros concellos nos que as porcentaxes de mala ou moi mala triplicaban as valoracións de boa ou moi boa.

Entendemos que dentro da afectación global da crise económica, que tamén se reflexa na situación de Allariz, as políticas municipais están paliando o efecto da crise e xerando unha positiva dinamización económica e favorecendo o mantemento do emprego e o consumo.

Deste xeito no 2012 priorizaremos os investimentos que leven asociado a xeración de emprego, a dinamización industrial, comercial e o reforzo da capacidade de atracción de Allariz con especial atención á dinamización do medio rural coa posta en valor dos seus recursos e potencialidades. Os proxectos do Plan Allariz 2020 e da Reserva da Biosfera incidirán na produción de carne de boi, produtos de horta, aproveitamento de superficies abandonadas, valorización da produción agraria e gandeira, posta en valor do patrimonio artístico, arqueolóxico ou ambiental-paixasístico, oferta de terapias con animais, etc.

Asimesmo continuaremos o impulso á nova situación de empresas no Parque Empresarial municipal de Chorente coa oferta de parcelas a 45 €/m2 e reforzaremos o atractivo das ribeiras do Arnoia coa ampliación do Festival Internacional de Xardíns e o novo parque do Ferradal que permitirá unha notable execución do corredor temático do río Arnoia.

Na dinamización comercial de Allariz continuaremos coa política de feiras e eventos incorporando dúas novas propostas centradas na degustación de carne de boi coa celebración no mes de xullo da súa primeira edición e do mercado semanal da Reserva da Biosfera para produtos ecolóxicos e venda directa de produtores.

No obxectivo de impulso ás políticas sociais manteremos a política que ten permitido facer de Allariz un referente na prestación de servizos e calidade de vida. Faremos un especial esforzo tanto pola atención aos usuarios do servizo coma polo emprego que xeran no mantemento dos servizos de axuda no fogar e xestión de programas que sufriron un extraordinario recorte nas subvencións percibidas da Xunta de Galicia.

,Un esforzo económico municipal que se plasma na consignación de 516.437 € correspondentes aos programas de acción social, promoción social, asistencia a persoas dependentes, servizos complementarios de educación e educación preescolar e primaria. Practicamente o 10% do orzamento adicado a unha política de calidade de vida e benestar social co obxectivo de facilitar o acceso dos veciños a un capital social básico que se reflexa nos servizos públicos e equipamentos que disfrutamos.

Para levar adiante estes programas procederemos a unha revisión dos ingresos municipais mantendo as políticas de anos anteriores nas subas correspondentes as taxas por prestación de servizos, coas subas de IPC e do 5% en auga e saneamento respectivamente, coa actualización da taxa de lixo polo incremento de custes no mesmo - gasóleo, SOGAMA, eliminación subvencións Xunta de Galiza voluminosos - pasando de 35 € a 38 € no rural e de 55 € a 60 € ano en Allariz.

Na ordenanza correspondente ao IBI de natureza urbana, unha vez que o proceso de incorporación dos valores da revisión catastral á base impoñíbel foise efectuando nestes 10 últimos anos, tendo en conta o baixo valor catastral das propiedades urbanas - o 75% dos bens inmobles teñen un valor inferior a 6.000 € e pagan un recibo anual inferior a 30 € e só 251 recibos, correspondentes a un valor catastral superior os 60.000 €, superan os 300 € - procederase a unha actualización do gravame municipal que se mantivo no 0.50 inalterábel nestes anos pasando agora ao 0,56% para o 2012. Entendemos que este é o imposto mais progresivo co que conta o concello, gravando o patrimonio urbano, polo que, con xustiza social, o incremento de 6 € por cada 10.000 € de valor catastral neste ano 2012, repercutirá escalonadamente en función deste patrimonio e permitirá financiar as políticas sociais a desenvolver polo concello sen proceder a súa eliminación.

Do mesmo xeito e co mesmo obxectivo, procederase a unha actualización do IVTM nun 10% para o ano 2012, por estar en todos estes anos nos seus valores mínimos e sendo este incremento tamén progresivo fiscalmente por canto vai repercutir nos propietarios en función do valor patrimonial dos vehículos.

Con estas actualizacións fiscais conseguiremos asimesmo mellorar a autonomía financeira municipal facendo fronte a reducións de ingresos de outras administracións e posibilitando manter os obxectivos de dinamización económica, emprego e política social dunha forma xusta e equilibrada fiscalmente.

,A racionalización do gasto, a priorización das políticas reais de dinamización económica e atención as políticas sociais, o esforzo inversor, o mantemento do emprego municipal e a busca da creación de emprego co apoio a proxectos produtivos de desenvolvemento local, marcan as liñas de actuación do ORZAMENTO 2012 para facer fronte a unha crise económica que se agrava coas medidas que a UE está impoñendo de carácter neoliberal facendo recaer as súas consecuencias nunha maioría social de traballadores, autónomos, comerciantes, pensionistas, pequena e media empresa que ve como se paraliza a contratación pública, o consumo, o acceso ao crédito e como se recortan dereitos e conquistas sociais co pretexto da crise e a absoluta priorización do pagamento da débeda e dos seus intereses abusivos. As súas consecuencias fanse sentir en moitos sectores económicos e sociais do noso concello e o orzamento municipal para o ano 2012, trata de prestar especial atención a todos eles procurando atender as súas demandas e prioridades co obxectivo de manter un desenvolvemento económico e social sostible.