Open Data: Transparencia e rendibilidade na Administración

Open Data: Transparencia e rendibilidade na Administración

A Lei de transparencia, o momento político actual e a escandalosa abundancia de casos de corrupción que saíron e seguen saíndo á luz están obrigando ás administracións a levar a cabo actuacións en materia de transparencia que moitas veces non deixan de ser unha pose e que outras confúndense con colgar determinados datos nunha web. Ser transparente é un xeito de gobernar, de actuar que leva consigo, ao tempo, facilitar a implicación de todas e todos na labor. A posta a disposición dos datos públicos (que o son xa por definición) forma parte desta actitude que ademais xera unha serie de beneficios para o propio goberno e para o pobo en xeral.

O mundo é testemuña dunha significativa transformación global, favorecida pola tecnoloxía e os medios dixitais e impulsada polos datos e a información. Esta transformación ten un enorme potencial para promover gobernos, sociedade civil e organizacións do sector privado máis transparentes, responsábeis, eficientes, receptivas e efectivas, así como para apoiar o deseño, entrega e avaliación das metas de desenvolvemento sostíbel. Os datos abertos están xusto no centro deste cambio dixital e ofrecen unha oportunidade que se ten que aproveitar.

Moitos destes datos en poder da administración non son explotados, xa sexa por falta de persoal, medios ou tempo, máis a disposición de persoas, empresas u organismos poden ser utilizados para a realización de estudos, aplicacións ou outro tipo de ferramentas que poden reverter no beneficio da propia administración e de todas e todos, incluídos as e os que os realizan porque non.

Os datos abertos poden fornecer aos gobernos no seu traballo cara a mellores resultados nos servizos públicos en eidos como a saúde, ensino, seguridade pública, protección do medio ambiente, dereitos humanos e desastres naturais, entre outros. Poden contribuír ademais na xeración de crecemento económico inclusivo ao apoiar a creación e o fortalecemento de novos mercados, empresas e empregos.

As políticas públicas pódense basear na evidencia mostrando como e onde se gastan os cartos públicos e que se fai dun xeito eficaz. Ademais van a permitir a avaliación do impacto dos programas públicos. Os datos abertos son pois, un ben público clave que pode ser utilizado para xerar valor, coñecemento, ideas e servizos co fin de crear un espazo de convivencia mellor para todas e todos. Aseguran tamén a participación cívica na toma de decisións e a rendición de contas dos gobernos.

Por outra banda temos que constatar que, desafortunadamente, non en todas as administracións están abertos por defecto ou son oportunos, exhaustivos, accesibles, utilizables, comparables e interoperables. Definitivamente están sendo infrautilizados e polo tanto estamos desaproveitando tan poderosa ferramenta.

Os datos abertos teñen unha ética similar a outros movementos xurdidos ao amparo das tecnoloxías da información como son o software libre e o de código aberto. Neste caso arguméntase que hai moitas fontes de datos que historicamente sempre estiveron baixo o control das organizacións públicas e sometidas a un acceso restrinxido. Trátase de que sexan postas a disposición sen limitacións de acceso dado que por propia definición (públicos) pertencen á propia sociedade que ao cabo foi quen financiou a súa xeración.

Falemos finalmente dunha eiva que a propia información trae aparellada como é a grande acumulación de datos que dificulta a súa explotación. Felizmente xa existe unha disciplina que afonda na procura de procedementos de busca de patróns repetitivos e que se ocupa de todas as actividades relacionadas cos sistemas que manipulan grandes conxuntos de datos: Chámase Big Data (Datos a grande escala).

Os Big Data son a pedra fulcral das emerxentes Smart Cities e o terán que ser nas aínda pouco exploradas Smart Rurais. A explosión dos datos públicos e os xerados polas interaccións das persoas nas redes sociais e dos sensores e dispositivos conectados traen consigo o desenvolvemento de técnicas para capturar, almacenar, procesar e analizar todo ese potencial de datos e transformalo en coñecemento útil para a toma de decisións e incluso para anticiparse a posibles acontecementos futuros.

Moito podíamos falar deste tema máis rematemos citando uns posibles exemplos, entre outros moitos, de utilización, como son a seguridade pública (videovixilancia, xeolocalización de vehículos, sensores de mobilidade e alertas), a mobilidade urbana (anticipación de atascos e actuación na rede semafórica e na desviación de tráfico), a xestión da auga (fugas e control da calidade da auga), a enerxía e eficiencia eléctrica (utilización eficiente de rede e aforro enerxético), residuos urbanos (capacidade contedores, definición rutas óptimas recollida, xestión queixas cidadás) e a análise do sentimento das persoas (recollida opinións, aspectos prioritarios de actuación, resposta a peticións inmediata).


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.