Oportunidade perdida para unha nova administración local galega

Oportunidade perdida para unha nova administración local galega

Un tema recorrente nos xornais nos últimos tempos, con toda a razón do mundo, é a situación financeira dos nosos concellos. Parecía que a cita asemblearia das entidades locais en Santiago de Compostela era o lugar idóneo para afrontar os problemas de xeito decidido e reivindicativo, pero non pasou de enunciar as problemáticas e propoñer medidas tibias diluídas baixo a presión dos grandes partidos estatais.

Para o BNG cómpre unha ambiciosa reforma da estrutura institucional local, baseada na racionalidade, na eficacia e na eficiencia do gasto público, encamiñada a configurar un novo mapa institucional que adecúe os entes locais á nosa realidade e permita superar a actual delimitación provincial e as propias deputacións. É preciso reducir as súas atribucións e funcións e, mentres non se aborde a reforma institucional que cómpre, manter exclusivamente as que se relacionan coa asistencia aos municipios, traspasándolle á Xunta o resto de funcións.

A oposición frontal do PP e sorprendentemente do PSOE, contrariamente ao exposto no seu programa electoral para o 20N, a todo o que fora falar non xa de supresión de deputacións senón da diminución das súas competencias, impediu acordar esta medida necesaria e valente. Mesmo incluso propuxeron o incremento dalgunhas das súas competencias a través de cesións da Xunta de Galiza.

Todo o mundo entende e acepta que é a colaboración entre os municipios na prestación de servizos o que pode axudar enormemente a que estes podan ser afrontados e desenvolvidos dun xeito máis eficiente.

Máis fronte a afirmacións descafeinadas de apostar polas asociacións voluntarias de municipios que polo seu carácter intrínseco de voluntarias tanto poden funcionar como non facelo en absoluto, entendemos que esa intensificación da cooperación entre os concellos da mesma área xeográfica natural e económica para prestar os servizos locais de xeito mancomunado ou consorciado ten que ser a vía cara a unha estrutura comarcal institucional que permitirá administrar mellor os recursos públicos e fornecer unhas mellores prestacións aos cidadáns.

Reclámase unha Lei reguladora das facendas locais de Galiza nas resolucións da Asemblea pero falta concretar a súa filosofía que debe de ir nitidamente en contra da realidade actual de concellos subvencionados ou subsidiados, construíndo unha estrutura en base a mecanismos que permitan as facendas locais responsábeis manter os servizos básicos que a cidadanía demanda e necesita.

Ben é certo que os concellos prestan servizos que non son da súa competencia, e as veces isto o fan afrontando gastos que non lles corresponden e outras recibindo as referidas subvencións que van minguando de exercicio en exercicio tendo que afrontarse cada vez máis desenvolsos cando non unha asunción total do servizo. Neste senso reclámase nas resolucións un efectivo cumprimento do Pacto Local e a asunción dos centros de saúde de titularidade municipal, así como dos gastos de mantemento dos centros de ensino. Porén unha emenda presentada na asemblea que propuña que a Xunta se fixera cargo dos gastos de mantemento e prestación do servizo dos centros de día, de clara competencia autonómica, e que na actualidade están a sufragar diversos concellos, foi rexeitada cos votos en contra do partido popular, suponse que por ordes de arriba pois que de seguro que os rexedores do PP estaban a favor da medida.

Hai aspectos que claramente entraban en confronto coa Xunta e polo tanto parecían de imposible aceptación polo PP tales como os recortes ao plan concertado ou a reclamación dun trato igualitario e obxectivo aos concellos galegos por parte desta. Ademais tentouse, sen éxito, incorporar a demanda de modificación da Lei de Augas, feita sen a conformidade da Fegamp e baixo consideracións meramente recadadoras. En concreto cumpría modificar ou retirar directamente o canon que grava o consumo de auga en casos pouco razoables e cuns incrementos a respecto do anterior canon de saneamento que sobordan toda lóxica.

En relación co urbanismo non foi posible a inclusión, en grande medida polas erráticas concepcións do PSOE, de recomendacións de medidas marco que deberan fundamentar os obxectivos dun Plan Xeral, tales como a redución das densidades globais en canto a vivendas/hectárea, a contención nos solos urbanos consolidados cunha rebaixa substancial das alturas nos barrios saturados que leven a un equilibrio máis humano na relación entre o ancho de rúa e a altura das edificacións, o fomento da rehabilitación do construído, a preservación do patrimonio e o incremento dos espazos libres en todo o contorno urbano.

Resumindo, non semella pois que cunhas medidas tíbias se vaian a solucionar os graves problemas dos nosos municipios. A redución de ingresos pola crise, unido á diminución dos cartos por participación nos ingresos do estado e de Galiza (PIE e FCL) e a devolución de cantidades anticipadas en anteriores exercicios por malos cálculos debidos a erróneas previsións, debullan un porvir non precisamente optimista. Solo medidas valentes e directas que eliminen institucións obsoletas, artellen instrumentos institucionais de colaboración na prestación de servizos e afronten o financiamento dun xeito corresponsábel eliminando a asunción de competencias impropias permitirán, entre outras medidas de contención de gasto sen diminución de servizos propios, encarar o futuro.